Mostrando entradas con la etiqueta 4º ESO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 4º ESO. Mostrar todas las entradas

martes, 15 de abril de 2025

RECOLLIDA DE MOSTRAS PARA O NOSO PROXECTO DE BIOLOXÍA

 Hoxe queremos compartir con todos vós unha experiencia emocionante na que estamos inmersos: un proxecto de bioloxía no que colaboraremos co  xenetista Angel Carracedo, e que centraremos  no estudo da xenética dos poliquetos, uns fascinantes gusanos anélidos mariños que habitan no noso litoral. Este proxecto promete ser moi enriquecedor e, en breve, darémosvos conta del.

Para a recollida de mostras do proxecto,que fixemos hoxe na praia de Centeás,  tivemos a sorte de contar cun convidado moi especial: Javier Cristobo, biólogo e científico aresano. Aínda que acaba de regresar dunha expedición á Antártida, Javier non dubidou en atender a nosa chamada e fixo unha viaxe relámpago a Ares para acompañarnos na recollida de mostras.

Durante a súa visita, Javier ofrecéunos unha clase maxistral, onde nos explicou detalladamente o método de recollida de especies, como conservar o material xenético que obtivemos, e como etiquetar correctamente as mostras. Aprendemos del un sen fin de cousas que serán fundamentais para o noso proxecto.

Queremos agradecer a Javier a súa inestimable axuda e o seu compromiso co noso alumnado. A súa disposición para ensinar e motivar é un exemplo a seguir. Grazas mil, Javier! Estamos emocionados por todo o que nos queda por descubrir neste proxecto e por contar con persoas coma ti que nos inspiran a seguir aprendendo.

Estade atentos, porque pronto compartiremos máis novidades sobre o noso traballo!

martes, 1 de abril de 2025

O ALUMNADO DE ESO VISITA A EXPOSICIÓN GALICIA EN FOCO

Hoxe, o alumnado de 4º e 3º de ESO tivemos a oportunidade de achegarnos á Casa da Xuventude para visitar a exposición "Galicia en Foco". Esta mostra fotográfica, que xa chega á súa 33ª edición, é un verdadeiro agasallo para os amantes do fotoxornalismo e da cultura galega. Ao entrar na sala, fomos recibidos por unha serie de imaxes que capturan a esencia da nosa terra. Cada fotografía é unha crónica visual que narra os grandes acontecementos que a sociedade galega viviu nos últimos tempos. Desde festivais tradicionais até momentos de cambio social, cada instantánea contaba unha historia que nos conectaba co noso entorno e a nosa historia. A través da óptica dos fotoxornalistas, puidemos apreciar o seu labor e profesionalidade, que se traduce en imaxes poderosas e cheas de significado. É impresionante ver como cada fotógrafo consegue capturar a esencia do momento, convertendo a súa mirada en testemuña da Galicia contemporánea. A verdade é que as fotografías nos impresionaron moito. Cada unha delas era un convite a mergullarnos na historia que contaban, e a todos nos gustou moito a exposición. Recomendamos a todo o mundo que se achegue a visitala, non vos deixará indiferentes.

 








miércoles, 26 de marzo de 2025

EXCURSIÓN A LUGO

   O pasado luns, día 24, as alumnas e alumnos de Terceiro e Cuarto de ESO A embarcáronse nunha emocionante excursión a Lugo, unha cidade rica en historia e cultura. Desde o primeiro momento o alumnado estaba ansioso por descubrir todo o que esta xornada tiña preparada para eles.

A primeira parada foi o impresionante Castro de Viladonga. Alí, tivemos a oportunidade de realizar unha visita guiada que nos levou a través dos restos arqueolóxicos que nos contan a historia dos nosos antepasados. O museo do castro, que alberga todos os achados recuperados no xacemento, foi un verdadeiro tesouro de información. Para rematar a visita, participaron nunha actividade de cerámica, onde puideron dar rienda solta á súa creatividade.     



Despois de tanta emoción, chegou o momento de xantar e dar un paseo por Lugo. Esta parte da excursión foi, sen dúbida, unha das máis queridas pola rapazada.

