viernes, 31 de enero de 2020

CONMEMORACIÓN DO DÍA ESCOLAR DA PAZ NO CPI AS MIRANDAS

Hoxe no Día escolar da Paz e a Non Violencia, recordamos no noso centro educativo que a paz non é soamente a ausencia de guerra. A paz resulta da xustiza e a participación activa de todos os cidadáns e cidadás.
Nesta  xornada que estamos a conmemorar, lembramos que a paz baséase no principio de que todos  –sen distinción de raza, ideoloxía, nacionalidade, lingua ou relixión- somos iguais, cidadáns da mesma terra e en consecuencia estamos e sentimos a chamada a ser máis humanos, a vivir  a non-violencia e a traballar pola paz e por un mundo máis xusto e sostible.
E para expresar ese desexo de paz  os alumnos e alumnas dos diferentes cursos de ESO e primaria mostraron o noso compromiso pola paz coa lectura de textos alusivos á mesma.
Tamén  todos os nenos e nenas de infantil e primaria dirixidos magnificamente pola súa profe de música, Olalla, realizaron distintas coreografías de danzas do mundo.
Para rematar o acto todo o alumando e profesorado do centro cantamos e bailamos a canción “Bajo el Mismo Sol” de Álvaro Soler, signada polos nenos e nenas de 6º de primaria coa inestimable axuda de Alba a nosa intérprete de lingua de signos.

Aquí vos deixamos a reportaxe da xornada.





Danzas do mundo





lunes, 27 de enero de 2020

ERRANTES POLO MUNDO. DÍA DE ROSALÍA

   

      A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. 

       Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión polo escritor Daniel Asorey.

     O lema da proposta, Errantes polo mundo, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 21 de febreiro a realización das seguintes actividades: 

  •  Suxerimos que o alumnado traballe fotos, debuxos, fotos pintadas, editadas, gravados... que tratasen o tema das migracións actuais, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20. As fotos, debuxos, gravados, etc., terán como pé versos de Rosalía que traten as migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos...). 
  • Trataríase de textos que o alumnado e profesorado estimen interesantes (por exemplo, os poemas “Airiños airiños, aires”, “Adios rios, adios fontes”, “Castellanos de Castilla”, “Vivir para ver”, “Tecín soia a miña tea”, “Pra a Habana!”, “¿Que lle digo?”, “Tan sóio”, “Daquelas que cantan”, “Amores cativos” ou “A xustiza pola man”). Tamén se podería ampliar a elección das fotografías, deseños e versos a aqueles teñan en conta a idea de errante na elección da identidade sexual, afectiva e de xénero, a partir, igualmente, dos versos de Rosalía que o alumnado considere acaídos. 
  • Todas as fotos, deseños, gravados... cos seus versos como pé, poderían encher os corredores dos centros e divulgarse en redes sociais como Instagram, Facebook, Twitter..., tamén baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 
  • Como remate poderíase realizar unha actividade de Postcrossing (enviar esas postais cun verso de Rosalía no pé sobre o tema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 a outras persoas). As postais pódense enviar individualmente, entre clases ou entre centros, ben por correo postal ou empregando as redes sociais como Whatsapp, Telegram... Despois pódense compartir as recibidas, ben fisicamente, ben nas redes sociais. 
     En relación a esta proposta de actividades, recomendamos encarecidamente que se usen imaxes con dereitos de uso libre en internet (indicando, en todo caso, a fonte desde a que se obteñen). A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #ErrantesPoloMundo_rdc_20. A

     AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2020, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2020/2/23/dia-de-rosalia-de-castro-2020 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

lunes, 20 de enero de 2020

II EDICIÓN DAS XORNADAS SOBRE SOPORTE BÁSICO VITAL NO CPI AS MIRANDAS


Ao longo destas semanas o CPI As Mirandas celebrou a II EDICIÓN DAS XORNADAS SOBRE SVB con actividades formativas para toda a Comunidade Educativa.
A semana pasada estes obradoiros e prácticas foron dirixidos ao alumnado do centro, quen  a súa vez foi o encargado de ensinar as prácticas de RCP ao resto de compañeiros e comunidade educativa.
Hoxe luns 20 de xaneiro rematamos con dous obradoiros, un para as familias e outro para o profesorado e persoal non docente.
O encargado da coordinación e impartición dos mesmo foi Carlos Bacelo, profesor de Educación Física do noso centro.
#rcp#ovace#desa#pas#protocolo#tallereseducativos#qcprapp#qcqrinstructor#alertares #cpiasmirandas #concellodeares #ensinopublico #europeanresuscitationcouncil



miércoles, 15 de enero de 2020

ACTIVIDADE DO PLAN DE IGUALDADE


Este luns 13 de  xaneiro  de 2020 en horario de 16:00  h. a 17:40   h.,   na aula de  UUMM,  o alumnado de 4º curso de ESO dos grupos A e B, asistiu  a unha charla na que se incidiu na importancia da educación para a prevención da violencia sexual e de  xénero. A charla foi impartida por Amelia Tiganus baixo o título de “Prostitución y pornografía: violencia sexual comercial”.
Amelia Tiganus, nacida en Romanía, actualmente reside en Euskadi. Despois de superar, hai doce anos unha vivencia persoal relacionada  coa prostitución e a  rede de trata,  converteuse en activista feminista e realiza charlas e talleres en defensa dos  dereitos humanos das mulleres. Escribiu  numerosos  artigos e  un libro. O seu labor  é  recoñecido e  no pasado mes de  novembro de 2019, recibiu  un premio por  parte  do Ministerio de  Igualdade.
            Esta actividade, que contribúe ao desenvolvemento do plan de igualdade deste curso escolar, está organizada  polo departamento de orientación, en colaboración co CIM de Ares.


EDUCANDO EN IGUALDADE. PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

O alumnado de 4º de ESO  del CPI “As Mirandas “ de Ares participou  o luns 25 de novembro, nunha  Charla informativa sobre Agresións Sexuais e Violencia Sexual , actividade dirixida por Angélica Mercado,  especialista  en estudos de xénero e políticas de igualdade.Os obxectivos desta actividade foron; sensibilizar aos mozos no coñecemento das condutas diarias que perpetúan as situacións de desigualdade e que son a base das violencias machistas. Analizar que tipo de condutas e actitudes  se reproducen no seu día, en todos os ámbitos nos que se moven. Responsabilizarse de que a igualdade é cousa de todos e todas, e que non debe ocorrer soamente de modo externo, así como establecer novas condutas orientadas a ser axentes de cambio, orientados a crear novas realidades onde homes e mulleres teñan os mesmos dereitos e oportunidades.
Os contidos tratados na charla estiveron dirixidos a aclarar conceptos como: 

      estereotipos de xénero,
      cultura da violación,
      violencia sexual algúns conceptos,
      consentimiento sexual (sexualidade),

Ademais proporcionouse información  dunha aplicación de móbil sobre violencia sexual e  dun programa de intervención a vítimas de abuso e violencia sexual. Tamén  aportaronse algúns datos referentes as accións sobre sensibilización da temática e estatísticas sobre pornografía.

 Esta actividade  desenvolveuse no CPI “As Mirandas”  en colaboración co CIM de Ares .

Actividade Subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade no marco do Acordo de Colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia para a conformación dunha Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.



lunes, 13 de enero de 2020

LINGUA RODADA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) acaba de presentar o programa de vídeo-relato Lingua rodada coa finalidade de fomentar o uso da lingua galega entre o alumnado, poñer en valor a nosa cultura e impulsar o coñecemento do cin ema galego e a creación audiovisual. Está destinado a alumnado da ESO, 1.º de bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio e ensinanzas especiais de grao medio. O prazo para inscribirse na proba de selección remata o 3 de febreiro e para enviar os vídeo-relatos, o 4 de marzo. 

miércoles, 1 de enero de 2020

O CAMIÑO DAS MIRANDAS

Curtametraxe realizada polo CPI As Mirandas de Ares dentro do programa Vidas Mariñeiras 2019.        http://vidasmarineiras.gal/

Unha moza busca na tradición mariñeira de Ares, a súa vila natal, inspiración e recursos para imprimir identidade a un proxecto empresarial. Busca nas paisaxes, nas xentes e nas historias de mar, deixándose levar pola conversa e o camiño. A nosa protagonista rematará nun lugar que lle servirá para explicar o seu propio nome.



