jueves, 29 de diciembre de 2011

VIDEO "CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE"



Na recadación da actividade “Quilómetros de Solidariedade”, realizada no noso centro neste Nadal, conseguimos a cantidade de 813,15 euros. Estes cartos foron ingresados na conta bancaria da O.N.G. Save the Children.


GRACIÑAS DE NOVO POLA VOSA COLABORACIÓN

viernes, 23 de diciembre de 2011

CARREIRA "QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE"

A pesar do mal tempo que nos acompañou o martes, o milagre fíxose posible e os nos@s rapaces vencendo a choiva e o frío correron no maratón solidario que organizou o noso colexio.
Desde o CPI “Conde de Fenosa” agradecemos a todo o alumnado a participación na carreira “Quilómetros de Solidariedade” e por suposto, a nosa atleta Paula Mayobre por apoiar esta causa e correr cos rapaces e rapazas do noso colexio. Mención especial para os alumnos e alumnas que buscaron patrocinadores entre os profesores/as e tamén fora das aulas, grazas aos cales a recadación superou os 800 euros.
Noraboa a tod@s e grazas pola vosa implicación e solidariedade.
 Nota de prensa
Os nosos atletas solidarios 
Paula recibindo de máns da directora un agasallo


martes, 20 de diciembre de 2011

EXITO DA "OPERACIÓN QUILO" REALIZADA NO NOSO COLEXIO



Por segundo ano consecutivo o noso colexio realizou a campaña de recollida de alimentos para a Cociña Económica. Recadáronse perto de 600 quilos de alimentos que foron levados, coa colaboración do Concello, ata  Ferrol. Grazas a todos e todas: familias, alumnado, profesorado e comunidade educativa en xeral pola vosa aportación, pola vosa solidariedade e polo voso apoio nesta campaña.


 Nota de prensa no Diario de Ferrol. www.diariodeferrol.com

sábado, 17 de diciembre de 2011

martes, 13 de diciembre de 2011

MARATÓN SOLIDARIO: VIII CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE



Dende fai 8 anos celébrase en miles de centros educativos de toda España a Carreira Quilómetros de Solidariedade. É unha actividade con dobre finalidade: por unha banda, espertar nos rapaces e rapazas un espírito crítico e solidario cara as inxustizas que afectan a millóns de nenos e nenas de todo o mundo e, por outra banda, recadar fondos para axudar a infancia mais desfavorecida e facer que se respecten os seus dereitos.
O noso centro o CPI  “Conde de Fenosa”, está a participar este ano nesta actividade en colaboración coa ONG “Save the Children”, polo que,  o martes 20 de decembro, os rapaces de secundaria do noso colexio realizarán un Maratón Solidario facendo un percorrido  por Ares.
Cada rapaz e rapaza abonará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, a recadación das inscricións irá a parar a través de Save the Children a reconstrución de infraestruturas escolares na República Democrática do Congo.
Estaremos acompañados nesta carreira pola atleta aresá Paula Mayobre que apoiará esta causa coa súa presenza , acompañando aos rapaces e rapazas do noso centro.
Agradecemos ao alumnado do noso centro a súa participación e  solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que o día 20 saian a rúa a apoiar aos nosos corredores solidarios.


domingo, 11 de diciembre de 2011

10 DE DECEMBRO: DÍA DOS DEREITOS HUMANOS 2011


Os dereitos humanos pertencen por igual a cada un de nós  e mantéñennos unidos como unha comunidade global cos mesmos ideais e valores. Como unha comunidade global que todos compartimos nun día en común: o Día dos Dereitos Humanos, o 10 de decembro, cando se recorda a creación, fai 63 anos da Declaración Universal dos mesmos.
Despois de tanto tempo, debemos reflexionar sobre si se respectan estes dereitos e o que nós podemos aportar para lograr que sexan universais. Para elo ofrecémosche esta escolma de enlaces.

sábado, 10 de diciembre de 2011

OPERACIÓN QUILO DE NADAL 2011

                 Solidarios coa Cociña Económica de Ferrol

Tras o éxito acadado coa I Operación Quilo no pasado Nadal, na que grazas á implicación de toda a comunidade educativa (alumnado, pais e nais, profesorado…) conseguimos perto de 500 quilos de alimentos, este ano estamos a  planificar a II Operación Quilo de Nadal 2011, unha campaña de recollida de alimentos para colaborar coa Cociña Económica de Ferrol. Esta é unha das institucións benéfico-sociais más importantes da cidade, e o seu comedor alberga diariamente a centos de persoas, que acoden a recibir unha ración de xantar coa que poder subsistir.
Por isto alumnado, profesorado e familias poderán  contribuír de maneira voluntaria aportando  calquera alimento non perecedeiro, do 1 ao 15  de Decembro. Esperamos a vosa colaboración e que participedes xunto cos vosos/as fillos/as para contribuír a facelos máis solidarios e xenerosos fronte os menos favorecidos.

                                          Grazas pola vosa colaboración




martes, 6 de diciembre de 2011

DINAMIZACIÓN E SOCIALIZACIÓN NUNHA CONTORNA RURAL.

 UNHA EXPERIENCIA DE CENTRO

“Dinamización e socialización nunha contorna rural”  é o título do relatorio impartido no Curso de Galego para o Funcionariado en Prácticas no CEFORE de Ferrol. A través desta ponencia podemos ver a práctica dinamizadora que o EDLG está levando a cabo no CPI Virxe da Cela, en Monfero (A Coruña).

Dinamización e socialización nunha contorna rural

domingo, 4 de diciembre de 2011

A LINGUA SABE A PAN

Deixámosvos  aquí este vídeo (Lipdub) que fixeron no CPI Virxe da Saleta, de Cea. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, elaboraron a letra de A Lingua Sabe a Pan; a música sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como Miña Terra Galega.
A nosa noraboa!


A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

domingo, 27 de noviembre de 2011

RECURSOS PARA TRABALLAR O NADAL NAS AULAS


A Coordinadora Galega de EDLG vén de poñer á disposición da comunidade educativa unha páxina web dedicada ao Nadal. Deste modo, dende a Coordinadora se nos ofrece unha plataforma web colaborativa que recolle recursos e materiais elaborados nos propios centros escolares. Neste monográfico especial de nadal podedes atopar:

1.- Recursos para traballar nas aulas:  escolma de recursos elaborados por docentes, institucións e asociacións. Inclúe unidades didácticas, actividades en liña, manualidades, panxoliñas, contos, modelos de cartas para enviar aos Reis Magos e o Apalpador, o refraneiro, bases de concursos, etc. Agardamos completala coas vosas achegas a   correo@coordinadoraendl.org
2.-  Postais elaboradas polo alumnado: espazo destinado a recoller as felicitacións feitas polo alumnado que, unha vez dixitalizadas, poden ser enviadas, a través da rede e de modo moi sinxelo, polo propio alumnado e as súas familias para felicitar as festas e o novo ano. O prazo de recepción de postais continuará aberto ata o 19 de decembro. 
 
O enderezo da páxina é:  http://www.coordinadoraendl.org/nadal2011/index11.php


jueves, 24 de noviembre de 2011

EDUCACIÓN DIXITAL: e-ducando

Hoxe en día, o uso que os nenos, adolescentes e mozos fan de Internet non pode deixar indiferentes a pais e educadores, xa que se os beneficios son evidentes tamén son moitas as ameazas ás que están expostos mentres navegan. A mellor forma de os protexer é estar informados e aplicar prácticas de seguridade eficientes.
 A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a través do dominio http://educaciondixital.as-pg.com facilita información de interese sobre o concepto de educación dixital e temáticas vinculadas. É o proxecto e-ducando, unha iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica galega que pretende abordar a progresiva implantación da educación dixital facilitando un acceso óptimo e seguro das xeracións máis novas ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, ao mesmo tempo, permitindo un maior coñecemento por parte do conxunto da Sociedade das súas potencialidades e perigos. É un proxecto que se dirixe a toda a sociedade porque toda a sociedade está implicada no proceso educativo e pretende incidir nos aspectos dun cambio necesario que ten que ver máis cos aspectos sociais que cos tecnolóxicos.
 Por iso, desde esta asociación invítannos a visitar e-ducando (http://educaciondixital.as-pg.com/) para informarnos, atopar novas sobre a educación dixital,poñer en común recursos dixitais ou buscar os mellores recursos web.

