jueves, 30 de noviembre de 2023

FALLADOS OS PREMIOS DO VII CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

 📷 Onte pola tarde, nunha cerimonia celebrada no salón da Alianza Aresana, anunciáronse os vencedores do VII Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares. O evento congregou aos participantes e aos seis finalistas cuxas obras adornarán o calendario municipal de 2024, presentado no mesmo acto.

📸 Os premios repartíronse en dúas categorías, atendendo á idade dos participantes. Na Categoría A (de 8 a 12 anos), os gañadores foron Carolina Pereira, Sara Pereira e Martín Díaz. Doutra banda, na Categoría B (de 13 a 18 anos), os recoñecementos recaeron en Cristian Campos, Noelia Navas e Candela Fonte.

📸 A concelleira de Cultura, Alma Barrón, felicitou aos gañadores, e tamén estendeu as súas felicitacións ao resto dos participantes, eloxiando a diversidade de perspectivas reflectidas nas imaxes.

📸 Ademais, a concelleira expresou o seu agradecemento ao xurado composto por Marcos López Alonso e Yolanda Castro López, así como a toda a comunidade educativa do CPI As Mirandas polo seu compromiso no certame. A concelleira destacou: "Este concurso vai máis aló de premiar imaxes, é un reflexo da identidade e memoria colectiva da nosa localidade".

📸 Os exemplares do calendario municipal xa están dispoñibles para a veciñanza na Biblioteca Municipal de Ares.


OS GAÑADORES

AQUÍ PODEDES VER AS FOTOGRAFÍAS GAÑADORAS







viernes, 24 de noviembre de 2023

25 N: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 Neste “Día Internacional Contra a Violencia de Xénero” no CPI As Mirandas o alumnado e profesorado da ESO reunímonos  nun acto no que,  alumnas e alumnos de 4º da ESO,  deron lectura a dous manifestos a través dos cales quixemos arroxar luz e denunciar esta realidade, tantas veces escondida e silenciada como é a violencia de xénero, así como recordar que se debe seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos.




 
 Rematamos o acto cantando a canción “A veciña do cuarto” de Fillas de Casandra

CONTACONTOS POLO DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

 O xoves 23 de novembro, e con motivo do Día dos Dereitos da Infancia, parte do alumnado de 3º da ESO realizou unha actividade de contacontos para os nenos e nenas de 1º de primaria.

A través do conto “Artai, O neno xigante” aprendemos que os nenos e nenas deben ser protexidos contra toda forma de abandono, malos tratos, crueldade e abusos. Non deberá permitirse aos nenos e nenas traballar antes da idade mínima adecuada...' e non poden ser explotados.

O alumnado da ESO repartidos por parellas e en grupos, explicáronlles aos máis pequenos/as o por qué da celebración desta data tan importante, narraron o conto de “O neno xigante”, repartiron un pequeno agasallo a todos os asistentes (uns marcapáxinas feitos por eles que contiñan un dereito fundamental) e dinamizaron a actividade cun simpático xogo de pasapalabra.

Foi unha actividade super chula. Aos pequenos/as encantoulles e estiveron super atentos e participativos.

Grazas á rapazada de 3º ESO pola  preparación e realización desta actividade. Fixéstelo xenial!











 Aquí podedes acceder ao conto.

Artai, o Neno Xigante by yolick20003194

lunes, 20 de noviembre de 2023

EXCURSIÓN Á CASA DAS CIENCIAS

 Hoxe o alumnado de 1° a 4° de primaria fomos de excursión á Casa das Ciencias. Pasámolo moi ben e gozamos dunha xornada soleada e chea de sorpresas.

Desexando volver a saír de excursión!!!

20 novembro. DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENXS

 Hoxe celebramos o Día Internacional dos Dereitos dos Nenxs, lembrando e reivindicando os dereitos que cada neno e nena teñen polo simple feito de ser nenos. Debemos asegurarnos de que teñan unha infancia feliz, segura e chea de oportunidades para crecer e desenvolverse plenamente.

Neste día, non debemos esquecer que cada neno, nena ou adolescente é especial e único, e merece ser tratado con dignidade e respecto. É o deber de toda a sociedade asegurarnos de que se cumpran  os seus dereitos e de traballar xuntos para construír un mundo máis xusto e equitativo para todos.

O alumnado da ESO reuniuse para conmemorar esta data e ler un manifesto a favor dos seus dereitos.

Tamén o alumnado de 3º de ESO visitou as clases de infantil e primaria para falarlles deste día tan especial e agasallalos cun cartel e uns marcapáxinas  ilustrados con todos os dereitos, que fixeron para eles os alumnos e alumnas de 2º e 3º de ESO.

Aquí vos deixamos un vídeo resumo do acto.

sábado, 11 de noviembre de 2023

MAGOSTO E DÍA DO PEÓN NAS MIRANDAS

 O pasado venres 10 de novembro celebramos o Magosto e o Día do Peón no noso cole. O día amenceu nubrado e con chuviscas, pero iso non impediu que puidesemos gozar dunha bonita mañá xuntos.

Comezamos cunha serie de xogos para todo o alumnado nos que a castaña foi a protagonista. Fixemos procura de castañas, punterías, carreiras,... pero principalmente gozamos cos nosos compañeiros e compañeiras neste día de celebración. 

Posteriormente, para repoñer forzas, comimos castañas e preparamos os nosos peóns e bailaretes para conmemorar o “Día do Peón” xa que, como indica o noso refraneiro popular… “Polo San Martiño, peóns ao camiño”. 

O alumnado tivo a oportunidade de facer bailar os seus peóns e bailaretes de todo tipo, realizados por eles mesmos coa axuda das súas titoras e titores.

Foi unha mañá chea de bos e bonitos momentos. No seguinte vídeo podedes ver algúns deles. Agardamos que vos guste.


miércoles, 1 de noviembre de 2023

SAMAÍN NO CPI AS MIRANDAS

 Onte tivemos na ESO unha xornada festiva e terrorífica para celebrar o Samaín.  Non faltaron os disfraces para ambientar a celebración, a decoración de espazos e portas das aulas e o mellor... a xenial gincana de Samaín que realizamos ao longo da mañá e na que o alumnado implicouse de xeito espectacular.

No seguinte vídeo vos deixamos un resumo desta xornada.