 Na edición 2019 de Vidas Mariñeiras realizouse unha recompilación de fotos antigas dos municipios que integran o territorio do Golfo Ártabro Norte. Neste vídeo recollemos unha selección que inclúe imaxes dos municipios que participaron no proxecto deste ano: Ares, Mugardos,  Pontedeume, Ferrol e Narón.

domingo, 22 de diciembre de 2019

CPI AS MIRANDAS. CENTRO EMBAIXADOR DE SAVE THE CHILDREN. CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE


Este xoves, 19 de decembro, tivo lugar a IX Carreira Quilómetros de Solidariedade que, como todos sabedes, realizamos en colaboración coa ONG Save The Children. Resultou un día estupendo no que todo o alumnado do centro gozou dunha lúdica e deportiva xornada. Ata o tempo deunos unha tregua  para que o alumnado da ESO puidese saír pola nosa vila.
Pero este ano, a nosa carreira solidaria tivo un matiz especial e nos sentimos enormemente contentos xa que recibimos de mans de Ana, a delegada de Save the Children (que vixou expresamente dende Madrid), o recoñecemento de Centro Embaixador  Save the Children polo noso compromiso e labor a prol da solidariedade cos nenos e nenas máis desfavorecidos. Nun acto no que estiveron presentes ademais da representante de Save the children, o inspector de educación Rubén Ponte, a concelleira de educación Noelia Montero e a atleta Paula Mayobre, recibimos a placa que nos nomea como centro Embaixador.

Queremos agradecer:

·   A toda a comunidade educativa: alumnado, país e nais, familias en xeral, e profesorado a vosa solidariedade e colaboración. Sodes estupendos!
·   Á nosa atleta e madriña de oficio Paula Mayobre por colaborar con nós durante estes 9 anos... e esperamos que moitos máis.
·     Ao Concello de Ares, policía local e protección civil pola súa inestimable axuda no desenvolvemento da carreira.
·     A Supermercados GADIS pola doación de auga, caramelos, globos, pulseiras...e o empréstito do arco de Meta.
·     A Froitería Bacelo y López que nos aporta a froita como reconstituínte.
·     A trofeos MARVI pola doación dos trofeos para os rapaces e rapazas.
·     A  Luís de Floristería Real que sempre pon ese toque de cor cos seus ramos de flores

En nome do CPI As Mirandas grazas a tod@s.

Este recoñecemento é posible grazas a vós


Nos seguintes vídeos podedes ver o resumo da xornada.

CARREIRA ESO



CARREIRA INFANTIL



CARREIRA PRIMARIA



Acto de recoñecemento como Centro Embaixador de Save the Children



Os selfies do noso profe Carlos

sábado, 21 de diciembre de 2019

ESTREA DA CURTA "CAMIÑO DAS MIRANDAS" REALIZADA DENTRO DO PROXECTO VIDAS MARIÑEIRAS


Este xoves 19 de decembro estreouse no Jofre o documental "Camiño das Mirandas", ideado e rodado polo alumnado de 3º de ESO do noso centro, dentro do programa Vidas Mariñeiras do GALP Golfo Artabro. 
Transcribo aquí as palabras do equipo de alumnos que levou a termo o proyecto:




·        A NOSA CURTA:
A nosa curtametraxe titúlase “Camiño das Mirandas”. O argumento do noso audiovisual  lévanos a coñecer as inquedanzas dunha moza que busca na tradición mariñeira da súa vila natal, a inspiración e os  recursos para imprimir identidade a un proxecto empresarial.
A través das paisaxes, das lendas e das historias do mar de Ares, a nosa protagonista rematará nun lugar que lle servirá para explicar o seu propio nome.

