martes, 20 de junio de 2023

XORNADA LÚDICO CULTURAL NO MOSTEIRO DE SANTA CATALINA DE MONTEFARO

 Hoxe todo o alumnado de primaria visitamos o monasterio de Santa Catalina de Montefaro,  único BIC (Ben de Interese Cultural dende o 2000) da península de Bezoucos e un lugar cheo de historia e beleza.

Foi un día moi especial no que puxemos o broche final ao proxecto “Danzando non tempo”. Alí contamos coa gran  axuda de Celsa e os amigos da Asociación do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro que de maneira desinteresada nos acompañaron durante toda a mañá.

Durante a visita guiada, faláronnos da  historia do mosteiro e visitamos o claustro, o comedor, a cociña e o pequeno centro de interpretación e museo onde puidemos ver algunhas das pezas que se conservan. Impresionounos o claustro e a capela. O comedor e a recen restaurada cociña coa súa gran cheminea, tamén nos pareceu moi interesante.

Outra das actividades que fixemos foi a de repoboar algunhas partes do precioso xardín que rodea o mosteiro. Plantamos buxo nas zonas onde desaparecera parte da vexetación, así que collemos as macetas co buxo e transplantámolo no lugar adecuado do xardín. Foi unha actividade moi gratificante e relaxante que nos fixo sentir parte da natureza.

Logo chegou o momento lúdico. Participamos en varios xogos romanos moi divertidos. Foi moi interesante aprender sobre a historia e a cultura dunha época tan influente e fascinante.

Tamén fomos ata as antigas baterías militares da Bailadora, situadas nun enclave estratéxico sobre a ría de Ares. Desde alí pódese gozar dunhas vistas espectaculares do mar e da paisaxe. Percorremos os diferentes emprazamentos dos canóns e as casamatas, onde se gardaba a munición. Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu coñecer mellor a historia e o patrimonio desta zona.

En definitiva, foi unha excursión moi completa e variada, que combinou o lecer coa aprendizaxe e a conciencia ecolóxica. Pasámolo moi ben e seguro que para o próximo curso repetiremos a experiencia.

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO 1º E 2º DE PRIMARIA

Este luns, 19 de xuño, o alumnado de 1° e 2° foi  de excursión de fin de curso a  Aldea Nova. Alí tiñan unha misión que cumplir...encontrar un tesouro  que leva anos sen aparecer!  Estes  nenos e nenas son uns buscadores moi bos e a pesares da choiva que non nos abandonou ... gozamos dunha mañá chea  de sorpresas.


lunes, 12 de junio de 2023

CREANDO MÚSICA COS PÉS

Os que xa temos unha certa idade recordaremos a famosa escena da película Big na que Tom Hanks e Robert Loggia tocaban un piano de chan. O alumnado de 4º de ESO traballou, na materia de Tecnoloxía e durante o segundo trimestre, o bloque de “Control e robótica”, polo que se lles propuxo, de forma voluntaria, a elaboración do seguinte proxecto: “Por que non construír un piano para poder tocar cos pés?”. E un pequeno número de rapaces e rapazas aceptaron o reto de boa gana.

Ao longo de, practicamente, todas as tardes dos venres dos meses de marzo, abril e maio, Lucas, Ángel, Dani Varela, Leo, Hugo, Sara, Tania e David acudiron ao centro para proceder á súa construción. Mediron, trazaron, cortaron, pintaron, soldaron e programaron. Tamén  comprobaron o seu correcto funcionamento, buscando solución a todos aqueles problemas que foron xurdindo.

Unha vez comprobado que todo funcionaba correctamente, chegou a hora de dar a coñecer o proxecto ao resto da comunidade educativa. Os primeiros que tiveron a oportunidade de velo e tocalo foron os nenos e nenas de infantil do centro escolar.

Mais non quedou aí a cousa, xa que tamén acudiron a outros centros da comarca, como o CEIP A Magdalena das Pontes, o CEIP Unión Mugardesa e o IES de Mugardos, estes últimos do concello veciño, para mostrar o seu produto final e explicar como se sentiron e o que aprenderon á hora de realizar este proxecto.

