Xa temos aquí a IX Edición do Concurso de Fotografía Xuvenil que
o Concello de Ares en colaboración co noso cole organiza cada ano.
Como sabedes, deste concurso sairán as fotografías que se
incorporarán ao calendario municipal do ano 2026 e que se distribúe
entre toda a veciñanza e comarca.
A que che gustaría
que a túa fotografía formase parte do calendario deste ano?. Pois
xa sabes o que tes que facer, colle o teu móbil ou cámara de fotos
e anímate a fotografiar espazos, lugares, obxectos, actos ou
situacións da nosa contorna que consideres parte da túa, da nosa
identidade.
Victoria (coordinadora de Polos
Creativos), Manu Ramil (o noso xenial axudante de son) e Yoli (coordinadora do
EDLG) estiveron montando toda a infraestrutura da radio escolar. A verdade é
que aínda nos faltan algúns pequenos detalles por ultimar, pero o noso proxecto
de radio xa está en marcha e dispoñible para todo o profesorado e alumnado.
A rapazada de terceiro foi a primeira en
atreverse a facer os primeiros programas, de maneira improvisada, e a
experiencia resultou moi satisfactoria: gozaron moito!. Tanto é así, que a rapazada de segundo uniuse a experiencia e xa están comezando a dar ideas para próximos programas.
Agardamos que esta nova ferramenta sexa un
recurso útil para todas as materias e para todo o alumnado do cole. Desde aquí
animámosvos a empregala e a darlle vida a esta nova aventura radiofónica.
Este venres, 20 de xuño, o pavillón municipal
encheuse de emoción, ledicia e, tamén, algunha bágoa. Celebramos o acto de
graduación do noso alumnado de 4º da ESO, unha xornada inesquecible na que
compartimos momentos únicos xunto ás familias, o profesorado, compañeiros e
compañeiras, e representantes do Concello.
Despois de semanas de traballo intenso,
exames, noites sen durmir e moito esforzo, chegou o momento máis agardado: o
final dunha etapa. Para estas rapazas e rapaces, que medraron entre as paredes
do CPI As Mirandas, esta graduación marcou o peche dun capítulo cheo de
aprendizaxes, amizades e vivencias que os acompañarán sempre.
Foi unha cerimonia cargada de sentimentos,
onde se mesturaron os nervios co orgullo, a alegría co agradecemento.
Escoitamos palabras fermosas, lembramos anécdotas, sorrimos xuntos... e tamén
choramos un pouquiño, porque despedirse nunca é doado cando se deixa atrás tanto
vivido.
Desde o centro, só podemos dicir grazas: por
todo o compartido, polo camiño percorrido con vós, pola vosa ilusión e pola
pegada que deixades neste colexio, que sempre será a vosa casa.
Desexámosvos de corazón toda a sorte do mundo
na nova etapa que comezades. Enfrontádea con valentía, coa mesma forza que vos
trouxo ata aquí. E non esquezades nunca que as portas do CPI As Mirandas
estarán sempre abertas para vós. Porque, por moito que pase o tempo, seguiredes
sendo parte da nosa historia.
Hoxe, os alumnos e alumnas de 2º de ESO
tivemos unha experiencia única grazas á invitación de Manu Ramil, quen nos
propuxo, cando estivo no noso cole, visitar o seu estudo de gravación "3ª
Planta". Con moita ilusión, dispuxémonos a ir, e alí Manu nos deu unha
cálida benvida e comezamos a nosa xira.
O primeiro que nos mostrou foi o propio
estudio, un espazo cheo de ferramentas de gravación e todo tipo de tecnoloxía
que nos deixou a todos impresionados. Manu explicou como se grava música e coma funciona todo o
proceso. Pero o mellor chegou cando nos deu a oportunidade de sentarnos na mesa
de gravación e tamén, coa a súa axuda, improvisamos e gravamos un rap.
A verdade é que foi unha experiencia
divertidísima. Alí, entre risas , os de 2º A e 2º B fixemos un
"rap" un pouco competitivo, coma se fose unha auténtica batalla de
galos. Xa sabedes, o que comezou coma unha improvisación entre amigos rematou
sendo unha verdadeira "pelexa" musical, ja, ja, ja...
Pasámolo xenial e gustaríanos volver outra
vez. De verdade, moitísimas grazas a Manu por facernos sentir tan ben e por
compartir con nós a túa paixón pola música. Foi unha xornada inesquecible.
Moitas grazas, Manu, eres o mellor!
Ah! , encantounos o último videoclip do seu novo single de Adventus . Aquí o deixamos para que o escoitedes.
Estamos moi satisfeitos coa xornada do pasado
luns 9 de xuño, na que celebramos, como cada ano, a nosa tradicional Feira de
Proxectos. Este evento é unha oportunidade fantástica para amosar o esforzo e o
traballo en equipo que o alumnado do CPI As Mirandas realizou ao longo deste
curso. A VII Feira de Proxectos é o resultado do compromiso e da dedicación de
toda a comunidade educativa, e estamos moi orgullosos do acadado.
Queremos felicitar a todos os membros da
comunidade: aos profes de infantil, primaria e secundaria, aos nenos, nenas e rapazada de todas as idades, e a todas as
familias que nos acompañaron. Cada un deles aportou o seu gran de area,
traballando con ilusión e colaboración para que cada stand e proxecto fose un
éxito. O nivel de implicación e o entusiasmo que se viu durante toda a xornada
foron realmente destacables.
