Mostrando entradas con la etiqueta Concello de Ares. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Concello de Ares. Mostrar todas las entradas

lunes, 15 de diciembre de 2025

MEMORIA E EMOCIÓN EN ARES: O ALUMNADO DE ESO CO PROXECTO #CRUZASENMIRAR

 Esta luns, 15 de decembro, o noso centro viviu unha xornada de profunda reflexión e sensibilidade. O alumnado de 4º e 3º da ESO tiveron o privilexio de recibir aos participantes do proxecto #CruzaSenMirar, unha iniciativa de Tarabela Creativa que conta co apoio do Concello de Ares.

O obxectivo desta actividade non era outro que tecer unha memoria emocional da migración en Ares, buscando puntos de conexión entre as distintas xeracións e realidades que conforman o noso municipio, fomentando así lazos de unión entre colectivos.

👉Un diálogo entre xeracións e culturas

A sesión articulouse en torno a unha conversa aberta e sincera na que participaron:

  • Alejandro e Franco Moreno: Veciños de Ares chegados de Venezuela, que compartiron a súa experiencia de vida.
  • Lucía Regueira: Educadora social.
  • A narradora oral uruguaia Soledad Felloza e a poeta india Yamini Teresa Prabhu: Quen nos agasallaron coa beleza de versos e contos que conseguiron emocionar a todos os presentes así como coas súas historias de vida.

Xuntos dialogaron sobre un vínculo fundamental na nosa historia: a unión entre o migrante retornado  e quen chega hoxe ao noso concello en busca dun lugar onde crecer, traballar e desenvolverse.

👉Unha lección de empatía

O máis salientable da xornada foi a actitude do noso alumnado. Os mozos e mozas mantiveron unha ollada atenta e unha escoita activa durante todo o encontro, demostrando unha gran madurez e respecto polas historias de vida compartidas.

Grazas a proxectos coma este, as aulas convértense en espazos de empatía onde comprendemos que, máis alá das fronteiras, todos buscamos o mesmo: un fogar e unha comunidade que nos acolla.









viernes, 7 de noviembre de 2025

OBRADOIROS PARA APRENDER A RECICLAR DENDE A INFANCIA

 O CPI As Mirandas acolleu hoxe, 6 de novembro, varios obradoiros de reciclaxe dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 4º de primaria, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Medioambiente de Ares. A través de actividades lúdicas como un quebracabezas xigante e unha ruleta, os nenos e nenas aprenderon a regra das tres “R” —reciclar, reducir e reutilizar— e identificaron os distintos colectores e os residuos que corresponden en cada un.

A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, acompañou ao alumnado nas sesións e agasallounos con imáns informativos cos puntos de reciclaxe dispoñibles no municipio. Aproveitou tamén para agradecer a participación do colexio na campaña “Senta con nós”, grazas á cal se elaborou un banco e unha papeleira con plástico reciclado achegado polas familias.

Estas actividades, apoiadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España mediante os fondos NextGeneration, buscan fomentar hábitos responsables e amosar á rapazada que reciclar hoxe ten un impacto positivo no futuro de todos.

 







lunes, 4 de noviembre de 2024

O ALUMNADO DO CPI AS MIRANDAS ADÉNTRASE NAS PARTICULARIDADES DO OURIZO DE MAR

 


O ALUMNADO DO CPI AS MIRANDAS ADÉNTRASE NAS PARTICULARIDADES DO OURIZO DE MAR

➡️ Da man da Confraría de Pescadores de Barallobre, mozos e mozas de sexto de primaria do CPI As Mirandas descubriron onte no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro a riqueza mariña do ourizo de mar, un produto que amosa a gran biodiversidade do Océano Atlántico.

➡️ O Concello de Ares vén de impulsar esta charla divulgativa inscrita dentro do proxecto ‘O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza’, que inclúe dende estas sesións a escolares impartidas por profesionais do mundo mariñeiro como outras iniciativas de preparación e tratamento do propio ourizo, con showcookings e degustacións, ou a exaltación popular deste produto, sempre co obxectivo de dalo a coñecer e contextualizar o seu valor.

