lunes, 23 de diciembre de 2024

ACTIVIDADES DE NADAL.

O último día de clases antes das vacacións de Nadal foi, sen dúbida, un día cheo de alegría e diversión no noso colexio. O alumnado de ESO reuniuse para celebrar o peche do trimestre cunha serie de actividades que fixeron que todos nos sentiramos  como verdadeiros protagonistas dunha festa.

A xornada comezou coa esperada Gimkana de Nadal, onde a rapazada, organizada en grupos, lanzáronse a superar unha serie de probas divertidas e desafiantes. Desde xogos de habilidade ata enigmas.Cada actividade estaba deseñada para fomentar o traballo en equipo e, sobre todo, para gozar. A emoción sentíase no aire, e cada grupo competía con entusiasmo por ser o mellor.

 Logo da entrega de premios ao grupo gañador e como peche da xornada o alumnado preparou un mini concerto que deixou a todos os presentes cun sorriso.. Non só escoitamos, senón que tamén nos unimos á celebración cantando e bailando.

Así, coa  promesa dunhas merecidas vacacións, despedimos o trimestre

Felices festas a todos! Vémonos no novo ano con máis enerxía e ganas de seguir aprendendo xuntos

 





miércoles, 18 de diciembre de 2024

VISITA NAVIDEÑA AO CENTRO DE DÍA AFAL DE ARES

Onte  quixemos visitar e felicitar  ás persoas usuarias do  Centro de Día  AFAL de Ares. A rapazada da ESO elaborou felicitacións personalizadas para cada unha delas cunha dedicatoria moi especial. Ademais agasallámolos cunha serie de xogos feitos no cole  para que pasen algúns dos seus ratiños entreténdose con eles.  Rematamos cantando panxoliñas e… a Rianxeira que tanto lles gusta!.

Tamén pasamos pola oficina de correos para enviar, como todos os anos, as postais para as persoas do Centro de Día de Maiores en Caamouco. Todos elas e eles merecen o mellor e, sobre todo, que nos lembremos do moito que lles debemos.

Desexámoslles unhas Felices Festas e un próspero Ano Novo cardadiño de saúde e saudade para todas e para  o persoal que tan ben coida delas.


lunes, 16 de diciembre de 2024

GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN NA OPERACIÓN QUILO DE NADAL

Un ano máis a vosa solidariedade paliará as necesidades das persoas que máis necesitan a axuda de todas e todos nós. Graciñas familias, alumnado, profesorado e comunidade en xeral pola vosa aportación, pola vosa solidariedade e polo voso apoio nesta campaña.



AMBIENTES DE APRENDIZAXE. 1º CICLO DE EP

 Os ambientes de aprendizaxe son  a cúspide final  de organizar unha serie de actividades manipulativas sobre o proxecto levado a cabo este trimestre. Dividido en diferentes ambientes: cifras e letras, os oficios, ecosistemas e arte en Ares.



viernes, 13 de diciembre de 2024

ARES CON OLLOS DE NENOS E NENAS

Con este título queremos resaltar o resultado do traballo realizado polos nenos e nenas do 1° ciclo do CPI As Mirandas despois dun proceso de investigación en torno a súa vila e parroquias.

Coa súa ollada infantil pretenderon achegar a súa vila a aqueles nenos e nenas que a visiten.

Este tríptico será entregado ao concello e á oficina de  turismo despois da súa petición.



viernes, 6 de diciembre de 2024

ENTREGA DOS PREMIOS DA VIII EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFIA XUVENIL CONCELLO DE ARES

O xoves 5 de decembro no salón de actos da Alianza Aresana,  e coa presenza da concelleira Alma Barrón así como do fotógrafo Marcos Alonso e as profesoras Belén Morón e  Yolanda Castro en representación do noso colexio, foron entregados os premios da VIII edición do Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares.

O xurado tivo a difícil tarefa de elixir entre todas as fotografías presentadas, as que ilustrarán o  calendario do Concello para este próximo ano 2025, calendario que se presentou no acto.

As fotografías de Laura, Clara, Leo, Martina, David e Mariana, gañadoras e finalistas da oitava edición do Concurso de fotografía Xuvenil Concello de Ares, locen así de ben no almanaque.

 









jueves, 28 de noviembre de 2024

A IMPORTANCIA DA IMAXE

 


A fotografía e a imaxe son ferramentas fundamentais no ámbito educativo, especialmente no colexio, onde os estudantes non só aprenden sobre o mundo que os rodea, senón que tamén desenvolven a súa capacidade de observación e creatividade. A través da fotografía, os rapaces e rapazas  poden capturar momentos, expresar emocións e contar historias, todo isto mentres exploran o seu entorno.

      Este curso, realizamos varias saídas pola contorna de Ares para captar a esencia da nosa vila. Estas actividades non só foron unha forma divertida de aprender, senón que tamén nos permitiron conectar co noso patrimonio e a nosa cultura. A VIII edición do Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares foi unha oportunidade fantástica para que nenos, nenas e rapazada mostraran o seu talento e a súa visión única da nosa vila.

Algunhas das fotografías  presentadas ao concurso realizadas polo alumnado

 









VISITA AOS XULGADOS DA CORUÑA- 4º ESO


 O día 27 de novembro o alumnado de 4º de ESO do CPI As Mirandas realizou unha saída educativa aos xulgados da antiga Audiencia Provincial da Coruña, dentro do programa Educar en Xustiza.

Previamente, a nosa profesora, Ángela, mostrounos conceptos, léxico e un vídeo con información básica para entender o funcionamento dun xuízo e entrar en contacto coa xerga propia deste ámbito e coñecer de forma directa como se imparten as leis no noso país.

Durante a visita, o alumnado tivo a oportunidade de percorrer algunhas instalacións do edificio e de asistir como público a varios xuízos reais. Isto permitiulles observar con atención como se desenrola unha vista oral, como actúan os xuices e xuízas, fiscais, avogados e resto das persoas que forman parte do proceso xudicial.

Unha vez na sala a xuiza dounos unha charla introdutoria sobre o que iamos ver, despois celebráronse varios xuizos: un roubo nunha tenda, ameazas, unha agresión... Todos tiñan unha estrutura definida: primeiro declaraba a parte demandante, logo os testemuñas (se os había) e, por último, a parte demandada, que declaraba e respondía ás preguntas do fiscal. Nalgunha ocasión a xuíza nos explicaba ou aclaraba cuestións sobre estes delitos.

Grazas a estas explicacións puideron comprender mellor o  concepto como a xustiza, os dereitos das persoas e a importancia de respectar as normas que nos permiten convivir en sociedade.

A experiencia foi moi interesante e reveladora. Aprendimos moito sobre a importancia e o funcionamento do sistema xudicial. Así puidemos valorar mellor o traballo dos que se dedican a garantir a xustiza na nosa sociedade.




martes, 26 de noviembre de 2024

25N. MANIFESTO NO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Hoxe 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde o noso centro adherímonos a todas aquelas iniciativas que suman esforzos e solucións á erradicación da violencia de xénero. Apoiamos ás accións que tratan de concienciar ao tecido social e todas as actividades educativas baseadas na formación en valores para que a sociedade avance no camiño da igualdade, no benestar común e a convivencia que todas e todos queremos.

Alumnas e alumnos do centro leron un manifesto de compromiso para condenar a violencia e recordar que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes públicos.

A Comunidade educativa do CPI As Mirandas, dicimos NON á violencia de xénero!