martes, 22 de noviembre de 2011

20 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S

Todos temos dereitos, adultos e nenos. A gran diferenza é que os adultos podemos pelexar por eles, esixir que se cumpran, en cambio os nenos, necesitan de nós para que os seus dereitos se respecten. Os nenos deben ser protexidos e coidados, non só pola súa familia e o seu grupo primario, polo Estado, polos políticos, pola cidadanía enteira. Os dereitos dos nenos son tan amplos como amplos son os aspectos dunha vida, teñen dereito a estudar, a vivir en condicións dignas, a que se coide da súa saúde (física e mental), a ser alimentados e sobre todo amados. Cada un de nós, seguramente desde o seu lugar, tenta que estes dereitos sexan respectados, pero non sempre a realidade permite que iso se cumpra. As políticas de seguridade social, saúde, educación moitas veces non contemplan estes dereitos básicos. É un deber de todos coñecer cales son os dereitos que os nosos mozos teñen porque, coñecendo, é máis fácil loitar por que todos gocen deles.
O alumnado  da ESO reflexionou sobre o tema  realizando diversas actividades como murais, power points e videos. Aquí podedes ver unha mostra do seu traballo.



jueves, 17 de noviembre de 2011

CONCURSO DE PRESENTACIÓNS ELECTRÓNICAS PARA FELICITAR O NADAL

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso de presentacións electrónicas para felicitar o Nadal en lingua galega. Logo da ampla participación acadada na primeira edición da iniciativa, con máis dun cento de propostas recibidas, a secretaría xeral pon de novo en marcha este concurso, co que busca promover a presenza do galego na comunicación propia das festas de Nadal e tamén no ámbito das tecnoloxías.
Os traballos que participen no concurso deben facer referencia a un tema vinculado con estas datas, para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral. Ademais do tema, valorarase o enxeño e o coidado estético e lingüístico das propostas.
Aquí vos deixamos as bases.


martes, 15 de noviembre de 2011

Actividades de outono, samaín e magosto no cole. Os protagonistas, o alumnado de infantil e primaria.

Chega o outono e con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús, os cogumelos, os froitos de inverno; chegan as augas e mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: son os tempos do Samaín. A que isto escribe pasou esta semana a facer unha visitiña por infantil e primaria e a verdade que quedei abraiada por todas as cousas que @s profes xunto cos seus alumn@s estiveron a facer.
Nas seguintes presentacións podedes ver as actividades que os nenos e nenas de infantil e primaria do noso cole, fixeron neste outono para celebrar o samaín e o magosto.



viernes, 11 de noviembre de 2011

ACTIVIDADE PARA A CONMEMORACIÓN DO II DÍA DA CIENCIA

Con motivo da Semana da Ciencia en galego, o noso profe de ciencias Xacobo organizou unha actividade co obxectivo de consolidar o emprego da nosa lingua no eido científico e amosar tamén que a ciencia pode ser divertida.
Os rapaces e rapazas de 2º da ESO prepararon por parellas unha serie de experimentos científicos super divertidos e presentáronllelos aos compañeiros doutros niveis nun obradoiro científico-práctico.
Experimentos como flota ou afunde, os mistos veloces, as tres capas flotantes, o globo resistente ou o moco louco foron algúns dos experimentos que puxeron en práctica os nosos aplicados científicos.

A verdade é que foi unha actividade moi interesante. Aquí tendes algunhas imaxes dos obradoiros.


Tamén vos deixamos un video dos experimentos realizados polos alumnos e alumnas de 2º da ESO:







jueves, 10 de noviembre de 2011

VISITA A SOGAMA

Onte  o alumnado de 5º de E.P. fixemos unha visita a Sogama. Vimos todo o proceso de selección do lixo. Para iso tivemos que usar mascarillas  e cascos; xa vedes que estamos moi favorecidos nas fotos. Unha das cousas que nos explicaron foron "os tres R" ( redución, reutilización e reciclaxe), e tamén como temos que seleccionar os nosos residuos.
Despois da visita fomos a Cerceda ao Aquapark

lunes, 7 de noviembre de 2011

APLICACIÓNS DA INVESTIGACIÓN XENÉTICA

"Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial" é o título da segunda videoconferencia organizada pola CGEDLG con motivo da celebración do II Día da Ciencia en Galego, impartida por Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC .Esta segunda videoconferencia tivo lugar de 12:30 a 13:30 horas o venres 4 de novembro de 2011, e a ela asistíu o alumnado de 4º da ESO. Unha introdución sobre o ADN foi o punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial. De novo, tras a conferencia, o alumnado tivo a oportunidade de lanzar a súas preguntas a través dun chat. 




