A semana pasada tivemos o privilexio de contar no centro coa presenza do recoñecido escritor galego Pedro Feijoo, quen impartiu un enriquecedor obradoiro centrado na comunicación e na expresión das emocións. Baixo o título EmocionArte, a actividade estivo dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO, a quen o autor guiou a través dunha viaxe polas súas propias vivencias e experiencias persoais.
A través dun diálogo aberto e próximo coa rapazada, Pedro Feijoo promoveu a xestión emocional empregando a creación artística como ferramenta principal. Grazas a esta iniciativa, as alumnas e os alumnos puideron dar renda solta á súa creatividade xerando textos, poemas e cancións, mentres asumían a importancia de saber expresarse para comprender mellor o que senten.
O programa artellouse en dúas sesións ben diferenciadas:
· Primeiro encontro: Partindo da súa dobre faceta como escritor e músico, Feijoo propúxolles diferentes camiños e canles artísticas para achegarse ao mundo das emocións.
· Segundo encontro: Apoiándose en exemplos literarios e musicais, e nun espazo libre de prexuízos, o alumnado reflexionou sobre «a emoción que nos emociona». A rapazada respondeu a este reto dende a súa propia creatividade, elaborando relatos, textos, ilustracións ou mesmo cartas. Tal e como subliñou o propio autor durante a xornada, o verdaderamente valioso da experiencia foi «que esas respostas viñeron do propio alumnado».
Esta actividade enmarcouse dentro da estratexia para a educación emocional que a Obra Social de Abanca (Afundación) desenvolve en colaboración coas comunidades educativas dos centros de ensino secundario de toda Galicia. Sen dúbida, foi unha experiencia moi inspiradora que deixou pegada tanto no alumnado coma no profesorado.






No hay comentarios:
Publicar un comentario