Nestas datas tan especiais, o alumnado de 1º e 3º de ESO tivo a
sorte de vivir unha xornada inesquecible. Co espírito do Nadal nas maletas,
desprazámonos ata o Centro de Día do Concello de Ares para compartir o
noso tempo, música e ledicia cos nosos maiores.
Música para o corazón
A música foi o fío condutor da mañá. Comezamos cun momento moi especial grazas a Martina e Celtia, que ofreceron un mini concerto de frauta e clarinete, demostrando o seu talento. Despois, unimos as nosas voces para cantar panxoliñas tradicionais, pero o momento máis divertido chegou cando entoamos xuntos eses clásicos que os nosos maiores coñecen tan ben: Catro vellos mariñeiros, Clavelitos e, como non, A saia de Carolina.
Creatividade e agasallos con alma
Non todo foi música; tamén houbo espazo para a creación compartida nun obradoiro
de postais de Nadal. Traballando man a man, a rapazada e maiores
deseñamos felicitacións cheas de cor.
O colofón
artístico foi un mural conxunto onde cada un de nós, pequenos e maiores, deixou
a súa sinatura e os seus mellores desexos para o novo ano.
O momento do intercambio de agasallos estivo cargado de emoción. Os nosos
maiores, coas súas fermosas mans, agasalláronnos cunha postal e un precioso
adorno para o noso cole, un símbolo do seu agarimo e da súa sabedoría.
Nós, pola nosa banda, quixemos deixarlles unha Flor
de Pascua cunha mensaxe especial. Nacho foi o encargado de poñerlle voz
ao sentir de todo o colexio cunhas palabras que nos fixeron reflexionar sobre a
importancia das nosas raíces:
"Vós sodes as raíces fortes que nos suxeitan para que poidamos medrar
felices... cada un de vós é coma unha estrela brillante na árbore de Nadal da
nosa comunidade."
Unha xornada de intercambio
xeracional
Foi moito máis que unha visita escolar; foi un encontro cheo de agarimo,
saúde e paz. Voltamos ao colexio co corazón cheo, sabendo que compartir o
tempo é o mellor agasallo que podemos facer e recibir.
Grazas aos usuarios e traballadores do Centro de Día por acollernos con
tanto cariño. Sodes o noso mellor exemplo!

No hay comentarios:
Publicar un comentario