ANO INTERNACIONAL DAS ÁRBORES

"Sabes por que 2011 é o Ano Internacional dos Bosques?" é a pregunta a través da cal Mª Isabel Fraga Vila, profesora e membro da cátedra de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural da universidade, introduciu a súa ponencia, enmarcada dentro das actividades promovidas pola CGEDLG para celebrar o II Día da Ciencia en Galego. O alumnado de 1º da ESO asistíu a esta videoconferencia que tivo lugar entre as 10:30 e 11:30 da mañá do venres 4 de novembro de 2011. Tras a interesante charla sobre os bosques como parte integrante do desenvolvemento sostible do planeta e os seus beneficios económicos, socioculturais e ambientais, o alumnado tivo a oportunidade de interactuar formulando preguntas a través dun chat, que Mª Isabel Fraga Vila foi respondendo dunha maneira moi didáctica. Tanto o alumnado como o profesorado participante nesta actividade mostrou o seu interese por repetir. Os nosos parabéns á CGEDLG!!!

Ano internacional dos bosques
View more documents from satelite1

 Aquí vemos ao alumnado de 1º da ESO na videoconferencia

sábado, 5 de noviembre de 2011

E CO OUTONO CHEGA O MAGOSTO

Presentación sobre o magosto e a súa orixe.(Picade enriba para vela en grande)

viernes, 21 de octubre de 2011

Unha cantiga para a festividade do Samaín


Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)

Lúa chea no balcón,
mil estrela arredor,
bailan aquelarre,
ósos e melóns. (bis)
Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)

As caveiras atopar
nos cruceiros do lugar,
faremos meigallos
para nos salvar. (bis)

Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)

jueves, 13 de octubre de 2011

É tempo de Samaín

Chega o outono e con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús, as abóboras; chegan as augas e os tempos escuros, remata o verán e mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: acaban as romerías ao sol e inícianse os fiadeiros ao carón do lume: son os tempos do Samaín.

Coñeces a tradición do Samaín? Neste blogue de Vieiros tes unha morea de curiosidades. Preme na imaxe de abaixo para entrar nel.



martes, 11 de octubre de 2011

Xa esta aquí o II día da ciencia en Galego (Venres, 4 de novembro de 2011). Este ano, a Química fala galego.



O día 4 de novembro de 2011 celebraremos o II Día da Ciencia en Galego dedicado a exaltar o papel da Ciencia e da Tecnoloxía na creación e profusión da Cultura Galega. A actividade realízase en toda Galicia o mesmo día.
Este ano celébrase o Ano Internacional da Química. Conmemórase o premio Nobel de Química concedido a Marie Curie no 1911 polo seus descubrimentos dos novos elementos Radio e Polonio. Marie Curie é a primeira persoa que recibe dous premios nobeis (de Física e Química), e posteriormente só houbo outra persoa. É a primeira muller que recibe un premio Nobel, é a primeira muller que dá clases na Universidade da Sorbona,... fai os seus descubrimentos estando fóra da Universidade, antes de que sexa nomeada profesora, e tendo dúas fillas (unha delas premio Nobel, tamén). Razóns de sobra para homenaxeala neste día Galego da Ciencia.
Así, o 4 de novembro homenaxéase a Marie Curie e á matemática galega Mª Wonenburger, facendo tamén unha homenaxe ás primeiras mulleres que dan clase, fan ciencia, e cambian para sempre a maneira de ver o papel da muller na ciencia.

Na wikipedia galega podemos ler: Marie Curie e Mª Wonenburger

Desde aquí propoñemos unha serie de experimentos super-divertidos para que todos os realicedes. Atrevédevos.


