domingo, 29 de septiembre de 2019

RESUMO DO INTERCAMBIO XUVENIL “HUMAN STORIES: FUTURE GLORIES” NA NOSA VILA. ERASMUS +


A nosa vila de Ares acolleu dende o 20 de setembro ata o 29 o intercambio xuvenil “ Human Stories: Future Glories”, un proxecto co-financiado pola Comisión Europea, a través do programa Erasmus+, mediante o cal, preténdese sensibilizar á poboación da importancia sobre a cooperación interxeracional. Un total de 32 mozos de Suecia, Noruega, Polonia, Romanía, Turquía e España e persoas refuxiadas e migrantes de Siria, Bosnia, Ucraína, Iraq, Somalia, Países Baixos e Estados Unidos participaron nunha formación de aprendizaxe experiencial de 11 días sobre narración de contos e a súa importancia no desenvolvemento persoal, profesional e preservación cultural. Tiveron a oportunidade de coñecer e compartir momentos co alumnado do CPI As Mirandas aos que achegaron as súas culturas, bailes e música; con familias que os acolleron para compartir costumes, gastronomía; con persoas maiores de distintas idades coma Carmen e Dora, Xiro López, Xabier Alcalá, Xoán Rubia... que lles contaron as súas historias, para máis tarde, en grupos interxeracionais mixtos, deseñar os seus propios métodos e mostrar esas historias de maneira creativa no evento final do proxecto que tivo lugar no Casino Aresano o sábado 28 de setembro.
Todo un festival homenaxe á nosa cultura e tradicións no que non faltou a música de Irene Alcalá e Richi Rozas, Xoán Rubia, a Rondalla Trobadores, o Grupo de Gaitas Aresán e o baile do grupo Areas do Mar ademais da arte do debuxante Siro López.
Que mellor que as verbas de Xoán Rubia para amosar o que significou este proxecto interxeracional:
"Foi un verdadeiro pracer compartir un tempo cun grupo de rapazas e rapaces de diferentes países que se reuniron na veciña vila de Ares co gallo de coñecer as nosas costumes, as nosas historias e en suma a nosa cultura. Souberon de historias que lles contamos os que, por razóns obvias de idade, estamos en condicións de contar historias. Eu relateilles parte dos meus avatares e vicisitudes de cando comecei a cantar en galego, relato que eles escenificaron xunto a outros narrados polos veciños e veciñas, parte importante do proxecto, no escenario do casino da vila. Sentinme feliz cantándolles algunha das miñas cousas e máis aínda vendo como cantaban comigo. Resultou unha velada para a lembranza. Abofé."  (Xoán Rubia)

miércoles, 11 de septiembre de 2019

XA ESTAMOS DE VOLTA!!!!

Comezamos un novo curso no que contaremos con moitas actividades, con moitas sorpresas, con moita ilusión e coma sempre con vós.