sábado, 21 de junio de 2025

ACTO DE GRADUACIÓN 4º ESO. CPI AS MIRANDAS

 

Este  venres, 20 de xuño, o pavillón municipal encheuse de emoción, ledicia e, tamén, algunha bágoa. Celebramos o acto de graduación do noso alumnado de 4º da ESO, unha xornada inesquecible na que compartimos momentos únicos xunto ás familias, o profesorado, compañeiros e compañeiras, e representantes do Concello.

Despois de semanas de traballo intenso, exames, noites sen durmir e moito esforzo, chegou o momento máis agardado: o final dunha etapa. Para estas rapazas e rapaces, que medraron entre as paredes do CPI As Mirandas, esta graduación marcou o peche dun capítulo cheo de aprendizaxes, amizades e vivencias que os acompañarán sempre.

Foi unha cerimonia cargada de sentimentos, onde se mesturaron os nervios co orgullo, a alegría co agradecemento. Escoitamos palabras fermosas, lembramos anécdotas, sorrimos xuntos... e tamén choramos un pouquiño, porque despedirse nunca é doado cando se deixa atrás tanto vivido.

Desde o centro, só podemos dicir grazas: por todo o compartido, polo camiño percorrido con vós, pola vosa ilusión e pola pegada que deixades neste colexio, que sempre será a vosa casa.

Desexámosvos de corazón toda a sorte do mundo na nova etapa que comezades. Enfrontádea con valentía, coa mesma forza que vos trouxo ata aquí. E non esquezades nunca que as portas do CPI As Mirandas estarán sempre abertas para vós. Porque, por moito que pase o tempo, seguiredes sendo parte da nosa historia.

Boa viaxe, promo 2025. Ata sempre.

VIDEO RECORDO DO PASO POLO NOSO COLE







jueves, 19 de junio de 2025

VISITA AO ESTUDIO DE GRAVACIÓN "3ª PLANTA" DE MANU RAMIL

 Hoxe, os alumnos e alumnas de 2º de ESO tivemos unha experiencia única grazas á invitación de Manu Ramil, quen nos propuxo, cando estivo no noso cole, visitar o seu estudo de gravación "3ª Planta". Con moita ilusión, dispuxémonos a ir, e alí Manu nos deu unha cálida benvida e comezamos a nosa xira.

O primeiro que nos mostrou foi o propio estudio, un espazo cheo de ferramentas de gravación e todo tipo de tecnoloxía que nos deixou a todos impresionados. Manu explicou  como se grava música e coma funciona todo o proceso. Pero o mellor chegou cando nos deu a oportunidade de sentarnos na mesa de gravación e tamén, coa a súa axuda, improvisamos e gravamos un rap.

A verdade é que foi unha experiencia divertidísima. Alí, entre risas , os de 2º A e 2º B fixemos un "rap" un pouco competitivo, coma se fose unha auténtica batalla de galos. Xa sabedes, o que comezou coma unha improvisación entre amigos rematou sendo unha verdadeira "pelexa" musical, ja,  ja, ja...

Pasámolo xenial e gustaríanos volver outra vez. De verdade, moitísimas grazas a Manu por facernos sentir tan ben e por compartir con nós a túa paixón pola música. Foi unha xornada inesquecible.

Moitas grazas, Manu, eres o mellor!





Ah! , encantounos o último videoclip do seu novo single de  Adventus . Aquí o deixamos para que o escoitedes.


martes, 10 de junio de 2025

VII FEIRA DE PROXECTOS DO CPI AS MIRANDAS

 Estamos moi satisfeitos coa xornada do pasado luns 9 de xuño, na que celebramos, como cada ano, a nosa tradicional Feira de Proxectos. Este evento é unha oportunidade fantástica para amosar o esforzo e o traballo en equipo que o alumnado do CPI As Mirandas realizou ao longo deste curso. A VII Feira de Proxectos é o resultado do compromiso e da dedicación de toda a comunidade educativa, e estamos moi orgullosos do acadado.

Queremos felicitar a todos os membros da comunidade: aos profes de infantil, primaria e secundaria, aos nenos, nenas  e rapazada de todas as idades, e a todas as familias que nos acompañaron. Cada un deles aportou o seu gran de area, traballando con ilusión e colaboración para que cada stand e proxecto fose un éxito. O nivel de implicación e o entusiasmo que se viu durante toda a xornada foron realmente destacables.

Para que poidades ver un pouco do que foi a feira, deixámosvos uns vídeos cunha pequena mostra da xornada. Moitas grazas a toda a comunidade educativa e, por suposto, ás familias e persoas que se achegaron ata o colexio para compartir este momento especial con nós.


👉 Time lapse. A Feira en 3 minutos


👉Baile 


👉Resumo da feira

jueves, 5 de junio de 2025

5 XUÑO. DÍA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE

 Hoxe, 5 de xuño, Día Mundial do Medioambiente, a pesar da choiva e as dificultades do tempo, un grupo de rapaces e rapazas de 3º da ESO demostraron que o compromiso co noso planeta é máis forte que calquera adversidade. Con moita ilusión, realizaron unha recollida de lixo na contorna máis próxima, un acto que é un verdadeiro exemplo de responsabilidade e conciencia ambiental.

Este pequeno pero significativo xesto contra o Cambio Climático debería facernos reflexionar a todos sobre a importancia de xestionar os nosos residuos de xeito adecuado. Cada acción conta, e cada un de nós pode contribuír a crear un mundo máis sostible e respectuoso co medioambiente.

Queremos lembrar máis que nunca a importancia de coidar o noso planeta e de difundir esta mensaxe entre toda a sociedade. Entre todos, podemos facer a diferenza e construír un futuro mellor para as próximas xeracións.







QUÉROTE +. O ALUMNADO DE 3º DE ESO COMPARTE OS SEUS COÑECEMENTOS A TRAVÉS DUN PODCAST

Este curso, o alumnado de 3º de ESO participou activamente en diversos obradoiros do Programa Querote+, centrados en temáticas moi importantes para o seu benestar. Durante estas sesións, os estudantes abordaron temas como a sexualidade, o benestar emocional, a promoción do bo trato, a prevención das ITS e os embarazos non planificados, entre outros aspectos fundamentais para a súa formación integral. 
 Ao rematar os obradoiros, os rapaces e rapazas decidiron crear un podcast no que exercer como transmisores e transmisoras do que aprenderon. Este proxecto permitiulles non só consolidar os seus coñecementos, senón tamén achegar esa información ao resto do alumnado do centro. Así, os seus compañeiros e compañeiras de diferentes cursos puideron acceder a información útil e actualizada, fomentando un ambiente de respecto, confianza e apoio mutuo. Este intercambio de coñecemento e experiencias contribúe a fortalecer as relacións entre os diferentes cursos, promovendo unha convivencia máis positiva e enriquecedora para toda a comunidade educativa. 

A continuación podedes escoitar o podcast: