miércoles, 27 de marzo de 2019

FALAMOS DA ESCOLA. O VALOR DA EXPERIENCIA


Por cuarto ano consecutivo o noso centro  está a participar  no programa interxeracional que Afundación (Fundación Galicia Obra Social) realiza nos centros educativos. Un encontro de diálogo e experiencias compartidas  entre maiores e estudantes.
Este ano baixo o título «Falamos da escola», os maiores e o alumnado dialogarán sobre as vivencias o longo da etapa escolar. 
A narración das experiencias escolares e circunstancias de vida das persoas maiores voluntarias nadas nas décadas dos anos 30, 40 e 50 do século pasado son o eixo principal do programa. Este encontro favorece que a xente nova fágase consciente e valore que o dereito á educación universal é un logro moi recente do que as persoas maiores non puideron gozar. Falar da escola vincula a maiores e novos, que dialogan desde a perspectiva histórica que ofrece a relación interxeracional e a tensión creativa de experiencias escolares e vitais tan dispares.

No encontro de hoxe tivemos con nós a un querido profesor  xa retirado que compartiu 36 anos da súa vida no noso cole de Ares, Manolo Martínez (o noso “Donma” como cariñosamente lle chamaba a rapazada). Tamén acompañounos a súa dona Teresa Baz e 3 voluntarios e voluntarias máis (de Pontedeune e Redes) Mari Cordal, Luisa Veiga e Agustín Álvarez, que están a participar neste programa contando como foron as súas vivenvias na escola dos anos 50. Unha experiencia enriquecedora que seguiremos a traballar nun segundo encontro no mes de maio e  no que debaterán, cos rapaces e rapazas, desde os seus puntos de vista acerca de cal debe ser o papel da educación contemporánea. As conclusións ás que cheguen conxuntamente serán recollidas para realizar unha achega orixinal e diferente que enriqueza o debate educativo.

sábado, 23 de marzo de 2019

DAMOS A BENVIDA Á PRIMAVEIRA NOS XARDÍNS DE SANTA CATALINA DE MONTEFARO

Comezamos a primaveira e, que mellor xeito de recibila que repoboando con buxo os xardíns do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro.  Así, os nenos e nenas de 2º de primaria coas súas profes Pamen e Mamen, achegaronse ata Montefaro onde os estaban a esperar Celsa e os seus compañeiros da AAMSC  para continuar a labor emprendida fai xa catro anos na que nos comprometemos  a coidar e manter os xardíns de Santa Catalina.
Tamén aproveitaron a xornada para visitar o Centro de Interpretación do mosteiro, recentemente rehabilitado.  



III CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS

A  Biblioteca Escolar  Carabela e o Equipo de Dinamización Lingüística (EDLG) do CPI As Mirandas organizan a III Edición do Concurso de deseño de cubertas de libros. Con esta iniciativa preténdese fomentar a lectura e así mesmo potenciar as capacidades creativas do alumnado.                                                                    
Animádevos a participar e…deixade voar a imaxinación!!!




BASES

1.- Dirixido a: Todos os alumnos/as do CPI  As Mirandas, que poderán participar cun máximo de 3 obras. En infantil o traballo a presentar será de aula.
2.- Tema: O concurso ten por obxecto a creación dun deseño gráfico para a portada ou cuberta dun libro que o alumno/a teña lido. Na portada ten que constar  o título e o nome do autor do libro ademáis da decoración que o alumno/a desexe engadir: fondos, fotos , debuxos, distintos tipos de letras, diversos materiais, etc. O libro pode ser de calquera xénero: poesía, contos, novela, teatro, ensaio, divulgación… Pola parte de atrás irá o nome e curso do alumno/a participante ou a clase se o traballo a presentar é de aula.
3.- Formato: Tamaño mínimo un cadrado  de 21x21 cm. e máximo un A3 (29,7x42 cm). Pódese variar a forma do soporte sempre que quede dentro das dimensións mínimas e máximas sinaladas.
4.- Técnica: Poderase utilizar calquera tipo de técnica bidimensional: rotuladores, lapis, témperas, collage, banda deseñada,etc. Tamén se poden combinar técnicas: letras a ordenador e debuxos a man, fondos de témpera e un collage superposto, composicións feitas con volumen e despois fotografiadas, etc.
5.- Soporte: En función da técnica dos traballos, pódense entregar en papel, cartolina, cartón,  lenzo ou como un arquivo informático se é o caso dun traballo feito por ordenador.
6.- Data e lugar de entrega: A data de entrega comeza  o 25 de marzo e remata o 12 de abril. Os traballos entregaranse na Biblioteca ou á coordinadora do EDLG.
7.-Premios:  O xurado dictaminará os gañadores o 23 de marzo, Día do Libro. Outorgaranse varios premios en función das idades. En infantil serán premios de aula.
Con todos os traballos presentados farase unha exposición no centro así como a presentación dos mesmos a través dos blogues do EDLG e da Biblioteca.

