lunes, 14 de febrero de 2022

SEMANA CONMEMORATIVA. DÍA DE ROSALÍA 2022


 O concello de Ares e o noso centro súmanse á conmemoración do Día de Rosalía mesturando programacións dixitais e físicas.

A contorna de Ares prepárase ao longo desta e a seguinte semana para render homenaxe á figura de Rosalía de Castro, poeta central e universal dentro da identidade galega. 

Ata o de agora, a efeméride celebrábase o 24 de febreiro, día no que constaba o bautismo da autora de Follas Novas mais a aparición de nova documentación permitiu certificar a data real de nacemento de Rosalía xusto no día anterior.

Para conmemoralo, o Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, e a área de Cultura local programan tres principais actividades:

A primeira, promovida dende o Servizo de Normalización en colaboración cos nomeados concellos que o integran, basearase nunha campaña dixital de caracterización. A iniciativa estenderase dende este mércores 16,ata o 21 de febreiro e convidará a todas aspersoas, adultos e nenos/as, a enviar fotografías coas súas caracterizacións deRosalía de Castro, incluíndo, se se desexa, versos preferidos, citas de interese… da poeta.

O correo electrónico mailto:cultura@concellodeares.com estará habilitado para recibir as instantáneas, que despois poderán publicarse nas redes sociais do concello e na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística, achegando unha visión conxunta de Rosalía entre toda a veciñanza dos entes municipais participantes.

A Concellaría de Cultura de Ares tamén organizará dúas actividades que se suman a esta campaña dixital xusto nas datas de maior relevancia para a celebración do Día de Rosalía.

 O 23 de febreiro ás  17.00 horas os máis pequenos e pequenas (5 a 10 anos) terán un obradoiro de manualidades, confeccionando máscaras tematizadas co rostro da poeta na biblioteca municipal da localidade. 

De igual xeito, a Alianza Aresana será o espazo que acollerá o espectáculo do ilusionista Martin Camiña, “Lingua do País”, o xoves, 24, ás 18.00 horas. Trátase dun evento que forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña e que está marcado pola presenza do humor, a maxia e as reflexións sobre a lingua propia.

Desde o noso centro, o CPI As Mirandas, homenaxearemos á nosa poetisa coa actividade Musicando a Rosalía realizada en colaboración co departamento de música e realizaremos co alumnado un vídeo co recitado dos seus poemas.

    

Ademais nas distintas aulas dos diferentes ciclos traballarase, desde distintas actividades e formatos, a figura da nosa poetisa máis universal.

ROSALÍA SEMPRE VIVA...
SEMPRE....ROSALÍA

No hay comentarios:

Publicar un comentario