Hoxe tivemos os segundo día de gravacións dos programas de
radio que estamos a facer dentro do Proxecto “Activistas polo mundo que queremos”.
A próxima semana poderedes escoitar os 5 podcast de radio
realizados polxs alumnxs de 1º e 2º de
ESO. Mentres tanto unhas cantas fotos da sesión de hoxe.
Hoxe seguimos co noso proxecto “Activistas polo mundo que queremos” e
tivemos un obradoiro de radio impartido por Rocío e María no que os cursos de
1ºe 2º da ESO gravaron os seus
programas de radio.
Pero antes da gravación, Rocío nos
deu algúns consellos e técnicas para preparar e mellorar as nosas voces, así
como unha mini clase sobre o que tiñamos que saber para realizar o programa.De seguido comezamos as gravacións.
Todos os grupos tiñan preparadas
as súas reportaxes que estiveron realizando durante varias semanas. A verdade é que estes rapaces e rapazas
fixeron un magnífico traballo de investigación para realizar os seus guións de
radio nos que incluíron entrevistas, testemuños, estatísticas ou comentarios
reflexivos. Temas como o medio ambiente,a igualdade, os microracismos, os
dereitos do colectivo LGTBI ou o activismo en xeral foron parte dos contidos
que trataron.
Nas entrevistas que realizaron
para as reportaxes contaron coas
testemuñas e aportacións de persoas como Javier Cristobo (biólogo e
científico), Paula Mayobre (atleta), Cristina Correa (activista e cooperante
en Uganda), Jon Rodríguez (escritor, articulista e activista LGTBI), Conchi
Ramil (vicepresidenta do Padroado Concepción Arenal -Casa de Acollida de
Mulleres Maltratadas e Exclusión Social de Ferrol), Celsa Formoso (Presidenta
da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina) ou Juan Carlos Rey
(mariñeiro de Ares). A todos eles lles damos as máis efusivas grazas por
atender á chamada do noso alumnado e colaborar con eles sempre que os precisan.
En breve colgaremos os podcast de
radio e poderedes gozar co seu traballo.
Con esta actividade pretendemos que o alumnado do 1º ciclo de ESO coñeza as
historias de vida dos seus avós e avoas; as súas orixes, como viviron, como foi a súa xuventude,
cal era a forma de divertirse nos seus tempos... en definitiva, a súa historia.
Logo do traballo de investigación
realizarán ben unha gravación de audio, ben unha con imaxe e audio, tanto deles
como dos seus familiares. Nela recolleranse os resultados do traballo da
narración oral.
Obxectivos
· - Potenciar e estimular o uso oral do galego. -Utilizar
ao propio alumnado como elemento dinamizador. -Fomentar
a creatividade e a participación do alumnado. -Potenciar
o diálogo cos maiores e rescatar a memoria histórica.
O día Internacional do Libro é unha data moi especial para as escolas, para os lectores e para todas as persoas amantes dos libros. No noso centro unímonos a Biblioteca Carabela, O Equipo de Dinamización Lingüística, o Equipo do proxecto ERASMUS+ e a Concellaría de Cultura do noso concello para facer e programar unha morea de actividades. Aquí vai unha mostra delas.
IV EDICIÓN do CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS
CONCURSO DE MICRORRELATOS EN COLABORACIÓN CO CONCELLO DE ARES
POEMAS CON AROMA A ROSA ( Realizados polo alumnado de 6º EP)
ERASMUS -DÍA DO LIBRO
Nas seis escolas que estamos no ERASMUS preparamos algunhas actividades en común. Fixemos un libro-vídeo (en dúas versións inglés e galego) sobre a vida de Cervantes e Shakespeare ademais doutro sobre a orixe desta celebración e os diferentes eventos que teñen lugar en outros países.
Tamén as nenas e nenos realizaron marcapáxinas, debuxos, colgadores de portas ou minilibros
Como vedes, unha morea de actividades para celebrar e gozar deste día
FELIZ DÍA DO LIBRO
A lectura, como o amor, é a pedra ideal para afinar a nosa alma
Seguimos co noso proxecta “Activistas
polo Mundo que Queremos” e nesta parada tomamos contacto con activistas doutros
países. No noso caso puidemos contactar con Grecia Villalobos activista
salvadoreña transxénero, defensora dos dereitos humanos, especialmente aqueles
da poboación trans. Grabamos algunhas preguntas para enviarlle e ela moi amablemente
respostou enviándonos o seguinte vídeo.
O Equipo de Dinamización Lingüística
(EDLG), a Biblioteca Escolar Carabela e o Proxecto Erasmus+ “Artworks from
European Festivities and Traditions”do CPI As
Mirandas organizan a IV Edición do
Concurso de deseño de cubertas de libros.
Animádevos a
participar e…deixade voar a imaxinación!!!
Como cada ano por estas datas (e xa hai cinco!), o certame Enreguéifate comeza a súa andaina á procura de estudantes e público en xeral que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Nesta ocasión, faino ademais coa recente boa nova de ter recibido o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ao mellor proxecto estabilizado.
Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.
O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.