Hoxe todo o alumnado de primaria visitamos o monasterio de Santa Catalina de Montefaro, único BIC (Ben de Interese Cultural dende o 2000) da península de Bezoucos e un lugar cheo de historia e beleza.
Foi un día moi especial no que puxemos o broche final ao proxecto “Danzando non tempo”. Alí contamos coa gran axuda de Celsa e os amigos da Asociación do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro que de maneira desinteresada nos acompañaron durante toda a mañá.
Durante a visita guiada, faláronnos da historia do mosteiro e visitamos o claustro, o comedor, a cociña e o pequeno centro de interpretación e museo onde puidemos ver algunhas das pezas que se conservan. Impresionounos o claustro e a capela. O comedor e a recen restaurada cociña coa súa gran cheminea, tamén nos pareceu moi interesante.
Outra das actividades que fixemos foi a de repoboar algunhas partes do precioso xardín que rodea o mosteiro. Plantamos buxo nas zonas onde desaparecera parte da vexetación, así que collemos as macetas co buxo e transplantámolo no lugar adecuado do xardín. Foi unha actividade moi gratificante e relaxante que nos fixo sentir parte da natureza.
Logo chegou o momento lúdico. Participamos en varios xogos romanos moi divertidos. Foi moi interesante aprender sobre a historia e a cultura dunha época tan influente e fascinante.
Tamén fomos ata as antigas baterías militares da Bailadora, situadas nun enclave estratéxico sobre a ría de Ares. Desde alí pódese gozar dunhas vistas espectaculares do mar e da paisaxe. Percorremos os diferentes emprazamentos dos canóns e as casamatas, onde se gardaba a munición. Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu coñecer mellor a historia e o patrimonio desta zona.
En definitiva, foi unha excursión moi completa e variada, que combinou o lecer coa aprendizaxe e a conciencia ecolóxica. Pasámolo moi ben e seguro que para o próximo curso repetiremos a experiencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario