lunes, 7 de octubre de 2024

CONVOCATORIA DO CONCURSO DE IMAXES GRÁFICAS E PEZAS AUDIOVISUAIS, CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”

 

Con motivo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa convocan un Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais.

👉O obxecto do concurso é a realización de traballos, consistentes en imaxes gráficas e pezas audiovisuais, coa finalidade de promover a reflexión sobre a loita contra a violencia de xénero dentro dos centros educativos de Galicia, a través dunha acción que fomente a participación cidadá no rexeitamento público e frontal contra a violencia de xénero e sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre mulleres e homes.

👉Tema: Reflexión contra a violencia de xénero.

👉Destinatarios: Poderá participar no concurso calquera centro educativo de ensino non universitario que imparta ensinanzas de primaria, ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia.

👉Participación: Os traballos poderán realizarse individualmente ou en grupo a través de equipos guiados por 1 docente e constituídos por un máximo de 8 alumnos e alumnas; procurarase a representación equilibrada entre o alumnado.

👉Categorías:

  • 1ª Categoría: alumnado de 5º e 6º de educación primaria, de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e de educación especial.
  • 2ª Categoría: alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO), de 1º e 2º de bacharelato (BAC), de FP básica, de ciclos de grao medio e de ciclos de grao superior.
  • 3ª Categoría: alumnado das ensinanzas especiais de artes plásticas e deseño.

👉Modalidades de participación:

  • Modalidade "Imaxe gráfica": consiste na realización dun traballo gráfico (cartel, cómic, ilustración, debuxo...).
  • Modalidade "Peza audiovisual": consiste na realización dun traballo audiovisual (curtas, viodeoclips, performances, flashmob, danza, videopoemas, textos recitados...).

👉Prazo de presentación dos traballos: ata o día 8 de novembro de 2024, ás 15:00 horas.

👉Indicacións para para os envíos:

  • enderezo postal: Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, edificio administrativo San Lázaro s/n - 15781 Santiago de Compostela
  • enderezo electrónico:premios25n.igualdade@gmail.com

Pódense consultar as bases completas no documento anexo. 

👉Convocatoria do concurso

domingo, 6 de octubre de 2024

XA ESTÁ AQUÍ A VIII EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES

 Xa temos aquí a VIII Edición do Concurso de Fotografía Xuvenil que o Concello de Ares en colaboración tamén co noso cole organiza cada ano. Como sabedes, deste concurso sairán as  fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do ano 2025 e que se distribúe entre toda a veciñanza e comarca.

A que che gustaría que a túa fotografía formase parte do calendario deste ano?. Pois xa sabes  o que tes que facer, colle o teu móbil ou cámara de fotos e anímate a fotografiar espazos, lugares, obxectos, actos ou situacións da nosa contorna que consideres parte da túa, da nosa identidade.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!!!



BASES



O ROSA É MÁIS CUNHA COR. CADENA HUMANA SOLIDARIA CONTRA O CANCRO

 A vila de Ares realizará unha cadea humana contra o cancro con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama, baixo o lema «O rosa é máis  cunha cor».

A data será o  domingo 20 de outubro ás 13:00 horas ao longo do Paseo Marítimo.

Con este acto, a Xunta local de Ares da Asociación Española de Loita contra o Cancro (AECC), quere  expresar o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade e as súas familias. Ademais, búscase concienciar á sociedade sobre a importancia da investigación, a prevención e o diagnóstico temperán.

Desde a organización, anímannos  a todos a unirse e participar neste evento solidario vestindo algunha peza de cor rosa.

 


lunes, 23 de septiembre de 2024

DOAZÓN DE IMPRESORA 3D AO NOSO CENTRO

 Desde aquí queremos dar as grazas  a Rodolfo Ogando pola doazón dunha impresora  3D para o noso colexio. De seguro que faremos un bo uso dela.

Mil grazass!



jueves, 12 de septiembre de 2024

sábado, 22 de junio de 2024

ENTREGA DE PREMIOS FIN CURSO. CPI AS MIRANDAS

ACTO DE GRADUACIÓN 4º ESO. CPI AS MIRANDAS

 Onte, venres 21 de xuño, celebramos a graduación do alumnado de 4º ESO. Un acto cargado de emoción en compañía das familias, profesorado, compañeiros/as e representantes do Concello.

