Mostrando entradas con la etiqueta 1º E.S.O.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 1º E.S.O.. Mostrar todas las entradas

jueves, 21 de mayo de 2026

UNHA XORNADA ENTRE ASTROS: PREPARÁNDONOS PARA A ECLIPSE SOLAR

 Hoxe, xoves 21 de maio,os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria tiveron o pracer de recibir no colexio a Lorenzo Capllonch Blanco e Celsa Formoso, dous grandes afeccionados á astronomía e expertos no funcionamento dos reloxos de sol. A súa visita tivo un obxectivo moi especial: impartir un obradoiro sobre un fenómeno histórico que viviremos en primeira persoa o vindeiro 12 de agosto, unha eclipse solar total.

Lorenzo Capllonch, avogado e arquitecto técnico de profesión, é natural de Felanitx (Mallorca), aínda que goza dos seus veráns na nosa terra, na súa casa de Seselle. Pola súa banda, a nosa amiga e colaboradora asidua, Celsa Formoso Martínez, é ferrolá, bióloga, profesora xubilada e veciña de Ares.

 

 

Ciencia con moita arte

Dun xeito moi didáctico e ameno, explicáronnos como se produce unha eclipse de sol. Para facelo, botaron man da imaxinación e de materiais moi sinxelos: unha lanterna e varias bolas de porexpán que representaban o Sol, a Terra e a Lúa. Ademais, mediante o xogo de sombras chinesas, mostráronnos visualmente o momento exacto no que a Lúa se interpón entre o noso planeta e o Sol. Tampouco esqueceron darnos consellos fundamentais para observar a eclipse de forma segura e gozar ao máximo deste momento tan especial. Foi, sen dúbida, un obradoiro fantástico do que aprendemos moitísimo.

 

Pequenos grandes científicos

Aproveitando esta visita tan especial, os nenos e nenas do 1º ciclo de primaria convertéronse tamén en relatores. Explicaron con moito entusiasmo todo o que estiveron a investigar e traballar na aula sobre o universo e os planetas. Como broche de ouro, amosáronlles aos invitados unhas fantásticas creacións planetarias que elaboraron eles mesmos na clase, demostrando que son uns auténticos expertos no sistema solar.

Creatividade en 1º de ESO

A xornada completouse coa participación do alumnado de 1º de ESO, que compartiu con todos nós un conto creado por eles mesmos e ilustrado con axuda da Intelixencia Artificial. O relato, titulado Xandre e a eclipse na ría de Ares, narra a historia dun neno de dez anos cun gran espírito aventureiro que se achega ata o miradoiro da Bailadora para presenciar o fenómeno xunto aos seus amigos Unha verdadeira eclipse de soños e amizade que, con certeza, deixou unha pegada moi luminosa no corazón de todos os que participamos nesta actividade.




Un agradecemento moi especial

Dende o centro queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a Lorenzo Capllonch e a Celsa Formoso polo seu tempo, a súa dedicación e por agasallarnos cunha charla tan enriquecedora e dinámica.

É unha sorte inmensa contar con persoas coma eles: sempre que os chamamos para colaborar co colexio, están dispostos a axudar e a compartir a súa sabedoría co noso alumnado co mellor dos seus sorrisos. Grazas de corazón por ser parte activa da nosa comunidade educativa e por iluminar o noso camiño cara ás estrelas! 🌌✨

 

lunes, 18 de enero de 2021

ACTIVISTAS POLO MUNDO QUE QUEREMOS

Inauguramos  unha  nova travesía dentro do Plan  Proxecta dá Xunta de Galicia acompañados por un grupo de Ongs que se  uniron  coa meta de transformar este o noso mundo desigual por outro máis xusto e equitativo.

Este proxecto pretende apoiar ao alumnado para que coñeza e, dalgunha maneira, entre a formar parte deste movemento global de mocidade inspiradora. Todo isto, para fomentar o respecto e a valoración da diversidade como algo enriquecedor, o consumo responsable, a conciencia ambiental, o respecto aos  DD. HH, o coñecemento dos  ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) a igualdade de xénero... e ademais potenciar habilidades e actitudes como o diálogo, a corresponsabilidade, a empatía, a resolución positiva dos conflitos e a solidariedade, desde unha conciencia crítica, activa, investigadora, non conformista e motivando o OPTIMISMO CARA O CAMBIO.

