domingo, 29 de octubre de 2017

O TEMPO DA FIN DE SEMANA CON MARTÍN

Esta semana Martín de 2º de ESO danos a previsión do tempo cara aos vindeiros días. Ah, e lembrade que a madrugada do sábado ao domingo tedes que retrasar os reloxos unha horiña.


       

miércoles, 25 de octubre de 2017

VIII Día da Ciencia en Galego 2017!

 A ONU declarou o ano 2017 como o Ano Internacional do Turismo Sostible , nós traducímolo a 2017-Viaxes pola Ciencia nas que vos convidamos a participar:

-Celebrando a Viaxe do Beagle, a viaxe científica de Darwin que cambiou a maneira de pensar sobre a orixe das especies, a evolución e o papel da xenética neste proceso. A Bioloxía fíxose intelixible e adquiriu unha historia de miles de millóns de anos de evolución, marcada tamén pola evolución xeolóxica.

-Celebrando as Viaxes de Domingo Fontán para elaborar con métodos modernos, matemáticos e exactos o primeiro mapa actual de Galicia. É un dos referentes dos científicos galegos, e coa súa Carta Xeométrica coida e mima co seu saber a nosa terra como poucos.

-Realizando actividades de Ciencia no Camiño de Santiago, unha viaxe sostible onde as haxa.
-Actividades coa tecnoloxía viaxeira, como o GPS, SIX... Saídas ao campo. Que tal un debuxo xigante, como os de Nazca, dun labirinto galego de Mogor, ou un misterioso triskel nas leiras de millo ou prados, de apariencia extraterrestre?

-Proxectando o Ano Internacional a outras ciencias: en Xeografía os mapas- que nunca poden faltar nas viaxes-, en matemáticas as proxeccións, en Tecnoloxía GPS e App inventor... Queremos facer convosco unha base de datos latitude/lonxitude dos lugares da nosa cultura, románico, igrexas, fervenzas, vexetación e flora, da fauna e pesca que coñezades.E non só iso senón as festas, música, todo aquilo que queirades xeoreferenciar na vosa zona: o voso queixo ou o voso pan...

Un traballo que merece todo un ano para el...


Un grande abano de posibilidades para ir preparando:

-Manexar o GPS, Entender o sistema de coordenadas GPS e os sistemas de visualización xeográfica como GoogleMaps ou Openstreetmaps.

-Experiencias relacionadas coa orientación. Recrear os primeiros compases cunha agulla imantada sobre unha cortiza flotando nun recipiente con auga…

-Expoñer  no centro educativo a serie de carteis sobre Darwin e a Evolución.

-Enviar algunhas fotos a nova carta a través da app novacarta (que está en novacarta.eu) ou enviando todas as do centro con xeolocalización de cada unha ou grupo, cos enlaces correspondentes á galipedia, ás páxinas do Concello ou a todas aquelas que consideredes relevantes para describir o lugar do voso concello. 

Como podedes ver no apartado de premios en novacarta, solícitase que haxa un profesor responsable que canalice a participación do alumnado e os motive para  que resalten aquilo que consideran un lugar único e mítico e digno de ser coñecido en toda Galicia e p or todos os centros. Os dez mellores en cantidade e calidade recibirán un premio en metálico e outros corenta recibirán a revista de Igaciencia sobre a luz. Ver http://novacarta.eu/gl/node/7 (ao final) e http://novacarta.eu/gl/node/8
-Buscar en novacarta.eu as paisaxes e os miradoiros do norte de Galicia que os fan famosos. O modernismo de Ferrol. A poesía galega ligada á posición xeográfica. Comparar as distintas versións en distintas linguas da galipedia. Facer unha composición, por exemplo, sobre o cabo e faro Vilán despois de buscalo en Novacarta e explicar porque a súa grandeza ben pode ser símbolo de Galicia.

