sábado, 29 de octubre de 2022

FOTOGRAFIANDO A NOSA CONTORNA

Esta semana o alumnado da ESO realizou unha saída pola nosa vila para plasmar coas súas cámaras e dispositivos móbiles algúns espazos da nosa contorna. Desde aquí queremos invitar a toda a rapazada a que siga tomando e aportando fotografías de todos os lugares do noso concello: Ares, Redes, Lubre, Cervás, Chanteiro.... Temos moito que amosar  en todos os ámbitos e a vosa perspectiva é fundamental.

Recordade tamén que o prazo para presentar as vosas fotografías ao VI Concurso de Fotografía Xuvenil que organiza o noso concello remata o 4 de novembro ás 20:00 horas

Aquí deixamos un pequeno vídeo do noso percorrido fotográfico.


sábado, 22 de octubre de 2022

CARTA AOS NOS@S COMPAÑEIR@S DE CÁDIZ. AMBIENTES

E como seguimos con moita intriga… puxémonos lapis en man e escribimos unha carta chea de preguntas para os compañeiros e compañeiras de Cádiz.

Con moita ilusión fomos levala á oficina de Correos e alí, a carteira, moi amablemente explicounos moitas cousas sobre o percorrido da nosa carta e o tempo que ía tardar en chegar a Cádiz.

Pero como non podemos parar, mentres esperamos a resposta, comezamos a traballar nas nosas clases por ambientes de aprendizaxe e, por suposto, seguimos aprendendo moitísimas cousas que nos axudarán a  resolver o misterio final.

miércoles, 19 de octubre de 2022

VI CONCURSO FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES


Xa temos de novo  a sexta edición do Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares.

Como en anos anteriores o certame convida á mocidade do noso concello a atopar espazos, obxectos, festas e eventos representativos tanto da súa contorna coma da súa propia identidade.

 Cada participante pode presentar un máximo de dúas imaxes sen editar ou mellorar e totalmente orixinais (tomadas ao longo de 2022 e non publicadas con anterioridade). O xurado, designado pola Concellaría de Cultura, avaliará as fotografías en función do adecuado seguimento das bases, a súa orixinalidade e creatividade e, tamén, a representatividade do pobo de Ares.

Establécense dúas categorías de participación, unha de 8 a 12 anos e outra de 13 a 18, seleccionándose 3 instantáneas por cada unha delas. En ambas haberá un primeiro premio de carácter tecnolóxico (IPad ou cámara de fotos) e un segundo e terceiro premios con lotes de libros. As fotografías gañadoras tamén pasarán a formar parte do calendario de 2023 do Concello que se reparte por toda a localidade, sempre debidamente identificadas coas súas autorías.

O envío das fotografías  está aberto dende o 18 de outubro, ata o 4 de novembro ás 20:00 horas, remitindo as fotografías e o formulario de participación a concursofotografia@concellodeares.com

 Para descargar os formularios de participación así como as bases en PDF podedes premer nos seguintes enlaces

👉FORMULARIO INSCRICIÓN CONCURSO FOTOGRAFÍA XUVENILCONCELLO DE ARES- CPI ASMIRANDAS

👉FORMULARIO AUTORIZACIÓN DEIMAXES DE TERCEIROS

👉BASES en pdf

domingo, 16 de octubre de 2022

PROCURANDO PISTAS COA AXUDA DO ALUMNADO DE 5º E 6º. Proxecto 1º ciclo E.P.

 O alumnado de 1º e 2º de primaria seguimos á busca de pistas para resolver o misterio das especias encontradas no cofre na ría de Ares. Esta vez os nosos/as compañeiros/as de 5º e 6º axudáronnos  contándonos unha morea de cousas que non sabiamos.  

Mirade o vídeo.

jueves, 6 de octubre de 2022

NA PROCURA DO COFRE MISTERIOSO. Alumnado do 1º ciclo de primaria

 Os menos e nenas de 1º e 2º de primaria andan envoltos nun misterio. O luns recibiron unha carta de Dani, mariñeiro  de Ares, pedíndolles colaboración para rescatar un tesouro don fondo do mar. E aló foron.

No porto de Ares descubriron un cofre cheo dunha especia…por que?, para que?

Estade atentos e atentas que seguiremos investigando e informándovos do que vaia acontecendo.

miércoles, 5 de octubre de 2022

CONCERTO DE MJ PÉREZ NOS ACTOS DO DÍA DO ORGULLO NEOFALANTE

 Hoxe  o alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu ao concerto que a cantautora MJ Pérez ofreceu no salón de actos da Alianza Aresana dentro das actividades que se están a desenvolver para conmemorar o Día do Orgullo Neofalante.

Un acto no que a rapazada que fai varios anos signou unha das súas cancións no concurso “Cantando coas mans” puido reencontarse con ela a acompañala de novo signando a canción “O fío do que pendo”.

Un luxo poder contar con MJ Pérez e vibrar coa súa música e as súas palabras.

Grazas a área de Cultura e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol pola organización deste concerto.


Aquí tedes un pequeno vídeo do acto.












martes, 4 de octubre de 2022

Apadriñamentos lectores

Xa estamos de volta!!!

Con motivo da apertura da nosa biblioteca e para conmemorar o mes das bibliotecas escolares decidimos facer unha semana de apadriñamentos.

 Os apadriñamentos son unha experiencia de fomento de lectura na que o alumnado de cursos superiores conta contos ao alumnado máis pequeno. Esta actividade nos permite mellorar a capacidade lectora e de escoita activa e mellorar as relacións interpersoais do alumnado do centro

Hoxe comezamos con 5ºA que apadriñou aos alumnos de 6º de E.I. A

Aquí vos deixamos unha pequena mostra:











INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "CANTÁMOLA" NO DÍA DO ORGULLO NEOFALANTE

Hoxe o alumnado a través dun manifesto inaugurou a mostra “Cantámola”, dentro das actividades que estamos a realizar para conmemorar o Día do Orgullo Neofalante. Unha exposición que nos achega o Servizo de Normalización Lingüística da mancomunidade e a través da cal teremos a oportunidade de coñecer o amplo panorama musical en galego.