Así o pasado  luns 18 de  xaneiro  tivemos o  primeiro taller  nas aulas como punto de inicio. Nesta ocasión  coa visita de María Caride e Ángela  quenes con grandes  doses de entusiasmo e  unha  ollada  moi positiva  fixeron reflexionar  ao alumnado de 1º e 2º de ESO  sobre Que significa ser activista?.

A través dunha dinámica os rapaces e rapazas analizaron as problemáticas que afectan a milleiros de persoas no noso planeta, e foron quen de idear solucións para erradicalas.









miércoles, 12 de febrero de 2020

VIDAS, TORRENTE E MENINAS NUNHA MESMA XORNADA. SAÍDA DE 1º DA ESO A FERROL


Hoxe o alumnado de 1º da ESO realizou unha marabillosa e moi produtiva saída cultural a Ferrol.  Primeiro achegáronse ao  Centro Cultural Torrente Ballester onde puideron ver a estupenda exposición do fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón titulada “Vidas”. Unha mostra fotográfica na que partindo sempre da sensibilidade e o respecto, plasmou  todas esas almas que tiveron que abandonar a súa terra  e cruzar fronteiras na procura dun novo lugar onde asentarse. A través de máis de setenta imaxes capturadas en más de trinta países de América, África, Europa e Asia durante os últimos vinte años, Gabriel Tizón amosa realidades duras, moitas veces descoñecidas, pero tamén instantáneas nas que a felicidade e a esperanza ábrense camiño a pesares da adversidade.


Tamén no torrente Ballester percorreron a exposición “Imaxe de cen anos”, unha mostra coa que o Concello de Ferrol abre o ano dedicado ao profesor Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano se lle dedica  o Día das Letras Galegas. Nela puideron percorrer a vida e a obra do autor ademais dunha serie de artigos cedidos pola súa familia, como as medallas da RAG e de Cátedra, os reloxos de man e bolsillo, ou o seu bastón.


E para finalizar o percorrido que mellor que unha visita guiada ás Meninas de Canido, un exemplo de como a arte urbana pode mudar por completo no só o aspecto exterior e a fisionomía dun barrio, senón tamén a alma e a vida do mesmo.

Desde unha das localizacións máis privilexiada, o can do cadro das Meninas mira cara ao infinito, botella en man,  pasando de papel secundario a protagonista, caracterizado coa indumentaria do pintor. 


martes, 18 de junio de 2019

XORNADA DE ACOLLIDA AO ALUMNADO DE 6º DE PRIMARIA


O xoves 13 de xuño o alumnado de 1º de ESO recibiu na aula de Usos Múltiples aos seus compañeiros de 6º de Educación Primaria que viñeron acompañados das súas titoras: Marina e Montse. Nesta sesión  os alumnos de 1º de ESO: Isaac, Maxi, Gonzalo e Iván, comentáronlles as características da nova etapa,  as materias do 1º curso de ESO,  os criterios de avaliación e promoción, os horarios da nova etapa e tamén lles deron uns consellos  para que leven ben o novo curso  que comezarán en setembro. Despois  a xornada continuou  cun pequeno percorrido polo centro parándose nas aulas específicas de Educación Plástica Visual e Audiovisual, a aula de Música e o Laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía. Para rematar a xornada o alumnado visitou tamén as aulas de 1º de ESO e  recibiron un regalo moi especial dos seus compañeiros de 1º de ESO:  unhas cartas moi emotivas  relatando a súa experiencia durante o presente curso escolar.
Esperámosvos para o próximo curso cos brazos abertos!!!






viernes, 30 de noviembre de 2018

ALUMNADO DE 1º E 3º DA ESO FAN CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN PARA RECICLAR


Este curso o noso centro está inscrito no Concurso PILABOT, para fomentar a recollida de pilas e acumuladores portátiles entre toda a Comunidade Educativa. Así alumnado de 3º e 1º de ESO estiveron a facer Campaña de Sensibilización en todos os cursos co propósito de concienciar e fomentar a reciclaxe. Todos os nenos e nenas recibiron información sobre a campaña e levaron para a súa casa unha pequena caixa contedora para recoller as pilas e acumuladores usados. Animamos a todos a colaborar coa reciclaxe xa que necesítase a colaboración de toda a sociedade.

