Este luns día 8 de agosto tiveron
lugar unhas xornadas que co nome de “I Ollada Migrante” organizaron o Padroado Concepción Arenal coa colaboración do Concello de Ares e que tiveron como eixo o
encontro entre a diversidade cultural para o diálogo e o desenvolvemento. Unhas xornadas nas que interviñeron persoas e familias que chegaron á nosa terra
e se asentaron aquí desde países como Colombia, Cuba, Venezuela, Ucraína,
Marrocos ou México e que achegaron o seu testemuño de vida e sobre
todo como foron acollidos en Galicia e
na nosa vila.
Neste acto o noso colexio o CPI As Mirandas foi galardoado cun premio cuxo obxecto é agradecer e recoñecer a aquelas entidades que sexan exemplo de integración. Un premio que simboliza, coa imaxe da Concha, o facer camiño cara unha integración real e efectiva. En palabras da presidenta do Padroado Beatriz Dorrio “ o colexio de Ares é o primeiro lugar no que os nenos e nenas que proceden doutros países van atopar ese primeiro choque con outra realidade, o primeiro lugar que acolle aos nenos e nenas e desde o cal se debe de traballar con esa apertura integradora e inclusiva e que é a que realmente necesitan as familias para sentir que os seus fillos e fillas están ben, que se van integrando e vaise creando esa unión e inclusión social na vila”.
Desde o noso colexio agradecemos
ao Padroado esta distinción e as nosas aulas serán sempre ese lugar
privilexiado de aprendizaxes de todo tipo, de crecemento, de interrelacións cos
demais, educando para valorar a xustiza, a igualdade, a inclusión e a
convivencia e xerando unha visión de vida que permita a nenas e nenos recoñecer
nos outros os mesmos dereitos que a eles
lles asisten.
Grazas ao Padroado e a Conchi Ramil por ser o nexo que nos une e á que sempre temos disposta para colaborar co noso centro cando a precisamos.
Ver vídeo>>> https://home.mycloud.com/.../6b38a97e-3cb7-4255-961e.../file
P.D: Xa temos en mente para o próximo curso algunhas colaboracións co Padroado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario