Desde o profundo da voz e co seu
canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia
colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala
tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes
e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Por iso, para expandir o poder da
súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o
Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións
colectivas de difusión da súa obra:
Educación Secundaria e Bacharelato
Propoñemos o envío masivo e
simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do
profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema
IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte: “Trocando en sonrisas / queixiñas e choros”, que se enviaría
través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e
formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía. Esta acción pode
realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os
docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo.
Educación Infantil e Primaria
A AELG propón a elaboración e
envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa
que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en
torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice
na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde
os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como
agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a
seguinte estrofa de “Alborada”, tamén
de Cantares gallegos:
Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo
medre,
canta!
Canta porque a luz
te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a
noite.
Desde a AELG, convidamos á comunidade
educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a
obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa
conciencia como pobo.
Tamén, e co mesmo obxectivo,
podedes achegarnos outras actividades que organicedes (vídeos, muráis,
traballos…), así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual...) que
derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.