Para que as túas pilas usadas poidan ser recicladas, é preciso:
  1. Realizar unha recollida selectiva dentro do fogar, apartando as pilas do resto de residuos.
  2. Levar as pilas usadas a un contedor especial que podemos atopar no noso centro educativo, centros públicos como o Concello, comercios ou puntos limpos.
  O QUE NON DEBEMOS FACER
Nunca debemos tirar as pilas usadas co resto do lixo ou, o que é aínda peor, arroxalas sen control.

Neste enlace  http://pilabot.gal/recicla-con-enerxia/ podedes informarvos de cousas moi interesantes sobre: que é unha pila,como funciona,que facer coas pilas usadas, en que consiste o proceso de reciclaxe e moitas cousas máis.

Aquí vemos aos alumnos e alumas de 1º e 3º de ESO facendo a Campaña de Sensibilización.



martes, 15 de marzo de 2011

VISITOUNOS ANXO FARIÑA

Xa vedes, retrasámonos "algo" en comentarmos a visita de Anxo Fariña do día 22.
O obradoiro que este ilustrador presentou enmárcase, como el mesmo vos lembrou, no programa Bocaberta e titúlase Ti creas a historia. Para impartir este obradoiro-conferencia, o ilustrador baseouse na lectura do primeiro libro dos Megatoxos: Os Megatoxos e o aprendiz de druída. Todos e todas vós lestes este libro, e algúns, os outros dous títulos desta colección que están publicados.
Lembrades que nos aprendeu? Aprendeunos a crear os elementos dunha historia, especialmente os personaxes, e animouvos a enviarlle as vosas ideas sobre lugares, personaxes, obxectos máxicos, etc., que poida utilizar na próxima entrega.
O proceso de achega de materiais poderédelo seguir no blog www.megatoxos.com e rematará coa creación dunha historieta baseada nas ideas recollidas entre os rapaces e rapazas de todos os centros que Anxo Fariña visite.
ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR, tiñades boas ideas. Se queredes participar, só tedes que achegar o material que elaboredes ao enderezo que aparece arriba.
Foi unha actividade divertida e deixounos impresionados coa súa facilidade para debuxar un personaxe cun par de liñas.




martes, 6 de abril de 2010

VISITOUNOS ANXO FARIÑA

O ilustrador e debuxante Anxo Fariña visitou o noso centro para manter un encontro co alumnado de 1ºESO que na 1ª avaliación leu Os megatoxos e o aprendiz de druída.
Moito do noso alumnado, enganchado co seu primeiro libro, decidiu ler os outros dous títulos desta entrega: Os megatoxos e a espada esmeralda e Os megatoxos e os templarios da luz.

Contounos moitas cousas da súa obra como ilustrador e como autor, dos seus personaxes, das súas teimas ao debuxar. Explicounos como naceron os Megatoxos, converteu a Brais nun hipotético personaxe da serie, pois asegurounos que haberá unha cuarta entrega; e por suposto asinou os libros para deixar pegada en nós do seu paso polo noso centro. Grazas, Anxo, pola túa visita e por facernos gozar do teu bo facer.

Nos esquezades que podedes visitar a súa páxina e reflectir nela as vosas impresións sobre a súa obra http://introterrestres.blogspot.com/.

Tamén podedes facer comentarios no noso blogue.


Anxo Fariña falando dos Pelelliños

O alumnado gozando da exposición

 
Brais preséntase voluntario para que o debuxen

Anxo converte a Brais en Megatoxo

Anxo Fariña asínalles os libros aos alumnos

                      





martes, 12 de enero de 2010

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENOS E AS NENAS

Con motivo do "Día Internacional dos Dereitos dos Nen@s", os alumnos e alumnas de 2º e 3º curso da E.S.O. realizaron un traballo  na aula de informática sobre este evento. A través del poideron reflexionar sobre as oportunidades, os dereitos e deberes que teñen todos os nenos e nenas do mundo.
A continuación podemos ver o resultado de tan fenomenal traballo.


dereitos do neno
View more presentations or Upload your own.

Tamén os alumnos/as de 1º da E.S.O. traballaron os dereitos dos nenos  elaborando un mural e aportando as suas reflexións e textos alusivos aos mesmos.






--------------------------------------------------------------------------------------
CONCERTO DIDÁCTICO PARA OS ALUMNOS DE PRIMARIA