➡️ Nesta charla no Centro cultural outeiro, o alumnado aprendeu como é o proceso de extracción do ourizo, amais de ver in situ varios exemplares de diferente tamaño, recoñecendo así a súa m morfoloxía e as partes que se preparan despois para degustalas, como acontece na celebración de exaltación anual do Ourizo que se organiza en Chanteiro.

➡️  Desta maneira, non só se dá a coñecer o ourizo de mar no eido territorial do Golfo Ártabro, senón que se promociona a cultura mariñeira e a actividade pesqueira de Ares, fomentando os produtos da zona e o consumo local.

➡️ Proximamente, o Concello organizará unha segunda charla divulgativa no marco desta iniciativa para os e as escolares o vindeiro 🗓️ 15 de novembro e repartirá entre a veciñanza en xeral un díptico con información sobre o ourizo de mar.

🔷 O proxecto ‘O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza’, conta co apoio económico da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o GALP GOLFO Artabro NORTE e fondos da Unión Europea.

#ConcellodeAres #ConcellariadeCultura Ares #GALPGolfoArtabroNorte #ConselleriadoMar #XuntadeGalicia #OurizodeMarAres #CentroCulturalOuteiroChanteiro

https://concellodeares.gal/estudantado-do-cpi-as.../






miércoles, 15 de marzo de 2023

CONMEMORACIÓN DOS 119 ANOS DA ALIANZA ARESANA

 

Estes días estamos a celebrar na nosa  localidade  unha dobre celebración: a dos 119 anos da fundación da Alianza Aresana de Instrucción na Habana, a agrupación que foi chave na democratización da educación dentro da vila, e tamén o premio á investigación escolar da Deputación da Coruña que recibiu o noso alumnado e profesorado do CPI As Mirandas polo traballo “Ares e Cuba, unha historia compartida. A súa pegada indeleble na nosa vila”.

▶️ A programación proposta polo Concello dende a área de Cultura arranca o  venres, 17 de marzo, coa actuación de Isaura & Co “Claves de bolero” ás 20:00 horas no salón de actos da biblioteca municipal, o mesmo edificio que se construíu grazas ás achegas económicas dos emigrantes galegos do municipio en Cuba.

▶️ Continuará o luns 20 de marzo, ao ser o aniversario oficial da Alianza Aresana de Instrucción, unha sociedade que ten as súas fondas raíces no 1904 e que aínda no noso presente é lembrada e homenaxeada.

▶️ Abrirá a tarde de conmemoración (19:00 h.) o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e seguirá xa a entrega do I Premio Lazos Coruñeses con América Latina, con representantes da Deputación da Coruña, ao grupo de alumnos/as gañadores (Geovanna Carvalho de Medeiros Correia; Luís Alejandro Crespo Oltra; Hugo Martínez Cortizas; Fabio Polo Leira; David Vila Villares; Iván Pena Dovale e Gonzalo Martínez Cauce) e á profesora coordinadora, María do Rocío Pena Pena, xunto co equipo de Dinamización Lingüística do colexio.

▶️ Tamén haberá oco para ler a acta fundacional da Alianza Aresana (19:15 h.), a que permite entender o espírito da sociedade, marcada polo seu desexo de contribuír á mellora de Ares sufragando a construción da primeira escola da emigración galega, un espazo á vangarda educativa da súa época en toda Galicia.

▶️ Pechará o programa dese día unha dobre actuación. Por unha banda, o grupo de teatro A Cova do Trasno interpretará unha peza sobre a propia fundación da Alianza (19:30 h.) e, pola outra, realizarase o espectáculo musical dos Trasnochadores do Eume (20:00 h.).

#ConcellodeAres #AlianzaAresana #AresIndiano #ConcellariaCulturaAres #119aniversarioAlianzaAresana #ANosaHistoria #CPIAsMirandas

miércoles, 19 de octubre de 2022

VI CONCURSO FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES


Xa temos de novo  a sexta edición do Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares.

Como en anos anteriores o certame convida á mocidade do noso concello a atopar espazos, obxectos, festas e eventos representativos tanto da súa contorna coma da súa propia identidade.

