viernes, 30 de noviembre de 2012

PRESENTACIÓN DA NOVELA GRÁFICA "CARTAS DE INVERNO"


O xoves 29 de novembro foi presentada no salón de actos da Alianza Aresana a novela gráfica “Cartas de inverno”, do autor local Antonio Seijas. Trátase dunha adaptación da novela do mesmo nome obra de Agustín Fernández Paz, que tamén estivo no acto. Acompañaron a Toni, como o coñecemos os seus veciños, ademais de  Fernández Paz, o responsable da editorial Xerais, Manuel Bragado, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias.
Fernández Paz explicou con todo detalle a intrahistoria de Cartas de Inverno. «Foi un libro que me saíu con rara facilidade. Foi como se alguén mo fora ditando ao ouvido. Ríame só, porque notaba que me estaba saíndo. A orixe primeira daquel libro que escribín no piso de Rosalía en 1994 está aquí en Ares. Cando traballaba en Mugardos, eu paseaba moito por estes camiños. Un día sentado diante da igrexa de Lubre saíume a idea de que dos anuncios por palabras podían saír historias. De aí naceron os meus Contos por palabras. Mais a veta non estaba agotada. Anos despois, cando xa viviamos en Vigo, atopei no Faro de Vigo, nas páxinas de anuncios breves un que me impactou: “Vendo casa embrujada. Absténganse curiosos y bromistas”. Rescateino, sabía que alí había unha historia, a que logo sería Cartas de inverno».
“Hai catro anos, Toni Seijas díxome que quería facer un cómic da miña novela. Quedei encantado. Eu sigo mercando decote novela gráfica, a que Miguelanxo Prado di que é a arte do século XXI. Son consciente que unha cousa é crear un mundo só con palabras e outra facelo con palabras e imaxes. Tiña claro que Seijas ía realizar a súa visión, xa que na arte o máis importante é a súa ollada. Ademais, sabía que o traballo de Toni é inconfundible. Ten unha linguaxe propia, unha peculiar forma de empregar a dimensión pictórica das viñetas e a utilización narrativa da cor. Agora, coa novela editada, recoñezo nela a mlña historia e recoñezo o que é a obra de Seijas”.
“Da novela gráfica de Toni gústanme especialmente algunhas secuencias. Nun cómic é esencial a montaxe das viñetas dentro da páxina e os anacos que contan pero non contan, as chamadas elipses narrativas, o que se deixa de debuxar e está contado. Isto nestas Cartas de inverno de Seijas está moi ben conseguido, o que permite un avance da narración con naturalidade. Como está moi ben refletida a entorna da casa e o traballo dos interiores”. Rematou Agustín Fernández Paz lembrando que detrás do seu traballo como do de Antonio Seijas estaba Lovecraf.

Antonio Seijas naceu en Ares en 1976 e o seu primeiro álbum de banda deseñada, Un Hombre Feliz, resultou gañador do Certame de Banda Deseñada "Castelao" da Deputación de A Coruña, con prólogo de Miguelanxo Prado, e tamén recibiu o premio de mellor guión, por votación popular, no Salón del Cómic de Barcelona en 2008.
No campo da ilustración, fai traballos para revistas, xornais, webs, cubertas de libros así como ilustracións para literatura infantil e xuvenil en diferentes editoriais, ocupándose en Xerais das cubertas da colección Fóra de xogo. Tamén realiza traballos para grupos e discográficas (cubertas, libretos, logos, carteis…), recibindo excelentes críticas en diversos medios nacionais e estranxeiros.
Mantén na rede os seus blogs http://antonioseijas.blogaliza.org e http://antonioseijas.blogspot.com ademais da páxina www.antonioseijas.com.


