jueves, 25 de octubre de 2018

GALA ENTREGA PREMIOS DO CONCURSO "CANTAMOS COAS MANS".FAXPG

Hoxe tivemos o luxo de poder actuar con SES na Gala de entrega dos premios “ Cantamos coas Mans”, organizados pola FAXPG (Federación da Asociación de Persoas Xordas de Galicia). Un acto moi emotivo sobre todo polo que significa, que estas rapazas e rapaces poidan transmitir e comunicarse na lingua de signos. Como be dixo  o presidente da FAXPG, non só existe o galego, español ou inglés, e si todos aprenderamos un pouquiño sería máis doado para o colectivo de persoas xordas a comunicación con todos. Parabéns a todos os coles participantes e aos seus profes e intérpretes de lingua de signos pola labor que están a facer non só coas persoas xordas senón coas que non o son. En especial a nosa querida Luisa Lombardero pola inestimable implicación a prol da inclusión no noso cole.




lunes, 15 de octubre de 2018

"CLUB XOVE":PRESENTACIÓN A CARGO DE ÁLVARO, VERÓNICA E NDEYE ATA

Hoxe os nosos ex-alumn@s Álvaro, Verónica e Ndeye Ata estiveron no noso cole presentando o  proxecto “Club Xove”, unha iniciativa que partíu destes rapaces despois de que  participaran no Erasmus + xuvenil , un proxecto financiado pola Unión Europea e que os levou a Croacia e Lituania onde puideron aprender e traballar, xunto con mozos doutros países,  a intelixencia emocional, a motivación, a empatía, o liderado, o voluntariado e todo o relacionado coas habilidades sociais, e que transmitiron impecablemente aos rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO.
Tamén explicaron de qué forma todos os alí presentes podían solicitar, acceder e sumarse a estes proxectos europeos que, en palabras de Verónica, resúmese principalmente en ter MOTIVACIÓN.
E precisamente, esa motivación, é a que os levou a presentar  este proxecto de creación dun “Club Xove” para todos os rapaces e rapazas de Ares e contorna, proxecto no que colabora o Concello de Ares.  A través del, todos os  mozos/as poderán aprender sobre educación non formal, voluntariado, intelixencia emocional e optar a oportunidades educativas na UE, ademais doutras moitas actividades que se realizarán.
Moitas grazas aos tres por esta magnífica iniciativa e animamos a todos  os mozos/as que teñades entre 13 e 18 anos a sumarvos ao Club Xove.




ANTÓN FRAGUAS

Tedes á vosa disposición unha unidade didáctica dirixida ao alumnado de educación primaria que ten como finalidade divulgar a figura de Antón Fraguas Fraguas, o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2019.

DOMINGO FONTÁN E A CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias, acaba de presentar unha unidade didáctica sobre Domingo Fontán. Será moi útil para dar a coñecer a figura deste matemático e científico galego e comprender a importancia da súa obra, na que destaca a Carta Xeométrica de Galicia. 

jueves, 11 de octubre de 2018

10 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

Onte, día 10 de outubro conmemorouse o día da Saúde Mental e hoxe, xoves 11 outubro, no noso centro, realizamos unha actividade coa finalidade de visibilizar, normalizar e favorecer a inclusión activa das persoas que padecen enfermidades mentais. Poñernos no seu lugar, favorecendo o desenvolvemento da empatía, consideramos que é a mellor maneira de comprender os problemas que carrexan a ampla variedade de  trastornos mentais.
A actividade consistíu na participación do alumnado de 1º e 2º de ESO nunha xincana, composta por seis actividades de xogos populares, coa finalidade de coñecer de cerca as características, comportamentos e situacións que viven diariamente a persoas con problemas de saúde mental.
O obxectivo desta actividade vai dirixido a combater a discriminación por medio da inclusión activa, utilizando actividades lúdicas que permitan romper cos estereotipos, falsos mitos e  etiquetas existentes sobre as persoas que presentan problemas de saúde mental. Ademais favorecerase o desenvolvemento da autonomía, do compañeirismo, da cooperación e da empatía, creando  interese e resolvendo dúbidas que poidan xurdir no alumnado adolescente.

viernes, 5 de octubre de 2018

IX DÍA DA CIENCIA EN GALEGO: A CULTURA CIENTÍFICA E A CULTURA GALEGA

O título da temática deste ano no Día da Ciencia en Galego vai ser A cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo. A UE declarou o ano 2018 como o Ano do Patrimonio Cultural Europeo e nos os celebramos así.

jueves, 4 de octubre de 2018

FOTOGRAFIANDO A NOSA CONTORNA

Hoxe realizamos unha saída pola nosa vila para plasmar coas nosas cámaras e dispositivos móbiles algúns espazos da nosa contorna. En breve daremos máis datos sobre este proxecto que terá como produto final unha estupenda exposición fotográfica. Desde aquí queremos invitar a todo o alumnado a que siga quitando e aportando fotografías de todos os lugares do noso concello: Ares, Redes, Lubre, Cervás, Chanteiro.... Temos moito que amosar  en todos os ámbitos e a vosa perspectiva é fundamental.
Recordade tamén que o prazo para presentar as vosas fotografías ao II Concurso de Fotografía Xuvenil que organiza o noso concello remata o 31 de outubro.

Aquí deixamos un pequeno video do noso percorrido fotográfico de hoxe por Ares.