sábado, 26 de febrero de 2022

DÍA DE ENTROIDO NO CPI AS MIRANDAS

 Este ano o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro  “ECOESCOLARESen todas as súas vertentes e posibilidades. Así na variedade de disfraces que desfilaron non faltaron  os osos polares reivindicando o coidado do medioambiente  e a reciclaxe para loitar contra o cambio climático; as pingas de auga e as nubes que, bailando cal danza india, parecera que pedían que a choiva nos acompañe para encher os embalses, que falta nos fai; tamén os apicultores e as abellas fixeron acto de presenza para incidir na importancia que teñen para a vida; as e os Ecoescolares de infantil, co mundo as súas costas, dicíannos que queren un planeta mellor para o seu futuro e os mergulladores do ECOBARCO recórdannos que temos que coidar o mar  e preservar todos os ecosistemas mariños do planeta tan necesarios para a vida.

Un día festivo no que non faltaron as cancións reivindicativas creadas polos nenos e nenas, a ledicia e o bo humor.

                                                            Grazas a todas e todos polo voso traballo!!!

Felices vacacións!


viernes, 25 de febrero de 2022

PLANTANDO ÁRBORES CON PINCEIS

PLANTANDO ÁRBORES CON PINCEIS é un proxecto escolar de AFUNDACIÓN. Un proxecto de  sustentabilidade que une cultura e coidado do  medioambiente a través da realización no centro de Murais Artísticos, colaborativos e Ecolóxicos con pinturas  fotocatalíticas anticontaminación, que absorben o CO2 do ambiente. Unha iniciativa innovadora que ten como obxectivo achegar ao alumnado unha mensaxe positiva sobre o coidado da contorna, propoñendo alternativas de lecer que fomentan o respecto ao medio natural a través da arte, cunha metodoloxía participativa e colaborativa.

Como o proxecto deste ano do noso centro, "ECOESCOLARESé sobre o medio ambiente, esta actividade vennos perfecta para afondar máis no coidado do noso planeta.

Así os alumnos/as de 6º participaron na realización dun mural nunha parede do noso centro. Para pintalo utilizaron  pinturas ecolóxicas fotocatalíticas anticontaminación. O deseño, sobre o malgasto da auga, foi de Alejandra, unha alumna de 6ºA.

Coa axuda de David, o artista experto en murais, quedounos precioso. 


É un recordo que quedará na parede do noso cole por moitos anos. 


Tamén as nenas e nenos de 4º e 5º de primaria fixeron un obradoiro de pintado de bolsas de tea con pinturas ecolóxicas no que se traballou a temática ambiental desde un enfoque participativo, o que facilita a toma de conciencia sobre a importancia de coidar da natureza.  



Grazas a tod@s por tan bo traballo!!!


martes, 22 de febrero de 2022

DÍA DE ROSALÍA. CPI AS MIRANDAS, 23 febreiro 2022.

 O 23 de febreiro celebramos o nacemento da nosa poetisa máis universal, Rosalía de Castro. Por elo, as alumnas e alumnos do noso centro educativo queren render unha homenaxe a súa figura interpretando os seus versos.

ROSALÍA SEMPRE VIVA...

SEMPRE....ROSALÍA

Negra Sombra. Interpretado Anxela Barcia (3º ESO), Iván Pantín (profe de música) e Carla Fernández.



Adiós ríos, adiós fontes. Interpretado polas nenas e nenos de 2º de primaria.


No 3º ciclo  de primaria  traballaron  con banda deseñada a vida e obra de Rosalía.  Primeiro leron na clase a biografía de Rosalía de Castro e logo  distribuíron os datos máis salientables da súa vida e obra en diferentes viñetas.

En cada aula traballaron en grupos cooperativos: mentres uns facían os debuxos,  outros coloreaban as letras, as caras de Rosalía  e outros escribían o texto para cada viñeta.

 Así de fermoso quedou o seu mural.


Os nenos e nenas  de 2º de primaria  puideron ver a estrela de Rosalía a través duns chulísimos mini telescopios que fixeron. Que preciosidade!

 




miércoles, 16 de febrero de 2022

38 CONCURSO ESCOLAR ONCE. O CAMIÑO QUE NOS FAI IGUAIS



        Este ano o Concurso Escolar do Grupo Social ONCE, na súa 38 Edición e baixo o lema
"O CAMIÑO QUE NOS FAI IGUAIS", convídanos a traballar unidos pola inclusión e converte ao alumnado en axentes de cambio, animándoos a actuar, dentro e fóra das aulas, para facer máis inclusiva a contorna, porque todos podemos sumar pasos no camiño da igualdade.