Despois de varias semanas de traballo intenso, exames, estrés...chegou o momento máis desexado: o final de curso. E para estas rapazas e rapaces que pasaron a meirande partes das súas vidas compartindo aula, compañeiros e profesores, esta foi a derradeira xornada no CPI As Mirandas.

Desexámosvos de corazón toda a sorte do mundo na nova etapa que comezades, e recordarvos que sempre teredes abertas as portas deste, o voso cole.

Con cariño, A Comunidade Educativa do CPI As Mirandas

VIDEO RECORDO DO PASO POLO NOSO COLE


VÍDEO ACTO DE GRADUACIÓN



GALERÍA DE FOTOS


jueves, 20 de junio de 2024

XIV CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE

 Un ano máis, e xa van catorce, o noso colexio como Centro Embaixador de Save  The Children   organizou a XIV Carreira Quilómetros de Solidariedade.

Desde o noso centro agradecemos a todo o alumnado e profesorado a participación na carreira solidaria e por suposto ás familias por patrocinar coas súas aportacións esta causa, ao concello, á policía local de Ares e a protección civil.

Calzar as nosas zapatillas e correr por unha causa solidaria merece a pena, porque moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas pode cambiar a vida das nenas e nenos máis vulnerables.

viernes, 14 de junio de 2024

VÍDEO DE DESPEDIDA REALIZADO POLA RAPAZADA DE 4º ESO

Hoxe Día Nacional das Linguas de Signos Españolas quero compartir o vídeo de despedida que realizaron as rapazas e rapaces de 4º da ESO, que este ano se graduan. Acórdome cando xa en primaria, da man de Luisa a nosa intérprete de LSE, comezaron a interpretar e a signar eses marabillosos videoclips e é un orgullo dicir que hoxe voan sós. Proba diso é este precioso vídeo que realizaron.

 Sodes o máximo. O mundo é voso e estades preparados para conguistarlo.

 

miércoles, 5 de junio de 2024

MELLOR SEN LIXO.

 Os rapaces e rapazas de 4º  de ESO  realizaron unha recollida de lixo na contorna do paseo marítimo e na Praia de Ares, un xesto contra o Cambio Climático que debería facernos reflexionar  sobre  como debemos xestionar os nosos residuos adecuadamente.

Esta saída non só foi unha actividade educativa, senón tamén un recordatorio da importancia de coidar a nosa contorna e difundir a mensaxe entre a sociedade para que entre todos consigamos crear un mundo mellor e máis sostible.

Por uns océanos e praias libres de lixo

#mellorSenLixo

martes, 4 de junio de 2024

VISITA Á HORTA DE LUÍS

O alumnado de 1° e 2° visitou a horta de Luís, un veciño de Ares que se ofreceu a contarnos os seus mellores segredos agrícolas. Alí puideron observar, aspectos coma o sistema rudimentario de rego, compost e diferentes tipos de plantación. Quedamos convidados para volver! Todo un pracer.

 



EXPOSICIÓN COMEDY WILDLIFE

 O alumnado de 1° e 2° de primaria, visitou no día de hoxe, continuando co noso proxecto Natureza ,  a exposición Comedy Wildlife, no cal se mostra a cara máis divertida da vida salvaxe.  Todo isto a través das fotografías seleccionadas no recoñecido premio Comedy Wildlife photo dos anos 2015 a 2022.

Bulide a visitala, a nos sacounos máis dun sorriso.

Ademais aproveitamos para facer un taller de xabón e axudar ao coidado do medioambiente a través dun consumo máis responsable e reducir o uso dos plásticos.

 

QUEREMOS SER ARTISTAS

Este curso o alumnado de 5º de primaria tivo a oportunidade de representar unha obra no teatro Jofre. Si, no teatro Jofre!

A obra que escolleron nesta ocasión é "As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas". Neste traballo participou toda a clase e contaron ademais coa colaboración dos pais e as nais. Gozaron moito traballando en equipo.






miércoles, 29 de mayo de 2024

VI FEIRA DE PROXECTOS DO CPI AS MIRANDAS

 Non podemos estar máis que satisfeitos da xornada de onte na que se reflectiu o traballo colaborativo realizado no noso colexio durante este curso e que deu como resultado a VI Feira de Proxectos do CPI As Mirandas.