viernes, 22 de marzo de 2019

AUDICONTOS REALIZADOS POLO ALUMNADO DE 2º ESO

As rapazas e rapaces de 2º de ESO realizaron unha serie de audicontos para os máis pequenos.
Valores como a amizade, a paz, o respecto, a empatía, a cooperación ou a confianza nun mesmo son os que se reflicten nestes contos:   A carreira de zapatillas,  A espada pacifista e a Cincenta que non quería comer perdices .
Aquí tedes o resultado.





jueves, 21 de marzo de 2019

VISITA AO MOSTEIRO DE SANTA CATALINA DE MONTEFARO

Onte os nenos e nenas de infantil  do noso cole desplazáronse, xunto coas súas profes, ata o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro para coñecelo de preto. Da man dos voluntarios culturais da Asociación de Amigos de Santa Catalina, puideron coñecer as características da construción, as distintas estancias do mosteiro, as diferenzas entre estas e un castelo e os vestixios militares que aínda perduran nela. Tamén puideron visitar o Centro de Interpretación do mosteiro, recentemente rehabilitado.
Esta actividade é unha colaboración entre o CPI As Mirandas e A Asociación de amigos de Santa Catalina que ten entre os seus obxectivos promover a divulgación do patrimonio de Montefaro.
Proximamente os nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria volverán ata Santa Catalina para, como en anos anteriores, repoboar o buxo dos xardíns do mosteiro.

miércoles, 20 de marzo de 2019

ALIANZAS ARESANAS. 115 ANOS DE HISTORIA


Hoxe estamos a facer memoria dun feito que tivo lugar hai 115 anos. Un grupo de aresáns, alá na Habana, foi consciente dunha necesidade que cristalizou nun proxecto que tanto ben fixo aos nosos pais, aos nosos avós e a todos cantos se achegaron a estas aulas. Deixáronnos estas paredes que acubillaron unha institución que serviu de modelo a outras moitas e hoxe nun emotivo acto, quixemos facer  honor a súa memoria como proba do noso agradecemento. Non debemos esquecer a súa entrega desinteresada, primeiro a dos fundadores da Alianza Aresana de Instrucción, nin tampouco á de moitos dos que aquí se formaron. Partían da fame e da pobreza, moitos deles analfabetos, e a base de esforzo e unión, forxaron un futuro noutras terras alleas pero non esqueceron a propia.
No acto, no que estiveron presentes ademais dos representantes do concello e distintas asociacións da vila, os alumnos de 4º de ESO e 4º de primaria leron o acta de constitución da Alianza Aresana así como un poema de Curros Enríquez, poeta galego vencellado á nosa vila a través da colonia aresán en Cuba e que nos deixou un fermoso escrito sobre a nosa Alianza, publicado no semanario Galicia da cidade antillana, titulado “Bien por los Aresanos”.
Rematamos o acto co Himno Galego interpretado pola banda de gaitas de Ares que amenizou a xornada.
Aquí podedes ver un pequeno vídeo do acto.

      

viernes, 15 de marzo de 2019

OS RAPACES E RAPAZAS DE 1º DE ESO GAÑADORES PROVINCIAIS DO CONCURSO ESCOLAR ONCE!!!

Estamos de en hora boa!!!  O grupo de alumn@s  de 1º de ESO formado por  Antía, Gabriela, David, Sofía, Laura Gisell, Geovanna, Brais, Hugo, Carlos, Axel, Melani, Paula, Isaac e  Noelia quedaron gañadores provinciais do Concurso Escolar Once coa súa canción "O noso patio é particular". Este ano baixo o lema "Por min e por tódolos meus compañeiros” os nosos alumn@s  quixeron mostrar a través dun videoclip a importancia de crear recreos inclusivos  onde todxs poidan xogar, gozar  e aprender a vivir coa diferenza e desde a diferenza nunha escola inclusiva por e para todxs.
Parabens!!!!  e.... seguimos!!!!!

Aquí podedes ver vídeo gañador.

         

lunes, 11 de marzo de 2019

ACTO ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DAS ALIANZAS: A PRIMEIRA ESCOLA INDIANA DE GALICIA

  Estamos a facer memoria dun feito que tivo lugar hai 115 anos. Un grupo de aresáns, alá na Habana foi consciente dunha necesidade que cristalizou nun proxecto que tanto ben fixo aos nosos país, aos nosos avós e a todos cantos se achegaron a estas aulas. Deixaronnos estas paredes que acubillaron unha institución que serviu de modelo a outras moitas e hoxe estamos aquí facéndolles o honor da súa memoria e a proba do noso agradecemento. Non debemos esquecer a súa entrega desinteresada, primeiro a dos fundadores da Alianza Aresana de Instrucción, nin tampouco á de moitos dos que aquí se formaron. Partían da fame e da pobreza, moitos deles analfabetos, e a base de esforzó e unión cos otros que os precederán naquela aventura , forxaron un futuro noutras terras alleas pero non esqueceron a propia. Nesta sinxela testemuña de honra imos lembrar o momento da constitución da Sociedade Alianza Aresana de Instrucción.

viernes, 8 de marzo de 2019

ACTO POLO DÍA DA MULLER .

Dentro dos actos que se están a levar a termo co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o CPI As Mirandas  xunto co Concello de Ares a través do Centro de Información á Muller –CIM- e a Concellaría de Muller, realizou hoxe unha marcha polas rúas da vila como concienciación e visibilización das enormes diferenzas que existen aínda nos dereitos de mulleres e homes. Na marcha participaron  as/os estudantes do CPI As Mirandas xunto coas súas profesoras e profesores así como as asociacións de mulleres do municipio e representantes do Concello.
O acto rematou coa lectura de manifestos por parte das alumnas do centro, da asociación de mulleres de Ares e da concelleira Mª Victoria Montenegro.

Aquí podedes ver a reportaxe gráfica.

jueves, 7 de marzo de 2019

A CINCENTA QUE NON QUERÍA COMER PERDICES

Adaptación do conto "A Cincenta que non quería comer perdices", realizado polas alumnas de 2º ESO.
Un conto que  reivindica a figura da muller como dona do seu propio destino, con capacidade de valerse por si mesma e de buscar a súa propia felicidade. Non hai príncipes, nin princesas que solucionen a vida, nin nos fagan profundamente felices, hai seres humanos que deben aspirar a ser  autodependentes e que, se queren, vivan a súa felicidade á beira de quen desexe.

sábado, 2 de marzo de 2019

ENTROIDO NO CPI AS MIRANDAS

Un ano máis o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro  “ Ares arredor de si” en todas as súas vertentes e posibilidades. Así desfilaron polas nosas rúas indianos, remeiros, flores de todas clases e cores imprescindibles para as nosas alfombras florais, rondallistas acompañados dunha peculiar madriña...Un percorrido cheo de cor e fantasía que rematamos con doces típicos e lambetadas.
Agora a gozar destas mini vacacións  e... que viva o entroido!!!