                             
 

miércoles, 5 de octubre de 2011

COMO FACER UN TRABALLO DE INVESTIGACIÓN

Comezado o curso, de seguro que en mais dunha materia teredes que facer algún traballo de investigación por iso aquí vos deixamos algunhas  recomendacións para súa elaboración.
Dirixido aos nosos alumnos e alumnas de primaria e secundaria.
Picade sobre a imaxe para ver a presentación ampliada

                                    
                                                        

martes, 4 de octubre de 2011

ACTUACIÓN DO MAGO BENXAMÍN

O pasado venres día 30 no local do Casino de Ares,todo o alumnado do cole gozou coa actuación do mago Benxamín. Esta actividade estivo organizada polo Anpa do noso centro e tanto rapaces/as como profes disfrutaron cos números de maxia de Benxamín. 




jueves, 29 de septiembre de 2011

NAVEGA CON RUMBO

A Internet representa un mundo de posibilidades para o lecer e a aprendizaxe pero tamén supón unha serie de riscos, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas. Se queres coñecelos e ao mesmo tempo divertirte, pica na foto.



miércoles, 28 de septiembre de 2011

PARA QUE SERVE O GALEGO

 Unha fermosa reflexión que atopamos na rede e coa que nos comprace iniciar o novo curso:

 

lunes, 26 de septiembre de 2011

DESCARGA GRATUITA DE CALENDARIOS

Se queredes descargar calendarios para anotar os vosos exames, as datas de interese ou ir riscando os días que pasan para que cheguen as próximas vacacións, só tedes que picar nos enlaces seguintes e descargalos.






domingo, 18 de septiembre de 2011

...BENVID@S AO NOVO CURSO ESCOLAR 2011-2012

Xa pasaron as vacacións e, de novo, o colexio abre as súas portas. Empezamos un novo curso, con moitos proxectos, moitas cousas fantásticas que aprender xuntos e tamén con moito traballo.
Un curso máis cargado de ilusión, con moitas ganas de levar a bo termo os proxectos do noso Centro, no que esperamos seguir como ata agora contando coa vosa axuda e colaboración.
Periodicamente irán aparecendo no noso blogue, novas entradas que esperamos vaiades lendo e comentando. Parécenos que pode ser útil para todos.
Por iso, a todos, pais e nais, mestres e mestras,profesores e profesoras e, en especial, a todo o noso alumnado

FELIZ CURSO 2011-2012!

Ánimo..., estudar e gozar no voso centro educativo.


E agora, que mellor maneira de empezar que lendo un poema e escoitando unha versión do mesmo cantada polo cantautor galego Luís Emilio Batallán. É unha pequena homenaxe a un dos nosos grandes escritores galegos, Álvaro Cunqueiro.
Espero que vos guste e vos anime a ler algo máis deste gran xenio da nosa  literatura.

QUEN PUIDERA NAMORALA

No niño no vó do vento
hai unha pomba dourada.

Quen puidera namorala
quen puidera namorala, meu amigo.

Canta o luar e o mencer
en frauta de verde olivo.

Quen puidera namorala
quen puidera namorala, meu amigo.

Ten aires de frol recente
e cousas de recen casada.

Quen puidera namorala
quen puidera namorala, meu amigo.

Tamen ten sombra de sombra
e andar primeiro de rio.

Quen puidera namorala
quen puidera namorala, meu amigo

A. Cunqueiro.

sábado, 9 de julio de 2011

TRABALLOS FEITOS POLO ALUMNADO DO NOSO CENTRO NA MATERIA DE TECNOLOXÍA

Aquí podedes ver os traballos que o alumnado da ESO realizou na materia de tecnoloxía. Sinalar ademais que neste curso os alumnos/as de  3º e 4º da ESO acadaron o 1º Premio no concurso de robótica de Galicia organizado por IGACIENCIA na localidade lucense de Burela.
Por último destacar a mención especial  no "I Concurso da Incubadora de Sondaxes e Experimentos" organizado pola SGAPEIO ao traballo ‘Estudo de mercado: viabilidade da venda de bocadillos e bebidas nos recreos’ da autoría de Almudena Sar Coira, Julia Muíños Marcos, Borja Vilasánchez Rodriguez e Alejandra Díaz Martínez e coa profesora de tecnoloxía María Estraviz Lourido como titora. Podedes ver a noticia picando no seguinte enlace:  http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2011_06/noticia_0113.html