E sería inxusto esquecernos da axuda inestimable de Aritz Uribarri (4º ESO) e Antonio Otero (2º ESO), quenes aportaron os seus coñecementos musicais para tocar, xunto cos demais compañeiros e compañeiras, distintas cancións.

Como profesor de Tecnoloxía quixera dar as GRAZAS e os PARABÉNS a todos os rapaces e rapazas que se involucraron neste proxecto, polo boa acollida do mesmo, pola súa boa actitude, polo seu compromiso e polo gran traballo realizado!

Diego Calvo Hermida

(Profesor de Tecnoloxía)





jueves, 8 de junio de 2023

5 XUÑO. DÍA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE

 O alumnado de 3º  de ESO  realizaron unha recollida de lixo na contorna do colexio e na Praia de Ares, un xesto contra o Cambio Climático que debería facernos reflexionar  sobre  como debemos xestionar os nosos residuos adecuadamente. 

Queremos lembrar máis que nunca a importancia de coidar o noso planeta e difundir a mensaxe entre a sociedade para que entre todos consigamos crear un mundo mellor e máis sostible.

miércoles, 7 de junio de 2023

MEMORIA DA NOSA HISTORIA

      O alumnado de 3º de ESO elaborou un traballo de investigación sobre a nosa historia máis recente, entrevistando a familiares e veciños, mestres de cultura e vida, que aportaron as súas testemuñas e vivencias sobre a posguerra. Toda unha oportunidade para descubrir a historia viva máis recente da man dos que a viviron ou a escoitaron.

     A maioría dos traballos centráronse na historia da fuxida de Ares do bou Ramón.

     O alumnado, grazas á Asociación Cultural da Memoria Histórica Democrática tivo a oportunidade de gozar no propio centro educativo dunha visita guiada á exposición fotográfica A fuxida do bou Ramón. Así se achegaron a toda unha historia de sacrificios e solidariedade na que 27 republicanos, buscando a liberdade, conseguiron partir de Ares no bou “Ramón” o 20 de xullo de 1929 e chegar a Francia.

 



 

jueves, 1 de junio de 2023

PROXECTO RELOXO SOLAR


A asociación da vila de Ares “Amigos de Santa Catalina”, coa que levamos anos colaborando no mantemento da contorna do Mosteiro  de Santa Catalina de Montefaro, ven de agasallarnos cun reloxo solar vertical para colocalo na parede exterior do noso centro escolar. A súa presidenta, Celsa Formoso, foi a impulsora deste proxecto tras a formación do profesorado hai 3 anos grazas á colaboración desinteresada de Lorenzo Capllonch Blanco.

OBXECTIVOS

·         Reflexionar sobre o concepto do tempo e sobre como poder medilo.

·         Comprender que hai moito tempo, a xente usaba diversos instrumentos para medir o tempo.

·         Descubrir que antigamente era moito máis difícil que na actualidade saber que hora era con exactitude.

·         Comprender, analizar e realizar a lectura dun reloxo solar.

·         Formar ao alumnado de 1º e 2º de Primaria na comprensión do reloxo solar con xogos de orientación por parte da mestra de educación física e análise das sombras por parte do alumnado de Tecnoloxía de 2º de ESO.

PROPOSTA NA MATERIA DE TECNOLOXÍA AO ALUMNADO DE 2º DE ESO B

·         Analizar co alumnado de 2º de ESO o funcionamento do reloxo solar.

·         Construción dun reloxo solar.

·         Análise do funcionamento.

·         Busca de información.

·         Conceptos: latitude, lonxitude, coordenadas xeográficas, gnomon, orientación, puntos cardinais, equinocios.

·         Localizar as coordenadas xeográficas do centro educativo.

·         Investigar coas sombras a posición do sol: Puntos cardinais, variación co tempo.

·         Explicación por parte do alumnado de ESO ao alumnado de 1º e 2º de Primaria o funcionamento do reloxo solar.