 Cada participante pode presentar un máximo de dúas imaxes sen editar ou mellorar e totalmente orixinais (tomadas ao longo de 2022 e non publicadas con anterioridade). O xurado, designado pola Concellaría de Cultura, avaliará as fotografías en función do adecuado seguimento das bases, a súa orixinalidade e creatividade e, tamén, a representatividade do pobo de Ares.

Establécense dúas categorías de participación, unha de 8 a 12 anos e outra de 13 a 18, seleccionándose 3 instantáneas por cada unha delas. En ambas haberá un primeiro premio de carácter tecnolóxico (IPad ou cámara de fotos) e un segundo e terceiro premios con lotes de libros. As fotografías gañadoras tamén pasarán a formar parte do calendario de 2023 do Concello que se reparte por toda a localidade, sempre debidamente identificadas coas súas autorías.

O envío das fotografías  está aberto dende o 18 de outubro, ata o 4 de novembro ás 20:00 horas, remitindo as fotografías e o formulario de participación a concursofotografia@concellodeares.com

 Para descargar os formularios de participación así como as bases en PDF podedes premer nos seguintes enlaces

👉FORMULARIO INSCRICIÓN CONCURSO FOTOGRAFÍA XUVENILCONCELLO DE ARES- CPI ASMIRANDAS

👉FORMULARIO AUTORIZACIÓN DEIMAXES DE TERCEIROS

👉BASES en pdf

sábado, 25 de junio de 2022

PROXECTO DE COOPERACIÓN “ARES E VALDOVIÑO NO MAR”

 “Ares e Valdoviño no Mar” é un proxecto de cooperación promovido polos dous concellos e que pon en relación o remo, o surf e a importancia da cultura e identidades mariñeiras de ambos concellos, incluíndo intercambios de experiencias relacionadas co eido marítimo. Desenvolvéronse dende xornadas de iniciación ao remo en Ares e ao surf en Valdoviño ata a creación de contidos didácticos relacionados coa pesca local, tipos de embarcacións, diferentes técnicas de extracción do peixe, crustáceos e cefalópodos, obradoiros de sensibilización ou rutas polo litoral.

A través deste proxecto afianzáronse os lazos entre ambos concellos que, malia as distincións culturais e sociais, conservan un importante patrimonio litoral e marítimo. O mar, neste caso, asúmese coma un elemento de conexión das súas realidades.

Estas actividades de valorización da cultura mariñeira e transmisión dos deportes acuáticos vén financiada polos fondos FEMP, a través das axudas do GALP GOLFO Artabro NORTE e do GALP A Mariña-Ortegal.

 


jueves, 28 de abril de 2022

COMEZAMOS COS OBRADOIROS DE "CONTROL OFF"


 Na mañá de hoxe, tivemos o primeiro dos obradoiros programados dentro do proxecto “Control Off”, a iniciativa para achegar á mocidade formación específica en igualdade de xénero organizada entre o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello e o departamento  de Orientación do noso centro.

Nos obradoiros que abarcarán ata xuño, trataranse contidos básicos do desenvolvemento humano dende a coeducación, co obxectivo fundamental de previr a violencia de xénero, máis aínda dentro da contorna dixital. As temáticas tamén xirarán arredor das relación afectivas saudables a partir de metodoloxías dinámicas, empregando técnicas de debate, brainstorming… e outras ferramentas que implican ao alumnado.

 A planificación do proxecto inclúe dous tramos educativos distintos. Por unha banda, impartiranse sesións para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), mais tamén haberá varias formacións que se adaptarán ás necesidades de sexto de primaria, modulando os contidos e as metodoloxías de ensinanza. Así os nenos e nenas de primaria traballarán non tanto co foco nas relacións afectivas e bos hábitos dixitais, coma os seus compañeiros da ESO, senón en coñecer modelos positivos de convivencia, en pé de igualdade, e novos conceptos de masculinidade.

 Todos estes cursos serán impartidos por Rubén Villar, psicólogo con formación relacionada dentro do eido social, experto en psicoloxía forense pola USC e axente de Igualdade de Oportunidades para a Muller homologado pola UNESCO.

#ConcellodeAres #CIMAres #ControlOFF #ViolenciadeXenero #CPIAsMirandas