viernes, 24 de junio de 2011

Recoñecemento aos alumnos/as do noso centro

O pasado mércores tivemos no salón de actos do noso colexio unha xornada moi emotiva. Dita xornada consistíu nun acto de recoñecemento a varios alumnos/as destacados do noso centro.
Por unha banda a Comunidade Educativa do CPI "Conde de Fenosa" rendíu un afectivo homenaxe a Benjamín Fernández Barros, o noso Benji, que foi premiado pola Xunta de Galicia co Premio ao Esforzo e á Superación Persoal (2009-2010).
Tamén tivemos como protagonistas aos finalistas do Concurso de relato curto en galego organizado por Coca-Cola: Marina García Canedo, Julián Sixto Sánchez e Roberto Rivas Couce.  Ademais Xaime Redondo Castro de 4º  ESO  recibíu de máns de representantes da ANPA o premio como gañador do II Concurso de Fotografía organizado pola ANPA en colaboración co noso centro.
Por último destacar a mención especial  no "I Concurso da Incubadora de Sondaxes e Experimentos" organizado pola SGAPEIO ao traballo ‘Estudo de mercado: viabilidade da venda de bocadillos e bebidas nos recreos’ da autoría de Almudena Sar Coira, Julia Muíños Marcos, Borja Vilasánchez Rodriguez e Alejandra Díaz Martínez e con María Estraviz Lourido como titora. Podedes ver a noticia picando no seguinte enlace:  http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2011_06/noticia_0113.html

 
Felicidades por todos os logros acadados e en hora boa a todas e todos os  premiados.
 


Homenaxe a Benji 

 Xaime recibindo o premio de máns das representantes da ANPA

Os finalistas do Concurso de relatos xunto a Luisa a súa profe de galego

miércoles, 22 de junio de 2011

Por fin!! As fotos dos gañadores e gañadora do concurso de Coca-Cola "relato curto en galego"



Marina recibiu un segundo premio.

 
     A Julián premiárono con un cuarto premio

 
                 Roberto recibiu un sexto premio

UN ÉXITO ROTUNDO DOS VOSOS COMPAÑEIROS.


viernes, 10 de junio de 2011

LEMOS E DEBUXAMOS NA NOSA BIBLIOTECA

                                           Gústanos ler e debuxar cos nosos novos libros da biblioteca.


                                

jueves, 9 de junio de 2011

A AVENTURA DE LER EN GALEGO

                                       

NO CORAZÓN DO BOSQUE


                                       


A ODISEA
                                        
                                      

A LECTURA...UNHA PORTA ABERTA A IMAXINACIÓN

                                     

ENTREGA DE PREMIOS II EDICIÓN DO PREGUNTÓN

Noraboa aos gañadores e participantes da II Edición do Preguntón. 


Blanca, a xefa de estudos entrega o premio aos gañadores, Martín e Julián de 2º da ESO



Algúns dos finalistas de esta 2º edición do Preguntón





                                   

martes, 31 de mayo de 2011

Serafín Marcos demostra empiricamente  que Lois Pereiro aínda vive connosco

Lois Pereiro ofrece unha poesía profunda, difícil, hermética que distancia os lectores e evita unha identificación inmediata e directa. Esa é a percepción que recollemos todos. Ben, todos non, Serafín Marcos, non. Este home, que xa é a segunda vez que nos visita, é un mago da poesía. Capta a esencia da mensaxe, o ritmo musical de cada verso, a plasticidade da idea, …

A sorpresa, o ritmo frenético, a combinación de recursos (escenificación, imaxes, música, movemento, …) convértese nunha estratexia modelo para achegar a poesiá ao alumnado. Xamais pasa de incógnito a interpretación de Serafín. O rabecho de pelo que nos deixa cada ano redondea una performance xenial.

Ánimo, Serafín!! Sigue con esa enerxía transgresora.

O vídeo da actuación é unha excelente mostra do seu xenio artístico.
 

 

martes, 24 de mayo de 2011

LAURA ENTREVISTA AO NOSO DIRECTOR QUE ESTE ANO SE XUBILA

Este é o derradeiro curso académico no que imos contar coa presenza do noso director José Freire que nos acompañou durante moitos anos. José deixa a dirección e a docencia despois de trinta e catro anos no noso centro. Comeza así unha merecida etapa de descanso, que non de inactividade, xa que de seguro se entregará ao resto das súas paixóns con xúbilo, que é como debe entenderse toda xubilación.
Laura Pita, alumna de 1º da ESO entrevistou a Freire como cariñosamente se lle chama, e aquí tedes a fantástica entrevista da nosa reporteira.