E así o entenderon as rapazas e rapaces da ESO  creando pezas audiovisuais, de como máximo  1 minuto, nas que intentaron comunicar as súas ideas para facer máis inclusiva a contorna nos seguintes ámbitos: Lecer, educación, emprego e accesibilidade universal.

Aquí tedes os traballos que realizaron e que  foron presentados ao concurso. Xa veredes que chulos!!!.

lunes, 14 de febrero de 2022

SEMANA CONMEMORATIVA. DÍA DE ROSALÍA 2022


 O concello de Ares e o noso centro súmanse á conmemoración do Día de Rosalía mesturando programacións dixitais e físicas.

A contorna de Ares prepárase ao longo desta e a seguinte semana para render homenaxe á figura de Rosalía de Castro, poeta central e universal dentro da identidade galega. 

Ata o de agora, a efeméride celebrábase o 24 de febreiro, día no que constaba o bautismo da autora de Follas Novas mais a aparición de nova documentación permitiu certificar a data real de nacemento de Rosalía xusto no día anterior.

Para conmemoralo, o Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, e a área de Cultura local programan tres principais actividades:

A primeira, promovida dende o Servizo de Normalización en colaboración cos nomeados concellos que o integran, basearase nunha campaña dixital de caracterización. A iniciativa estenderase dende este mércores 16,ata o 21 de febreiro e convidará a todas aspersoas, adultos e nenos/as, a enviar fotografías coas súas caracterizacións deRosalía de Castro, incluíndo, se se desexa, versos preferidos, citas de interese… da poeta.

O correo electrónico mailto:cultura@concellodeares.com estará habilitado para recibir as instantáneas, que despois poderán publicarse nas redes sociais do concello e na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística, achegando unha visión conxunta de Rosalía entre toda a veciñanza dos entes municipais participantes.

A Concellaría de Cultura de Ares tamén organizará dúas actividades que se suman a esta campaña dixital xusto nas datas de maior relevancia para a celebración do Día de Rosalía.

 O 23 de febreiro ás  17.00 horas os máis pequenos e pequenas (5 a 10 anos) terán un obradoiro de manualidades, confeccionando máscaras tematizadas co rostro da poeta na biblioteca municipal da localidade. 

De igual xeito, a Alianza Aresana será o espazo que acollerá o espectáculo do ilusionista Martin Camiña, “Lingua do País”, o xoves, 24, ás 18.00 horas. Trátase dun evento que forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña e que está marcado pola presenza do humor, a maxia e as reflexións sobre a lingua propia.

Desde o noso centro, o CPI As Mirandas, homenaxearemos á nosa poetisa coa actividade Musicando a Rosalía realizada en colaboración co departamento de música e realizaremos co alumnado un vídeo co recitado dos seus poemas.

    

Ademais nas distintas aulas dos diferentes ciclos traballarase, desde distintas actividades e formatos, a figura da nosa poetisa máis universal.

ROSALÍA SEMPRE VIVA...
SEMPRE....ROSALÍA

jueves, 10 de febrero de 2022

11 Febreiro. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA


   A continuación recordamos a adaptación  da película "Figuras ocultas" baseada na vida da física estadounidense Katherine Johnson , científica espacial e matemática que contribuíu á aeronáutica e aos seus programas espaciais coa aplicación das primeiras computadoras electrónicas dixitais na NASA.

Esta curta foi realizada polas alumnas e alumnos do noso centro no curso 2018. 
Agora que están a cursar 2º de BAC, desde aquí aproveitamos para desexarlles  todo o mellor e animar as rapazas a que contribúan no seu futuro a romper a brecha de xénero  no mundo da ciencia e a tecnoloxía.
 


RECURSOS PARA TRABALLAR NA AULA

 

lunes, 7 de febrero de 2022

EDUCANDO CON MALIBÚ, NINGÚN CAN SEN FOGAR

Que contentos e contentas quedamos coa visita das amigas de Educando con Malibú, ningún can sen fogar.  Malibú é unha cadeliña adoptada que vive na granxa de Xanceda. O obxectivo deles é loitar contra o abandono e fomentar a adopción.

A través dunha presentación, vídeos e divertidos xogos os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria aprenderon que:

  • Os cans deben estar identificados con un chip
  • Que se vemos maltrato ou abandono debemos chamar ao 112 e pedir axuda
  •  Aprender comportamentos cívicos (limpar as cacas do noso  peludo cando imos de paseo...)
  • Non abandonar as nosas mascotas 
  • A importancia da adopción e das segundas  oportunidades  e recordar que é mellor adoptar que mercar un can ou cadela.

Un can e un amiguiño ou amiguiña para toda a vida.