lunes, 12 de junio de 2023

CREANDO MÚSICA COS PÉS

Os que xa temos unha certa idade recordaremos a famosa escena da película Big na que Tom Hanks e Robert Loggia tocaban un piano de chan. O alumnado de 4º de ESO traballou, na materia de Tecnoloxía e durante o segundo trimestre, o bloque de “Control e robótica”, polo que se lles propuxo, de forma voluntaria, a elaboración do seguinte proxecto: “Por que non construír un piano para poder tocar cos pés?”. E un pequeno número de rapaces e rapazas aceptaron o reto de boa gana.

Ao longo de, practicamente, todas as tardes dos venres dos meses de marzo, abril e maio, Lucas, Ángel, Dani Varela, Leo, Hugo, Sara, Tania e David acudiron ao centro para proceder á súa construción. Mediron, trazaron, cortaron, pintaron, soldaron e programaron. Tamén  comprobaron o seu correcto funcionamento, buscando solución a todos aqueles problemas que foron xurdindo.

Unha vez comprobado que todo funcionaba correctamente, chegou a hora de dar a coñecer o proxecto ao resto da comunidade educativa. Os primeiros que tiveron a oportunidade de velo e tocalo foron os nenos e nenas de infantil do centro escolar.

Mais non quedou aí a cousa, xa que tamén acudiron a outros centros da comarca, como o CEIP A Magdalena das Pontes, o CEIP Unión Mugardesa e o IES de Mugardos, estes últimos do concello veciño, para mostrar o seu produto final e explicar como se sentiron e o que aprenderon á hora de realizar este proxecto.

E sería inxusto esquecernos da axuda inestimable de Aritz Uribarri (4º ESO) e Antonio Otero (2º ESO), quenes aportaron os seus coñecementos musicais para tocar, xunto cos demais compañeiros e compañeiras, distintas cancións.

Como profesor de Tecnoloxía quixera dar as GRAZAS e os PARABÉNS a todos os rapaces e rapazas que se involucraron neste proxecto, polo boa acollida do mesmo, pola súa boa actitude, polo seu compromiso e polo gran traballo realizado!

Diego Calvo Hermida

(Profesor de Tecnoloxía)





No hay comentarios:

Publicar un comentario