domingo, 26 de febrero de 2023

ROSALÍA DE CASTRO A TRAVÉS DOS NOSOS MURAIS

 As nenas e nenos de infantil sumáronse  á conmemoración do Día de Rosalía facendo este fermoso mural inspirado  na frase de Rosalía de Castro:

 “ Galicia florida, cal ela ningunha de frores cuberta, cuberta de espuma». 

Que preciosidade!

 Tamén o alumnado de 3º e 4º da ESO, realizou na materia de Relixión un vistoso mural. Seguindo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que utiliza este ano o lema #cumpriuseaxustiza, o collage denuncia as inxustizas do mundo, plantexando a pregunta... "Que diría Rosalía"?.

A rapazada buscou na prensa imaxes de conflitos bélicos de hoxe, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda... e plasmouno no mural ilustrando as imaxes con palabras que nos deben facer reflexionar, e que ben poderían ser ditas por Rosalía, hoxe en día:  xustiza social, loita, lei, aldraxe, desigualdade, inxustizas, dignidade, solidariedade, conciencia, moral...

 


 
 

 




DESCUBRINDO A ROSALÍA DE CASTRO

 Os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria  gozaron  do contacontos “A miña historia”, unha revisión da vida de Rosalía de Castro a través dos seus propios textos, representación que correu a cargo da compañía Trémola.

Todos e todas puideron coñecer, a través do personaxe de Andrea, as anécdotas e  a historia da nosa poetisa máis universal, muller pioneira no seu tempo e que hoxe en día cobra máis sentido ca nunca.

Esta actividade enmárcase  dentro dos actos organizados polo Concello, da man do Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade, para homenaxear a Rosalía de Castro.

A verdade e que nenas e nenos o pasaron , XENIAL!.

 





 

jueves, 23 de febrero de 2023

DÍA DE ROSALÍA NO CPI AS MIRANDAS

Hoxe nun fermoso acto homenaxeamos á nosa escritora máis universal, Rosalía de Castro. O lema escollido para este 2023 foi: #cumpriuseaxustiza#. Un lema que a escritora Carme Adán fai seu a modo de pregunta e interrogante no manifesto que escribiu para este día e que alumnado e profesorado, leron no noso centro.

E como a música e a poesía están moi preto a unha da outra, cantamos e recitamos o poema de Rosalía "Adiós ríos, adiós fontes".
 

Como broche final rematamos co “Concerto a Rosalía” a cargo da “Mini big band” do noso cole. Un luxo ter a esta rapazada sempre disposta. Grazas mil.

 O himno galego puxo fin ao acto.


 

 

martes, 21 de febrero de 2023

APRENDEMOS A IMPORTANCIA DA ACTIVIDADE FÍSICA

 O xoves 16 veu a visitarnos J.L. Mosquera, pai do noso compañeiro Xián. El é formador de entrenadores e ademais xogou no fútbol profesional. Axudounos no noso novo proxecto do corpo humano explicándonos a importancia da actividade física e os coidados dos músculos para previr as lesión.

 Moitas grazas J.L.









sábado, 18 de febrero de 2023

ENTROIDO 2023. CPI AS MIRANDAS

 Un ano máis o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro “Dancemos co mundo que queremos” . E así de coloridos e rumbosos desfilou todo o alumnado e profesorado do centro polas rúas da nosa vila nun espléndio e radiante día.

Aquí vos deixamos un pequeño resumo da festa.

Agora a gozar destas mini vacacións  e... que viva o entroido!!!

jueves, 16 de febrero de 2023

FESTIVAL DE CLIPMETRAXES: Persoa tamén se escribe con A, de Alimentos e Agua.

 O alumnado de 2º ESO crearon o seguinte vídeo para concursar no Festival de Clipmetraxes sobre a pobreza e o cambio climático . Como hai un premio ao clipmetraxe máis votado, pediriámosvos que si queredes, piquedes no enlace, o vexades e nos regaledes un voto.

https://www.clipmetrajesmanosunidas.org/videos/sos-planeta-azul/




O Festival de Clipmetraxes de Manos Unidas é unha actividade que fomenta o traballo en equipo e é unha maneira divertida e participativa de implicarse nun problema global. Nesta edición, queremos reflexionar sobre a repercusión que as nosas accións individuais, como un consumo máis responsable ou a loita contra o malgasto alimentario, teñen no acceso universal á auga e aos alimentos e descubrir os ODS (obxectivos de desenvolvemento sostible) como ferramenta para mellorar a vida das persoas e loitar contra a desigualdade. 

 POR UN MUNDO MÁIS HUMANO E SOSTIBLE!!!

sábado, 4 de febrero de 2023

PROPOSTAS DA AELG PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 23 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión pola escritora Carme Adán.

O lema é: #cumpriuseaxustiza 

Educación Infantil e Primeiro ciclo de Educación Primaria.  Recortade dunha revista, xornal... debuxos e escribide nun papel unha palabra para cada debuxo. Podedes escoller imaxes que teñan relación cos sentimentos, as emocións, ou cousas que están a acontecer no mundo e son importantes para vós. Logo, nunha cartolina co rostro de Rosalía, pegade as imaxes con cadansúa palabra, creando unha colaxe. 

Segundo ciclo de Educación Primaria.  Despois de ler un poema de Rosalía na aula, escollede as catro palabras que máis vos gustaron e compoñede con elas un pequeno poema de catro versos. Así comprobaredes o gran poder que teñen as palabras, xa que dependendo das outras que as acompañan, ás veces mudan o seu significado. 

Terceiro ciclo de Educación Primaria, Educación Secundaria e Bacharelato.  Escribide e describide as inxustizas do mundo que nos rodea. Dádelle forma de poema, de sentenza, de pensamento, de pequeno ensaio, de microrrelato, e pendurádeos das aulas, dos corredores, dos teitos, das paredes. Pendurade en palabras as miradas sobre o mundo. Enviamos dous exemplos indicativos, entre os moitos que se vos ocorran nos centros:
  •  Exemplo 1. Coller algunhas imaxes de conflitos bélicos de hoxe, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda... e facer unha colaxe coa pregunta "Que diría Rosalía?" 
  •  Exemplo 2. Recoller información sobre organismos e ONGs que actúan aquí para denunciar e combater as inxustizas ou asociacións que traballan con mulleres que sufriron violencia (a modo indicativo, Médicos do Mundo, Vagalume, Adega, Esculca, ...). 
 A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, arredor do 23 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #cumpriuseaxustiza e #rdc_23. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2022, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2023/2/23/dia-de-rosalia-de-castro-2023 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.