Mostrando entradas con la etiqueta Proxectos de tecnoloxía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Proxectos de tecnoloxía. Mostrar todas las entradas

martes, 23 de mayo de 2023

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NO DEPARTAMENTO DE TECNOLOXÍA

 Ao longo do curso, o Departamento de Tecnoloxía levou a cabo distintas actividades extraescolares co alumnado do centro.

Os alumnos e alumnas de Educación Dixital de 3º ESO participaron, no mes de novembro, nun concurso de robótica organizado polo concello da Coruña. Tiveron que resolver distintos retos relacionados coa programación dun robot Lego Mindstorms EV3. Aínda que o nivel das probas foi bastante esixente, a experiencia resultou ser moi enriquecedora.

Pola súa parte, o alumnado de 4º ESO visitou, no mes de maio, as instalacións de Sotavento, na que recibiron unha pequena charla sobre os distintos tipos de fontes de enerxía que se empregan para obter electricidade. Tamén realizaron un obradoiro no que tiveron que acender un díodo LED e unha lámpada con placas fotovoltaicas. E puideron comprobar como aproveitar os recursos naturais para construír unha vivenda bioclimática, contribuíndo ao aforro enerxético e á redución da contaminación atmosférica. E que mellor que rematar a xornada que cunha andaina, organizada polo Departamento de Educación Física, pola beira do río Trimaz (Cabreiros), permitíndolles observar as impresionantes paisaxes de campeiros e fragas.

 

Os rapaces e rapazas de 2º ESO visitaron, tamén no mes de maio, o MUNCYT da Coruña. Alí realizaron a montaxe de distintos circuítos eléctricos e electrónicos e explicáronlles a evolución da tecnoloxía dende principios do século XX ata a actualidade.


E para rematar, os máis pequenos de Educación Secundaria, 1º ESO, que visitaron as instalacións de Navantia (Fene), nas que  puideron comprobar, de primeira man, as dimensións da ponte grúa e ver os distintos jackets que se empregan para instalar os aeroxeneradores no medio dos mares e océanos.


PROXECTOS DE TECNOLOXÍA

Construír produtos tecnolóxicos para resolver problemas e satisfacer as necesidades dos seres humanos. Esa é a función da tecnoloxía e a iso se dedicou o alumnado dos distintos grupos do noso centro escolar nas materias de Tecnoloxía e Educación Dixital.

Estruturas de papel capaces de soportar o peso dunha persoa, xogos e maquetas de distintos medios de transporte empregando material de refugallo, reloxos solares, tangrams, bailarinas movidas mediante mecanismos de transmisión de movemento, montaxe de circuítos electrónicos soldando os seus compoñentes en placas perforadas, prácticas de instalacións eléctricas, deseño de obxectos en 3D, prácticas de programación da placa Arduíno, programación de distintos videoxogos realizados con Scratch,... son algúns exemplos das distintas tarefas e proxectos realizados polo alumnado de 1º a 4º de ESO.

Nas seguintes imaxes aparece parte do alumnado de 2º de ESO amosando os seus produtos finais.

PARABÉNS a todos e todas polo gran traballo realizado!