Xa pola tarde, as actividades continuaron, pero cada grupo tomou un rumbo diferente. Os alumnos de Cuarto dirixíronse ao Centro de Interpretación da Muralla, onde aprenderon sobre a historia e a importancia desta monumental edificación. As informacións que descubriron foron realmente interesantes e enriqueceron o seu coñecemento sobre a cidade.

Mentres tanto, os de Terceiro visitaron o Museo do Vello Cárcere. Alí, realizaron unha visita guiada pola exposición permanente que aborda a represión, un tema de gran relevancia na nosa historia. Despois, tiveron a oportunidade de realizar un traballo de investigación nos fondos do museo, onde visionaron  materiais que lles permitiron profundizar no tema. Para finalizar, fixeron unha posta en común sobre a información obtida, compartindo as súas reflexións e aprendizaxes.

    Foi unha xornada estupenda na que aprendemos dunha xeito diferente.

  


miércoles, 12 de febrero de 2025

VISITA DE EXDEPUTADOS/AS DO PARLAMENTO DE GALICIA

 En febreiro un exdeputado e dúas exdeputadas, representantes de diferentes grupos políticos, visitáronnos para darnos unha charla sobre as súas experiencias ao longo da súa vida política. Recalcáronnos sobre todo a importancia tanto de votar como de involucrarse na política, xa que é a forma de decidir aos nosos representantes. Se nós non nos interesamos pola política, a política decidirá por nós varios aspectos da nosa vida.

 


jueves, 28 de noviembre de 2024

VISITA AOS XULGADOS DA CORUÑA- 4º ESO


 O día 27 de novembro o alumnado de 4º de ESO do CPI As Mirandas realizou unha saída educativa aos xulgados da antiga Audiencia Provincial da Coruña, dentro do programa Educar en Xustiza.

Previamente, a nosa profesora, Ángela, mostrounos conceptos, léxico e un vídeo con información básica para entender o funcionamento dun xuízo e entrar en contacto coa xerga propia deste ámbito e coñecer de forma directa como se imparten as leis no noso país.

Durante a visita, o alumnado tivo a oportunidade de percorrer algunhas instalacións do edificio e de asistir como público a varios xuízos reais. Isto permitiulles observar con atención como se desenrola unha vista oral, como actúan os xuices e xuízas, fiscais, avogados e resto das persoas que forman parte do proceso xudicial.

Unha vez na sala a xuiza dounos unha charla introdutoria sobre o que iamos ver, despois celebráronse varios xuizos: un roubo nunha tenda, ameazas, unha agresión... Todos tiñan unha estrutura definida: primeiro declaraba a parte demandante, logo os testemuñas (se os había) e, por último, a parte demandada, que declaraba e respondía ás preguntas do fiscal. Nalgunha ocasión a xuíza nos explicaba ou aclaraba cuestións sobre estes delitos.

Grazas a estas explicacións puideron comprender mellor o  concepto como a xustiza, os dereitos das persoas e a importancia de respectar as normas que nos permiten convivir en sociedade.

A experiencia foi moi interesante e reveladora. Aprendimos moito sobre a importancia e o funcionamento do sistema xudicial. Así puidemos valorar mellor o traballo dos que se dedican a garantir a xustiza na nosa sociedade.




jueves, 21 de noviembre de 2024

SESIÓN DE CONTACONTOS PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA

O 20 de novembro celebramos o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, e para conmemorar esta data tan importante os alumnos e alumnas da 4º e 3º de ESO prepararon unha actividade de contacontos para os nenos e nenas de infantil e primaria.

A través do conto “Na procura dun mundo marabilloso”, lles narraron a historia dun grupiño de nenos e nenas liderados por Liberdade que se embarcan nunha viaxe por un camiño longo e verde na procura dun mundo mais humano e mellor. 

As rapazas e rapaces da ESO  explicaron  aos máis pequenos/as o porqué da celebración desta data tan importante e amosaronlles a importancia  de respectar en todo o mundo os  Dereitos dos Nenos e as Nenas. Tamén reflexionaron entre todos sobre os distintos dereitos, incidindo tamén en que non só teñen dereitos senón que tamén teñen deberes que cumprir para vivir nunha sociedade xusta, plural, solidaria e igualitaria.

Finalizaron  cun simpático xogo de pasapalabra rematando a sesión cun pequeno agasallo realizado polo alumnado da ESO para todos os asistentes.







Na Procura Dun Mundo Maravi... by yolick20003194