·        POR QUE ESCOLLEMOS ESTE TEMA
 Escollemos este tema porque pareceunos moi interesante dar a coñecer  a paisaxe da nosa costa, o traballo da pesca ou as nosas lendas a través do relato dunha moza  emprendedora e actual. En Ares temos unha paisaxe costeira fermosa e As Mirandas, conforman  un enclave marabilloso que nos mergulla na vida dos mariñeiros, na beleza da súa praia, na bravura do mar cando rompe nas Illas Mirandas e que é capaz de facer encallar ata os barcos máis grandes.  Ademais nas  Mirandas  vive unha serea namorada que inspira á nosa protagonista Miranda a través dos rapaces do cole das Mirandas.
·        QUE APRENDEMOS COA EXPERIENCIA
Temos que dicir que a  experiencia de facer este traballo levounos a aprender moitas cousas. A traballar en equipo, a improvisar,  a coñecer como se fai un audiovisual desde a idea que temos ao comezo na nosa cabeza, ata o produto final que é o que veremos a continuación.  Aprendemos que os mellores protagonistas para crear unha  película ou un documental os temos ao noso redor, veciños que teñen tras de si un montón de historias e de experiencias de vida relacionadas co mar e que  merecen ser contadas e tamén aprendemos que por difícil que nos pareza un proxecto, se queremos, sempre sae adiante.
·        AGRADECEMENTOS
Xa por último queremos agradecer:
-A  Golfo Ártabro a oportunidade que nos brindou para aprender e achegarnos ao mundo do audiovisual a través do Programa Vidas Mariñeiras.
-A Cristina de la Torre, coordinadora do proxecto  que nos guiou nesta aventura e a quen lle agradecemos que nos iniciara nos nosos primeiros pasos no mundo audiovisual. Grazas pola túa axuda  e por ensinarnos tanto.
-A todos os participantes, nomeados nos créditos, que amablemente prestáronse para contar as súas historias e que, sen a súa colaboración,  esta curta non sería posible.
-Á nosa profe Yoli por prestarnos a súas horas e o seu tempo
-Ao resto de profesores por facilitarnos a labor.
- E finalmente ao noso colexio, o CPI As Mirandas  por darnos a oportunidade de facer actividades que van máis aló das aulas.

A nosa curta: "O camiño das Mirandas"

 




lunes, 16 de diciembre de 2019

IX CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE EN COLABORACIÓN COA ONG SAVE THE CHILDREN




Un ano máis, e xa van nove, o noso centro organiza a Carreira Quilómetros de Solidariedade para colaborar coa ONG “Save the Children”, que este ano vai dedicada ás nenas/os do pobo Rohingya, pequenos/as que teñen nome e unha horrible historia ás súas costas. 

Este é un proxecto educativo, deportivo e solidario multidisciplinar no que se traballan valores con materiais e apoio didáctico facilitado pola ONG “Save the Children” quen traballa para salvagardar os dereitos da infancia no mundo e que cada ano se centra nun país en concreto. 

 Por outra banda comprácenos comunicar que a ONG Save the Children recoñece cada curso o labor e o compromiso destacado dos centros e comunidades educativas que participan de forma activa e continuada en campañas e iniciativas solidarias e por iso, o día da carreira, representantes da ONG achegaranse ata o noso centro para facernos entrega dunha placa que nos acredita e nomea como Centro Embaixador de Save The Children. 

Dicir que esta distinción non sería posible sen a colaboración e solidariedade de toda a comunidade educativa: alumnado, familias, profesorado e colaboradores. Así que grazas a todos/as. 

Como en anos anteriores, nesta actividade, o alumnado aboará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, o que “voluntariamente” queira buscar patrocinadores entre os seus familiares ou achegados, poderá facelo recollendo as súas aportacións a través do carné de corredor. 

Un ano mais, a atleta aresán Paula Mayobre estará connosco e apoiará esta causa coa súa presenza, participando na xornada con todos os rapaces e rapazas do noso centro.

 O alumnado de infantil e primaria realizarán a carreira ás 11:15 horas no pabellón do colexio e o alumnado da ESO comezará a carreira saíndo do colexio as 12:00 horas e percorrerá o paseo marítimo.

 Agradecemos a toda a comunidade educativa a súa participación e solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que veñan a apoiar aos nosos corredores solidarios.

 CPI As Mirandas: construíndo un mundo mellor