miércoles, 29 de diciembre de 2021

miércoles, 22 de diciembre de 2021

martes, 21 de diciembre de 2021

XI CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE. CPI AS MIRANDAS

Un ano máis, e xa van once, o noso centro organizou a Carreira Quilómetros de Solidariedade para colaborar coa ONG “Save the Children”. Desde o noso centro agradecemos a todo o alumnado e profesorado a participación na carreira solidaria e por suposto, á nosa atleta Paula Mayobre, madriña da carreira, por apoiar esta causa e acompañarnos durante todos estes anos.

Grazas tamén as familias por patrocinar coas súas aportacións esta carreira, a deportes MARVI pola doazón das medallas, á policía local de Ares e a protección civil.

BO NADAL  E FELICES FESTAS

CPI AS MIRANDAS: CONSTRUÍNDO UN MUNDO MELLOR


ESO

INFANTIL


PRIMARIA


jueves, 25 de noviembre de 2021

MARCHA POLA IGUALDADE NO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER

 Hoxe, 25 de novembro o alumnado  e profesorado da ESO do CPI As Mirandas, en colaboración cos Servizos Sociais de Ares e o Centro de Información á Muller (CIM) realizamos conxuntamente unha Marcha pola Igualdade neste Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Alumnas e alumnos do centro leron un manifesto de compromiso para condenar a violencia e recordar que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos.













O CPI AS MIRANDAS E O CPIP VIRXE DA CELA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra hoxe 25 de novembro, o alumnado dos centros escolares CPI As Mirandas de Ares e CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, realizaron un vídeo para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a sociedade en xeral, sobre esta data. 
Desde os nosos centros adherímonos pois, a todas aquelas iniciativas que suman esforzos e solucións á erradicación da violencia cara a muller, na loita contra os malos tratos e no apoio ás vítimas e as súas familias. Apoiamos ás accións que tratan de concienciar ao tecido social e a todas as actividades educativas baseadas na formación en valores para que a sociedade avance no camiño da igualdade, no benestar común e a convivencia que todas e todos queremos.

jueves, 18 de noviembre de 2021

20 Novembro. DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENXS. CPI AS MIRANDAS

O 20 de novembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos dos Nenxs. Desde o CPI As Mirandas queremos chamar a atención sobre os millóns de nenos e nenas que seguen sen ter acceso aos dereitos máis básicos como a educación, a sanidade, un fogar...e que teñen que abandonar os seus soños. E facemos tamén un chamamento aos gobernos para que cumpran os seus compromisos de realizar plenamente os dereitos da infancia. Hai que traballar para que todxs, independentemente do lugar ou as condicións nas que nazan, teñan un futuro mellor! Con este vídeo reivindicamos os dereitos para todos os nenos e nenas do mundo!











sábado, 13 de noviembre de 2021

EXPLORANDO O PATRIMONIO NATURAL DA NOSA VILA

 O Concello de Ares promoveu ao longo desta semana un obradoiro centrado na divulgación de boas prácticas medioambientais que incluíu a creación e colocación de niños para paxaros e a observación das diferentes especies aviarias.


Ata o venres, 12 de novembro, tivemos no centro varias xornadas formativas promovidas polo Concello de Ares, en colaboración con Ecotono Educación Ambiental. Estas xornadas tiveron unha parte teórica –unha exposición sobre a necesidade de respectar os aniñadoiros dos paxaros e convivir coa natureza– e outra práctica –a construción de niños de madeira e a exploración e identificación pola vila de Ares das tipoloxías aviarias, coma rulas, estorniños ou pegas, co xa aprendido na clase.

 
 
Os nenos e nenas realizaron saídas pola contorna da localidade ata chegar ao Parque  Rosalía de Castro, onde colocaron os niños realizados  na clase e que servirán de futuro fogar para os paxaros, xa na primavera. 
 
 

           


Ferrolterra, coma apuntan os propios monitores de Ecotono, é unha zona cun gran fluxo migratorio de paxaros pequenos, procedentes do Norte, que o alumnado máis pequeno do colexio aprendeu a identificar e a coidar, abrindo a súa mirada.

#ConcellodeAres #CPIAsMirandas #ConcelleriaMedioambienteAres

sábado, 30 de octubre de 2021

SAMAÍN 2021

               



TAMÉN OS RAPACES E RAPAZAS DO 3º CICLO DE PRIMARIA FIXERON MOITAS ACTIVIDADES PARA A CELEBRACIÓN DO SAMAÍN.

Dende o equipo do Erasmus+ propuxéronnos como actividade a creación dun vasos con motivos de "Samaín". Así de terroríficos quedáronnos!


Fixemos un mural titulado "Fear Dates" ou "Citas de medo". En cada clase eliximos diferentes personaxes típicos do Samaín e deseñamos unha ficha de presentación, co fin de que cada personaxe puidera encontrar ao seu amigo/a compatible. Seguirán coñecéndose?

