sábado, 25 de junio de 2022

PROXECTO DE COOPERACIÓN “ARES E VALDOVIÑO NO MAR”

 “Ares e Valdoviño no Mar” é un proxecto de cooperación promovido polos dous concellos e que pon en relación o remo, o surf e a importancia da cultura e identidades mariñeiras de ambos concellos, incluíndo intercambios de experiencias relacionadas co eido marítimo. Desenvolvéronse dende xornadas de iniciación ao remo en Ares e ao surf en Valdoviño ata a creación de contidos didácticos relacionados coa pesca local, tipos de embarcacións, diferentes técnicas de extracción do peixe, crustáceos e cefalópodos, obradoiros de sensibilización ou rutas polo litoral.

A través deste proxecto afianzáronse os lazos entre ambos concellos que, malia as distincións culturais e sociais, conservan un importante patrimonio litoral e marítimo. O mar, neste caso, asúmese coma un elemento de conexión das súas realidades.

Estas actividades de valorización da cultura mariñeira e transmisión dos deportes acuáticos vén financiada polos fondos FEMP, a través das axudas do GALP GOLFO Artabro NORTE e do GALP A Mariña-Ortegal.

 


miércoles, 22 de junio de 2022

GRADUACIÓN ALUMNADO 4º ESO. CPI AS MIRANDAS

Hoxe, mércores 22 de xuño, celebramos a graduación do alumnado de 4º ESO. Un acto cargado de emoción en compañía das familias, profesorado, compañeiros/as e representantes do Concello.

Despois de varias semanas de traballo intenso, exames, estrés...chegou o momento máis desexado: o final de curso. E para estes rapaces e rapazas que pasaron a meirande partes das súas vidas compartindo aula, compañeiros e profesores, esta foi a derradeira xornada no CPI As Mirandas.

Desexámoslles a tod@s moita sorte nesta nova etapa que comezan  e xa sabedes…aquí teredes sempre a vosa casa.

 

VÍDEO ACTO DE GRADUACIÓN

 

VIDEO RECORDO DO PASO POLO NOSO COLE 

 

martes, 21 de junio de 2022

OBRADOIRO CO MULTIINSTRUMENTISTA XULIO VARELA

 Xulio Varela, o noso veciño de Ares, é un dos fundadores do famoso grupo Luar na Lubre, exercendo de multiinstrumentista especializado na percusión tradicional. Na función musical de hoxe, Xulio presentou aos ciclos de 1º e 2º de Educación Primaria tres instrumentos pouco coñecidos por todos nós. As tarrañolas e o birimbao (ou trompa galega) son instrumentos da tradición musical galega que seguen sobrevivindo grazas a persoas como o noso convidado, que buscan que o uso destes instrumentos, moi habitual hai non tantos anos, non quede no esquecemento. Mais, a tradición non é pechar as cancelas ás sonoridades procedentes doutros lugares. O terceiro instrumento que nos presentou, o bodhrán, provén da música da Irlanda, e introdúxose con éxito na música galega grazas á súa sonoridade meliflua e sedosa.

Grazas, Xulio, por darnos a coñecer un pouquiño máis do noso patrimonio inmaterial!

 


E tamén, deixando a vergoña a un lado, Josué e Yoli atrevéronse a acompañar a Xulio nunha inesperada improvisación. Para ser uns principiantes non o fixeron tan mal!. Referímonos aos acompañantes claro!.

viernes, 17 de junio de 2022

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA MÚSICA DA MAN DE ABRAHAM CUPEIRO

 

Este Xoves 16 de Xuño veu visitarnos Abraham Cupeiro. Está en auxe a súa sona porque recentemente fixo unha aparición no programa conducido por David Broncano, “La Resistencia”, no que dun xeito sinxelo, didáctico e divertido deu unha clase de física dos tubos sonoros en 2 minutos escasos.
Isto mesmo fixo, entre outras cousas no noso encontro de hoxe, este particular Indiana Jones que, a pesares de vir dunha formación clásica no estudo da trompeta ten por ocupación tamén rescatar do esquecemento instrumentos de vento que hai milleiros de anos que non se escoitan soar no noso planeta. O que fixo Abraham foi amosarnos como soan algúns deses instrumentos da súa colección que el mesmo rescatou do esquecemento facéndonos un xenial percorrido pola historia de humanidade (e da música) dende as frautas empregadas polos primeiros Homo Sapiens ata as modernas cornetas de válvulas pasando polo Karnyx ou o Duduk. Quedamos contentos e agradecidos da visita dun instrumentista que dende a súa Sarria natal, percorre o mundo tocando coas mellores agrupacións do panorama internacional e amosando os instrumentos que grazas á súa labor xa nunca máis serán esquecidos.
 




martes, 14 de junio de 2022

XORNADAS DE INICIACIÓN AO REMO

 Esta semana, o alumnado de 1º e 2º da ESO do CPI As Mirandas goza do remo! Preto de 80 estudantes participan nas xornadas de iniciación para coñecer un deporte fundamental en Ares, a súa historia e tamén a técnica que require a súa práctica. Na presentación desta acción, organizada onte, achegáronse ao ergómetro e ás embarcacións, co recibimento no Club Remo de Ares!

👉 As xornadas continuarán ata o venres, con saídas ao mar incluídas, e enmárcanse dentro do programa “Ares e Valdoviño no mar”, que impulsan ambos concellos co apoio dos GALP A Mariña-Ortegal e GALP GOLFO Ártabro Norte.

#ConcellodeAres #ConcellodeValdoviño #GALP  #FEMP  #CPIAsMirandas #CPIAtios #AreseValdoviñonoMar #Valdoviño #Ares