L: Freire é o noso director e este ano xubílase depois de moitos anos traballando neste colexio. Ademais de director é profesor de "mates" en 1º e 2º da ESO. Pedímoslle que nos contestase unhas preguntiñas e el moi amablemente accedeu.

L: Bo día Freire!. Comezamos a entrevista con unha preguntiña moi sinxela.Cantos anos levas traballando no "Conde de Fenosa"?.

F: Levo traballando neste centro nada máis e nada menos que 34 anos, que se di moi pronto...

L: Cal foi o mellor recordo do teu traballo e o peor?.

F: O mellor recordo, rematar cunha tarefa que intentei facer o mellor posible e con toda a ilusión. O peor, algúns momentos difíciles nos que hai que resolver problemas graves como faltas de espazo no centro, falta de profesores, falta de limpieza...

L: Que che gusta máis, ser director ou profesor?.

F: Unha cousa non pode ir sen a outra. Un director sen ser profesor non se enteraría de nada. Pero ante todo son profesor.

L: Que pensas facer despois de xubilarte?

F: Despois de xubilarme teño pensado facer moitas actividades. A verdade é que xa estou inmerso en moitas delas polo que continuarei coas mesmas, pero agora con máis calma e máis tempo.

L: Virás algunha vez a vernos?.

F: Por suposto que virei, máis dunha vez.

L: Hai algunha diferenza entre os alumnos de agora e os de cando empezaches a traballar?.

F: Si que hai moita diferenza sobre todo en como ocupan o tempo de lecer. Antes non había ordenadores, móbiles nin internet. Iso marca moito, tanto á hora de ocupar o tempo libre como á hora dos estudos. Que sería de v´ss se vos quitasen todo iso?. En fin... pero hai que recoñecer que sempre houbo alumnos bos, máis bos e menos bos.

L: Cóntanos algunha anecdota que che acontecese nestes anos que levas traballando?.

F: Ao longo da miña traxectoria profesional houbo moitas anecdotas. É anecdótico por exemplo que alumnos meus estean dando clases como profesores no noso centro. E tamén é curioso que a veces os alumnos que foron mais "cacos" no seu tempo, son os que agora veñen a dicir que lles metamos caña aos seus fillos para que se comporten ben...

L: Aquí remata a entrevista. Gustaríache contar algo máis?.

F: Pois si, o que quero recordar cando me vaia é a parte positiva e bonita de toda a miña traxectoria, e todo o tempo que estiven no CPI “Conde de Fenosa”.

Por último quero agradecerlle a toda a comunidade educativa o seu apoio e colaboración en todos este anos.

domingo, 22 de mayo de 2011

GAÑADORES Concurso Coca-Cola

Vox audita perit; litera scripta manet
(A palabra oída perece; a palabra escrita permanece)

Seguro que moitos e moitas de vós xa sabiades que catro alumnos de 2º da ESO do noso centro se presentaron ao concurso novos talentos de relato curto en galego que patrocina Coca Cola, pois si, tivemos catro talentos que se presentaron ao concurso e tres deles clasificáronse na fase provincial.
Marina, Roberto e Julián recibirán o seu merecido premio o día 27 en Compostela nun lugar emblemático, O Museo do Pobo Galego. Polo momento descoñecemos en que consiste o premio, a intriga manterase ata o final; ademais, ese mesmo día, desvelarán quen é a gañadora ou gañador autonómico e, quen sabe o que ocorrerá? De certo que calquera dos vosos compañeiros pode optar a este premio que supoñería un recoñecemento ao seu talento e traballo.
Coido que non é preciso que repita, o que con frecuencia vos digo: sodes moi bos. Este é momento de recordárvolo, non si?

Para Laura: Participar xa é gañar. Samuel Beckett dicía: "As palabras son todo o que temos". Ti tes a palabra, seguro que non tiveches o momento. As palabras son moito máis importantes que o momento, porque este perece, pero a palabra permanece.