Parabéns a toda a comunidade educativa: a todos os profes de infantil, primaria e secundaria, a todo o alumnado do centro desde os máis pequerrechos ata os máis maiores, que traballaron e colaboraron dunha maneira impecable, realizando unha gran labor en cada un dos stands e proxectos presentados.

Nos seguintes vídeos tedes unha pequena mostra da xornada. Parabéns a comunidade educativa e por suposto grazas a todas as familias e persoas que se achegaron ata a Feira.

                Grazas a todos por facer que a xornada resultase todo un éxito.


Este curso, o baile anual da feira dedicouse aos distintos proxectos que se foron levando a termo nos distintos ciclos e etapas. Así, a primeira parte do mesmo, "o baile do pirata" corresponde ao tema traballado polos nenos e nenas de infantil; a segunda, fai referencia ao tempo atmosférico, tema sobre o que se presentaron diferentes xogos e experiencias no stand do segundo ciclo; na terceira parte do baile cántase sobre o coidado do planeta e a natureza, tema do último proxecto levado a cabo no primeiro ciclo; e, por último, entrenamos para as olimpíadas, tema traballado por toda primaria e levado á feira polo terceiro ciclo.

Esperamos que vos resultara divertido e que gozarades igual ca nós ensaiándoo cos rapaces e rapazas.



GALERÍA DE IMAXES




PHOTOCALL DA FEIRA


 

viernes, 17 de mayo de 2024

CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO CPI AS MIRANDAS

 Hoxe o noso centro educativo, CPI As Mirandas, vestiuse de gala para lembrar e honrar a memoria de Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Desde primeira hora da mañá un grupiño de alumnos e alumnas de 4º de ESO realizaron un percorrido por todas as clases do noso centro para falar sobre a vida e obra da autora homenaxeada, recitando fragmentos da súa poesía e transmitindo a súa mensaxe e o seu legado a todos os presentes.

O acto central discorreu ao carón do  mural dedicado á autora onde a música, a poesía e a comunidade educativa uníronse para homenaxear a obra e  o legado de Luísa Villalta  e para lembrar e reivindicar, ao mesmo tempo, o idioma galego como lingua de comunicación e expresión na  cotidianeidade do noso día a día.

A lectura de poemas e a música interpretada pola nosa mini Big band transportounos ás terras e paisaxes que Luisa Villalta soubo retratar con mestría na súa obra.

E, como colofón, o himno galego resoou reafirmando o orgullo e a identidade da nosa lingua.





martes, 14 de mayo de 2024

PANEL EXPOSITIVO LETRAS GALEGAS 2024: LUISA VILLALTA

 

Achégase o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Luisa Villalta. Na entrada do edificio de educación secundaria podedes visitar a exposición gañadora do concurso Letras Galegas 2024, titulada "Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta", e realizada polo centro de FP A Carballeira (Ourense). A proposta deste centro é innovadora, amosando a protagonista das Letras Galegas, Luísa Villalta, coma un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que se dispoñen imaxes, recursos e actividades educativas. 

lunes, 13 de mayo de 2024

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE DISPOSITIVOS MÓBILES EN DESUSO


 "Mobilízate pola selva" é a campaña de reciclaxe de móbiles que naceu como unha iniciativa do programa educativo do Instituto Jane Goodall España, Raíces & Brotes

 Desde o CPI As Mirandas propoñemos  que traiades os vosos dispositivos móbiles ou os dos vosos familiares, amigos ou veciños que xa non sirvan e estean en desuso (sen cargador e sen tarxeta pero con batería) e os deixedes no contedor que está na entrada do edificio da ESO. Desta forma, poderemos axudar a facer un planeta máis sostible e poñer o noso gran de area para evitar a deforestación, contaminación e matanzas de animais en perigo de extinción  como gorilas ou chimpancés.

Entre tod@s podemos marcar a diferenza.

Mobilízate Pola Selva by Yolanda Castro López on Scribd