E TI DE QUEN VÉS SENDO?

PROXECTO DESAFÍO EMPRENDE (Alumnado de 4º ESO)


O Alumnado de 4º de ESO do CPI As Mirandas, de Ares, participou na quinta edición do Premio Desafío Emprende promovido pola Fundación La Caixa co obxectivo de fomentar a actitude emprendedora da mocidade a través de propostas que potencien o desenvolvemento da súa creatividade, iniciativa, motivación e capacidade para traballar en equipo. Baixo a coordinación do profesor do centro Anxo X. Rajó e a través da creación de catro consultoras, estiveron a traballar nun proxecto para a posta en valor dos principais elementos etnográficos, naturais e históricos do concello de Ares. A súa proposta pretende cubrir un servizo de información básica dirixido, en primeiro lugar, aos habitantes de Ares -ao redor de 5.300- e, en segundo lugar, aos milleiros de visitantes que recibe anualmente a vila en períodos vacacionais, principalmente durante a Semana Santa e o verán. “Ares posúe unha extraordinaria riqueza en canto aos valores relacionados coa súa historia, o seu patrimonio, natureza e cultura. Esta proposta está orientada a todo tipo de usuarios, de calquera idade, e principalmente ás familias. Para o potencial usuario ten un valor informativo incalculable e o conecta con esa esencia de Ares, unha vila de pasado mariñeiro e moi relacionado coa industria da salgadura que trouxeron e impulsaron en Galicia moitas familias catalás. Así mesmo, aos seus habitantes máis novos axudaralles a coñecer mellor as súas orixes e a súa historia.

Redacción dun mapa guía
Ademais do proceso de investigación dos principais puntos de interese, o alumnado redactou un mapa guía editado en papel e en soporte electrónico e que servirá para dar a coñecer a proposta do centro, ademais de ser unha ferramenta de traballo.


A proposta didáctica e educativa do CPI As Mirandas poderá servir como exemplo para o emprendemento e a aparición de novas empresas no sector turístico e para dinamizar a economía turística, «moi presente en Ares». Para iso, os participantes botarán man da frase característica en Galicia « E ti, de quen vés sendo?», empregada a cotío para saber a orixe da xente.

Neste enlace poderedes descargar o mapa guía de Ares

https://drive.google.com/file/d/1fQmVpjJT3iCr8ERSFxkzItmAkMHSRvWq/view?usp=sharing










No hay comentarios:

Publicar un comentario