Nas clases de 6º na área de lingua galega traballamos os caligramas. Un caligrama é un poema que reproduce unha imaxe mediante a palabra escrita. Primeiro deseñamos estrofas relacionadas co Samaín, logo debuxamos a silueta do noso debuxo, despois integramos as estrofas no debuxo e por último o pintamos e decoramos. Así de bonitos locen agora no noso corredor.

 

E mirade que casas encantadas tan terroríficas fixeron!!

 








miércoles, 27 de octubre de 2021

OS NENOS E NENAS DE 2º DE PRIMARIA VISITAN O CONCELLO


O salón de plenos do noso Concello acolleu onte pola mañá a visita dos 32 escolares de 2º de primaria acompañados polas súas profesoras, Lucía e Paula. A visita tivo unha dobre finalidade: realizar unha petición aos representantes municipais e, aproveitando a ocasión, coñecer o funcionamento da institución local.

Así, desde os asentos dos concelleiros formularon a súa proposta a Alma Barrón, primeira Tenente Alcalde da localidade, que foi a encargada da recepción e de dar as explicacións a todas as cuestións plantexadas.

Nunha primeira quenda adicada ás propostas os nenos e nenas expuxeron a súa solicitude dun local ao Concello para poder levar a cabo unha exposición. Tras debater diversas posibilidades finalmente acadouse un acordo de cesión dun espazo municipal no que se realizará esta actividade. A continuación, abriuse unha rolda de preguntas centradas en numerosos aspectos do funcionamento do Concello e a figura dos membros da corporación, tales como que é ser concelleiro, como se chama o alcalde, en que consiste o seu traballo, como se chega a ser concelleiro, si é posible compaxinar esta labor con outras dedicacións… e das que xurdiu a idea de poder facer un proceso electoral no colexio do que saia o delegado da clase!

Como vemos...unha visita moi produtiva!




TÍRALLE DA LINGUA 2021

 Queda convocado o XX Concurso de relato oral Tíralle da lingua.

Podedes ver e oír os vídeos e audios dos centros participantes o ano pasado nesta ligazón: Tíralle da lingua 2020

BASES DO CONCURSO



viernes, 15 de octubre de 2021

lunes, 4 de octubre de 2021

SEGUNDO OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA DA MAN DO FOTÓGRAFO MARCOS LÓPEZ

Hoxe o alumnado de terceiro e primeiro de ESO realizaron da man do fotógrafo Marcos López Alonso, o segundo obradoiro de fotografía promovido pola concellería de cultura.   Esperamos que o que nos ensinou Marcos e os seus consellos sirvan aos rapaces e rapazas para facer unhas fotos super chulas para presentar ao Concurso de Fotografía Xuvenil promovido polo noso concello.

Dende aquí queremos dar as grazas a  Marcos por este xenial obradoiro e esperamos estar á altura das túas ensinanzas.

 









miércoles, 29 de septiembre de 2021

SÚBETE AO GALEGO. 1 DE OUTUBRO, "DÍA DO ORGULLO NEOFALANTE"


Dende o ano 2014 Galicia celebra o Día do Orgullo Neofalante co  obxectivo de dinamizar o uso da lingua galega entre aquelas persoas que non o falan de xeito habitual.

A conmemoración coincide, ademais, coa data do nacemento dunha das voces máis icónicas do panorama musical galego e da comarca, Andrés Dobarro (nado o propio o 1 de outubro de 1947) e que levou o galego aos grandes éxitos, demostrando así o valor da universalidade, utilidade e vitalidade da lingua.

Por primeira vez en Ferrolterra, agruparanse esforzos dende o eido institucional para impulsar o documental “Barullo”, promovendo o seu uso nos centros de ensino, asociacións e diversas entidades coa intención de difundir o momento que está a vivir na actualidade a música galega, un motor de dinamización do emprego do galego moi desenvolto.

A primeira proxección do documental organizarase no Concello de Neda, coa intervención de Xosé Antón Bocixa e Pepe Cunha, o próximo xoves, 30 de setembro ás 19:00 horas.

 

BARULLO: Documental acerca da diversidade musical en lingua galega, con testemuñas e actuacións de grupos de pop, rock, tradicional, rap, canción de autor....Un filme de interese para público xeral, aínda que creado especialmente para aulas de escolas e institutos.

martes, 28 de septiembre de 2021

OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA

Hoxe no noso colexio, a través da Concellería de Cultura, o alumnado de 4º ESO tivo un obradoiro impartido polo fotógrafo Xoel Rodríguez. Nel os rapaces e rapazas puideron aprender técnicas e conceptos básicos así como ferramentas para facer fotos profesionais e poñer ás a súa creatividade. 

O obradoiro continuou cunha saída fotográfica pola nosa vila na que nos acompañou Xoel. Os rapaces e rapazas puideron poñer en práctica o aprendido no obradoiro e facer fotografías que presentarán ao Concurso de Fotografía Xuvenil do Concello de Ares.

Grazas á concelleira Alma Barrón e Xoel Rodríguez pola organización deste obradoiro.