martes, 9 de agosto de 2022

XORNADAS “I OLLADA MIGRANTE"

 

Este luns día 8 de agosto tiveron lugar unhas  xornadas  que co nome de  “I Ollada Migrante”  organizaron o Padroado Concepción Arenal  coa colaboración  do Concello de Ares e que tiveron como eixo o encontro entre a diversidade cultural para o diálogo e o desenvolvemento.  Unhas xornadas nas que interviñeron  persoas e familias que chegaron á nosa terra e se asentaron aquí desde países como Colombia, Cuba, Venezuela, Ucraína, Marrocos ou México  e que  achegaron o seu testemuño de vida e sobre todo como foron acollidos  en Galicia e na nosa vila.


Neste acto  o noso colexio o CPI As Mirandas foi galardoado cun premio cuxo obxecto é  agradecer e recoñecer  a aquelas entidades que sexan exemplo de integración.  Un premio que simboliza, coa imaxe da Concha, o facer camiño cara unha integración real e efectiva. En palabras da presidenta do Padroado Beatriz Dorrio “ o colexio de Ares é o primeiro lugar no que os nenos e nenas que proceden doutros países  van atopar ese primeiro choque con outra realidade, o primeiro lugar que acolle aos nenos e nenas e desde o cal se debe de traballar con esa apertura integradora e inclusiva e que é a que realmente necesitan as familias para sentir que os seus fillos e fillas están ben,  que se van   integrando e vaise creando esa unión e inclusión social na vila”.

Desde o noso colexio agradecemos ao Padroado esta distinción e as nosas aulas serán sempre ese lugar privilexiado de aprendizaxes de todo tipo, de crecemento, de interrelacións cos demais, educando para valorar a xustiza, a igualdade, a inclusión e a convivencia e xerando unha visión de vida que permita a nenas e nenos recoñecer nos outros os  mesmos dereitos que a eles lles asisten.

Grazas ao Padroado e a Conchi Ramil por ser o nexo que nos une e á que sempre temos disposta para colaborar co noso centro cando a precisamos.



Ver vídeo>>> https://home.mycloud.com/.../6b38a97e-3cb7-4255-961e.../file

P.D: Xa temos en mente para o próximo curso algunhas colaboracións co Padroado.