martes, 20 de noviembre de 2012

LIPDUB EU FALAREI

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela (Redondela) quere compartir con todos unha experiencia única que viviron a finais do curso pasado: a gravación do LIPDUB EU FALAREI. Neste traballo participou alumnado de todos os niveis (ESO, Bacharelato, FP), profesorado de todos os departamentos e persoal non docente. O proxecto transcendeu os obxectivos iniciais (concienciar ao alumnado da presenza decrecente do galego en moitos ámbitos e responsabilizalo da súa perdurabilidade) e serviu a toda a comunidade educativa para coñecerse mellor e vivir unha experiencia común que será, sen dúbida, marcaxeracional para o alumnado.
Recomendamos a todo o mundo visionar o LIPDUB EU FALAREI, para comprobar como o traballo en equipo pode dar uns resultados espectaculares. Ogallá exemplos como este poideran ser realizados en outros moitos centros escolares, non só porque son un vehículo para potenciar a nosa lingua, senón tamén porque fomentan a creatividade e convértense en auténticas pezas de arte audiovisual.
 

martes, 13 de noviembre de 2012

A QUE SABE A LÚA?

Como si de uns grandes contacontos se tratara, os alumnos de 3º da ESO (Laura, Judith, Sara, Ainhoa, Antonio, Felipe e Lucía) representaron para o alumnado de infantil unha adaptación do conto A QUE SABE A LÚA? de Kalandraca, no que un grupo de animais intentan chegar a lúa e  arrincar un chisquiño dela para saber a qué sabe. Despois de trepar uns enriba dos outros o ratiño consegue acadar un anaco e, sabedes a que lles soubo?. Pois sóubolles a aquilo que máis lles gustaba a cada un deles. A verdade é que os pequerrechos de infantil xa tiñan moi claro a que lles sabía a lúa, por unanimidade a lúa, para eles, sabe a queixo!!!.
Aquí vos deixamos o conto, unhas fotos e o vídeo da representación.



A QUE SABE A LÚA?
 

                             

lunes, 12 de noviembre de 2012

ESTES TÉÑENCHE MOITO CONTO

[...]
Se salvas o lagarto, morrerá túa nai. Se matas o lagarto, morrerá a túa noiva.
Ti que farías? Umm...

Nesta encrucillada puxeron aos alumnos de Secundaria a parella de contadores que de novo nos visitou. As historias seguen a ser sinxelas, inxenuas, tenras, pícaras, filosóficas, ... extraídas da sabedoría popular de calquera parte do mundo, dende África á Antártida.
O estilo, espido de adornos retóricos, conxuga as estratexias do conto popular de base reiterativa, coa expresividade lingüística e xestual dos grandes narradores orais. O ritmo vivo hipnotiza os espectadores á espera dun remate sorprendente.
Todos os alumnos dende o 3º ciclo de Primaria ata 4º de Secundaria puideron gozar do poder da palabra destes narradores fantásticos. EN ESTÉREO BILINGÜE.



martes, 6 de noviembre de 2012

SAMAIN 2012

Un ano máis aproveitamos estas datas para recuperar a tradición do Samaín ou festa das cabazas. Todo o alumnado de educación infantil e educación primaria colaborou aportando a súa propia cabaza, decorada e "tuneada" para a ocasión ademais de facer murais, pantasmas, carautas de medo, esqueletos... Nos corredores do cole podedes ver todas as propostas do alumnado que son fabulosas!!!.


III SEMANA DA CIENCIA EN GALEGO

O martes 6 de novembro de 2012 o alumnado de 3º e 4º da ESO terá a oportunidade de experimentar unha nova sesión de "videoconferencia de ciencia en galego". Xa o ano pasado, a estas alturas, iniciámonos nesta experiencia ofertada pola CGENDL. Poderemos, por tanto, volver a presenciar unha conferencia on-line, coa posibilidade incluso de formular preguntas e descubrir a inmediatez das novas tecnoloxías escoitando as respostas en "riguroso directo". Esperamos que os nosos alumnos/as estean ben atentos para poder logo explicar misterios tan incomprensibles como o da partícula de Higgs ou" bosón de Higgs".

lunes, 5 de noviembre de 2012

LETRAS GALEGAS 2013

A Secretaría Xeral de Política Lingüística,  con motivo do Día das Letras Galegas, convoca un concurso para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado en 2013 ─Roberto Vidal Bolaño─, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica na que este viviu. 
Premio: os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 2.500 €. •O prazo de presentación remata o día 16 de xaneiro de 201.