Para que poidades ver un pouco do que foi a
feira, deixámosvos uns vídeos cunha pequena mostra da xornada. Moitas grazas a
toda a comunidade educativa e, por suposto, ás familias e persoas que se
achegaron ata o colexio para compartir este momento especial con nós.
Hoxe, 5 de xuño, Día Mundial do Medioambiente,
a pesar da choiva e as dificultades do tempo, un grupo de rapaces e rapazas de
3º da ESO demostraron que o compromiso co noso planeta é máis forte que
calquera adversidade. Con moita ilusión, realizaron unha recollida de lixo na
contorna máis próxima, un acto que é un verdadeiro exemplo de responsabilidade
e conciencia ambiental.
Este pequeno pero significativo xesto contra o
Cambio Climático debería facernos reflexionar a todos sobre a importancia de
xestionar os nosos residuos de xeito adecuado. Cada acción conta, e cada un de
nós pode contribuír a crear un mundo máis sostible e respectuoso co
medioambiente.
Queremos lembrar máis que nunca a importancia
de coidar o noso planeta e de difundir esta mensaxe entre toda a sociedade.
Entre todos, podemos facer a diferenza e construír un futuro mellor para as
próximas xeracións.
Este curso, o alumnado de 3º de ESO participou activamente en diversos obradoiros do Programa Querote+, centrados en temáticas moi importantes para o seu benestar. Durante estas sesións, os estudantes abordaron temas como a sexualidade, o benestar emocional, a promoción do bo trato, a prevención das ITS e os embarazos non planificados, entre outros aspectos fundamentais para a súa formación integral.
Ao rematar os obradoiros, os rapaces e rapazas decidiron crear un podcast no que exercer como transmisores e transmisoras do que aprenderon. Este proxecto permitiulles non só consolidar os seus coñecementos, senón tamén achegar esa información ao resto do alumnado do centro. Así, os seus compañeiros e compañeiras de diferentes cursos puideron acceder a información útil e actualizada, fomentando un ambiente de respecto, confianza e apoio mutuo.
Este intercambio de coñecemento e experiencias contribúe a fortalecer as relacións entre os diferentes cursos, promovendo unha convivencia máis positiva e enriquecedora para toda a comunidade educativa.
Este ano o día das Letras
Galegas está protagonizado polas cantareiras e as cantigas tradicionais galegas
que preservaron a lingua galega por medio das súas cantigas, e crearon unha
poesía popular transmitida de nais a fillas, de avoas a netas, e entre a
veciñanza toda.
Para as representaren no Día
das Letras Galegas foron escollidas Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva
Castiñeiras (Muxía), e Prudencia, Asunción Garrido e Manuela Lema, tres das
integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).
Hoxe coma homenaxe a todas
elas imos interpretar e bailar a canción “O salón das cereixas” de Xabier Díaz
e Adufeiras de Salitre. Imos aló!
Manuel Ramil: A paixón pola música e a loita
polos nosos soños
Hoxe o noso centro
tivo o pracer de recibir a un invitado moi especial: o músico, compositor e
produtor aresán Manuel Ramil. Esta visita foi posible grazas aos departamentos
de linguas, que convidaron a Manu a compartir a súa experiencia e traxectoria
como músico co alumnado de 2º da ESO, dentro dun proxecto que están a facer.
Durante a charla,
Manuel Ramil deixou unha mensaxe moi importante para todos nós: na vida, sempre
debemos traballar para acadar os nosos soños. Animounos a dedicarnos a facer o
que nos gusta, porque cando o fas, a sensación de que non estás a traballar
realmente é moi grande. Ter unha vocación e poder dedicarse a ela é unha parte
fundamental da felicidade na vida.
Manu contou a súa
propia historia, desde os seus comezos de neno, cando comezou a tomar clases de
solfeo e piano. Aínda que se licenciou en ciencias políticas en Santiago de
Compostela, a súa verdadeira paixón era a música. Durante a súa etapa de
estudante, formou parte da banda Torquemada e comezou a tocar en bares e pubs,
aínda que o seu pai non estaba moi dacordo con que intentara dedicarse a iso.
Pero Manu non se rendeu e, pouco a pouco, pasou de tocar en pequenos festivais
a cumprir o seu soño de tocar con bandas profesionais en países como España,
México, Colombia e América.
WarCry, Mägo de Oz,
Avalanch, Delalma…son algunhas das bandas nas que Manu Ramil desenvolveu e desenvolve
a súa faceta como músico, compositor e produtor. Ademais, creou un proxecto de
cancións personalizadas chamado "Cancións de Colores para a Guagua"
coa que tamén colabora. Xa vedes que
traxectoria máis apaixonante!
Manu tamén nos
convidou a visitar o seu estudio de gravación e incluso a facer algunha cousíña
alí, o que nos pareceu unha oportunidade incrible.
Para rematar, quixemos
agradecer a Manu Ramil pola súa visita, polos seus consellos e por aportarnos
tanto coa súa experiencia. A súa historia e palabras deixaron unha pegada moi
forte en todos nós, e estamos desexando seguir os seus consellos e traballar
polos nosos soños.