sábado, 14 de octubre de 2017

SELECCIONADOS PARA O PROXECTO VIDAS MARIÑEIRAS


CPI As Mirandas (Ares) , O CPI A Xunqueira (Fene), o e o IES Breamo (Pontedeume) son os tres centros de ensino público cuxos proxectos audiovisuais inaugurarán o programa formativo Vidas Mariñeiras 2017, que dá comezo este mesmo mes de outubro coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte.
En «De corazón, mariñeiro» atoparemos a Vituco, experimentado científico e submarinista que se considera a si mesmo un mariñeiro máis. Percorreremos o curso do Eume até a súa desembocadura no océano Atlántico, atentos a como as augas configuran a paisaxe e os nosos propios hábitos («Entre dúas augas: o Eume e o mar»). Haberá tempo tamén para a reflexión histórica sobre o rol das mulleres na vila mariñeira de Ares ao longo do século XX («Marea de mulleres»). Esta é unha pequena e suxerente mostra do que nos deparan os proxectos que veñen de presentar os alumnas e alumnas dos centros seleccionados para participar en Vidas Mariñeiras 2017, que entre os meses de outubro e decembro deste ano achegará ás aulas un programa de formación audiovisual que dará como resultado senllas curtametraxes realizadas polo alumnado.
O programa foi recibido con moito interese polos centros de ensino da contorna do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, e moitos deles coordinaron grupos de alumnas e alumnos para presentar un proxecto ao concurso publicado nesta mesma web o pasado mes de setembro. Porén, nesta primeira edición os coordinadores do programa limitáronse a tres proxectos para garantir unha formación de calidade e personalizada de cada grupo participante.

O alumnado recibirá unha formación práctica e teórica básica que lle permitirá desenvolver con autonomía todas as fases de produción dun filme, desde a primeira escaleta até as correccións de cor e masterizado das pezas resultantes. Estas tres curtametraxes, ademais, poderán verse no mes de decembro nun pase aberto ao público nos Cines Duplex de Ferrol, e xa en xaneiro de 2018 na filmoteca galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, A Coruña).

PREVISIÓN DO TEMPO DA FIN DE SEMANA

Voltamos de novo coa previsión do tempo da fin de semana, realizada dende o noso cole. Hoxe é  Judith a que nos informa sobre o tempo que imos ter nos vindeiros días.

CONCIENCIÁMONOS CO MEDIOAMBIENTE

Hoxe remataron as charlas de concienciación medioambiental propostas pola Asociación Cultural e Deportiva Scuba Ares. Aprendimos a importancia de manter o noso ecosistema mariño limpo e sen residuos. Para iso nos amosaron uns vídeos moi divertidos e seleccionamos o lixo para tiralo nos colectores axeitados.
Mañá, sábado, de 10:00 a 14:00 nos esperan para facer limpeza na praia de Ares.

Os nenos e nenas podemos cambiar o mundo!


 



miércoles, 11 de octubre de 2017

I CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL DO CONCELLO DE ARES


O Concello de Ares a través da súa concellería de cultura organiza o I Concurso de fotografía xuvenil do noso concello, do que sairán as 6 fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do 2018 que se distribúe entre toda a veciñanza e comarca.
O obxectivo deste concurso é convidar á xuventude a utilizar a nosa contorna como contexto onde recoñecer a súa herdanza a través das imaxes, despertanto  a capacidade de observar todo o que lles rodea e recoñecerse en pequenas historias e/ou paisaxes que dean conta do seu vencellamento como memoria colectiva desta vila. En concreto, invítase a fotografiar espazos, lugares, obxectos, actos e situacións da nosa contorna que consideren parte da súa identidade.

Quen pode participar?: Xente nova de 8 a 18 anos empadroada en Ares.

Cómo participar?:  Poderanse enviar un máximo de dúas fotografías en formato dixital e sen retocar ao enderezo electrónico: concursofotografia@concellodeares.com. Xunto ás fotografías remitirase o formulario de solicitude de participación e de identificación das fotografías cubertos, asinados e escaneados.
Prazo de entrega:  Dende o luns 16 de outubro ata o luns 6 de novembro ás 19.30 (ambos inclusive)

                                         De tódolos xeitos aquí deixamos as bases completas do concurso.


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!





lunes, 2 de octubre de 2017

PINOCCHIO SON EU

O venres 29 de setembro os nenos e nenas de primeiro e segundo curso de educación primaria saímos de visita á Casa da Cultura de Pontedeume. Alí nos esperaban Nino "Pinocho" e os seus pais para amosarnos unha marabillosa exposición educativa de arte. Unha visita guiada onde nos permitiron experimentar grandes momentos da fantástica aventura de Carlo Collodi xunto coas obras orixinais e interactivas realizadas en papel e cartón, pola artista Catarina Capim.

Pasámolo xenial!!