martes, 2 de mayo de 2023

VISITA DO ALUMNADO DE 2º ESO A COMPOSTELA

 Os alumnos de 2º de ESO  fomos de excursión a visitar Compostela coas profes Yoli e Rocío. O programa incluía unha visita aos museos da catedral e ao Pórtico da Gloria restaurado fai uns cantos anos. A verdade é que é espectacular. Despois  da restauración resalta máis a súa policromía e os detalles.

Aprendemos cousas que non sabiamos da man da guía da catedral e da nosa profe de historia Rocío. Logo puidemos ver polo miúdo o interior. Queriamos visitar as reliquias que uns pensaban de Santiago e outros de Prisciliano. Percorremos o interior, sobre todo vendo as capelas da ábsida e a Capela da Corticela. Con isto e a visita polas fachadas exteriores, rematamos a parte da Catedral e comezou a actividade sorpresa: unha carreira na procura de lugares polo casco histórico da cidade.

Divididos en grupos aleatorios, tiñamos que buscar diferentes sitios no casco antigo de Compostela. Axudados pola tecnoloxía e cunha aplicación de móbil onde, nun plano da cidade, se marcaban os diferentes puntos coa información e pistas sobre o que tiñamos que atopar, partimos  cara a aventura. Tiñamos que localizar 13 puntos da cidade e, en cada un, facer un selfi onde saíran todos os integrantes do grupo.

A verdade e que o pasamos xenial e nos pareceu un xeito divertido de aprender un montón sobre Compostela, de cooperar en grupo e tamén un bo exercicio de orientación sobre o plano.  Rematamos cansos e chegou a hora de xantar. Tiñamos diferentes opcións para comer aínda que a maioría optou polo equilibrado menú do Burguer King ou o McDonalds.

Chegamos cansos pero contentos!. Un día xenial.






No hay comentarios:

Publicar un comentario