miércoles, 28 de agosto de 2019

A XUVENTUDE ARESANA DO #clubxove NO PROXECTO #passion4action EN CROACIA


Os mozos e mozas integrantes do  #clubxove de Ares: Verónica, Álvaro, Martín, Irune e Beatriz xunto con Rommy gran activista e auxiliar de conversa no noso cole, formaron parte do proxecto # passion4 action que se levou a termo este mes en Croacia
Este é un proxecto de intercambio xuvenil baixo o marco do programa #erasmusplus. Os principais obxectivos do mesmo son motivar e empoderar aos mozos para a participación activa nas comunidades locais e inspirar aos rapaces e rapazas para usar as súas paixóns persoais co fin de realizar proxectos e actividades nas súas comunidades e contorna. A idea do proxecto foi desenvolta por 13 mozos/as que veñen de 3 organizacións asociadas que se reuniron durante o proxecto de # emotionsinmotion erasmus+ en agosto de 2018. Dous dos rapaces  que redactaron o proxecto foron Verónica e Álvaro, membros de ticket2 europe de #Ares.
 Este proxecto que reuníu a 19 mozos e 3 LÍDERES DE GRUPOS DE 3 Organizacións: Suncokret Centre for Community Development and Kids Earth Fund Croatia (Croacia), # ticket2 europe(España) e Rietavas Open Youth Center (Lituania) levouse a termo entre o 16 e 25 de agosto de 2019 en Vrginmost e Gvodz (Croacia.)
 Parabéns a todos os mozos e mozas de Ares, Galicia, Croacia, Lituania, e EEUU que demostran ao mundo que nunca se é demasiado novo para marcar a diferenza e, por suposto, a Rommy por ser a impulsora e a  inspiración deles.

Verónica falando na TV nacional Croata sobre o proxecto de intercambio # passion4 action



Os participantes quixeron agasallar a Rommy gravándolle un vídeo sorpresa de agradecemento






domingo, 23 de junio de 2019

ENTREGA DE PREMIOS E DIPLOMAS FIN DE CURSO

Nun acto conxunto o alumnado do noso centro rematou o curso escolar coa entrega de premios e diplomas aos gañadores das actividades: “Percorridos lectores por Ares”, Campionato de Xadrez, Campionato de brilé, Participantes nos videoclips en lingua de signos e gañadores do Concurso da  Semana Problemática (organizado polo departamento de matemáticas de ESO).
Parabéns a todxs e xa sabedes....para o próximo curso, máis e mellor.

FELICES VACACIÓNS!!!!






miércoles, 19 de junio de 2019

GRADUACIÓN CURSO 2018-2019. CPI As Mirandas

Hoxe nun  emotivo acto despedimos aos nosos  alumnos e alumnas de 4º de ESO. Unha mestura de satisfacción polo deber cumprido, por uns e por outros, e de tristeza polo que supón de despedida entrañable tras tantos anos de convivencia como membros do CPI As Mirandas. Rapazas e rapaces que pasaron a meirande partes das súas vidas compartindo aula, compañeiros, profesores... e cargados de centos de recordos.
 Desexámoslles a tod@s moita sorte nesta nova etapa que comezan  e xa sabedes…aquí teredes sempre a vosa casa.



martes, 18 de junio de 2019

XORNADA DE ACOLLIDA AO ALUMNADO DE 6º DE PRIMARIA


O xoves 13 de xuño o alumnado de 1º de ESO recibiu na aula de Usos Múltiples aos seus compañeiros de 6º de Educación Primaria que viñeron acompañados das súas titoras: Marina e Montse. Nesta sesión  os alumnos de 1º de ESO: Isaac, Maxi, Gonzalo e Iván, comentáronlles as características da nova etapa,  as materias do 1º curso de ESO,  os criterios de avaliación e promoción, os horarios da nova etapa e tamén lles deron uns consellos  para que leven ben o novo curso  que comezarán en setembro. Despois  a xornada continuou  cun pequeno percorrido polo centro parándose nas aulas específicas de Educación Plástica Visual e Audiovisual, a aula de Música e o Laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía. Para rematar a xornada o alumnado visitou tamén as aulas de 1º de ESO e  recibiron un regalo moi especial dos seus compañeiros de 1º de ESO:  unhas cartas moi emotivas  relatando a súa experiencia durante o presente curso escolar.
Esperámosvos para o próximo curso cos brazos abertos!!!






viernes, 14 de junio de 2019

DÍA NACIONAL DA LINGUA DE SIGNOS. CONCURSO CANTAMOS COAS MANS

Hoxe día no que se celebra o “Día Nacional da Lingua de Signos” o noso cole conseguíu a Mención Honorífica na III edición do Concurso “Cantamos coas mans”, coa canción "O fío do que pendo" da cantautora galega  MJ Pérez. Parabéns a todas as rapazas e rapaces que interpretaron maxistralmente o videoclip e a todo o equipo que está detrás deste traballo, especialmente á nosa intérprete de lingua de signos Luísa Lombardero, xa quen sen ela isto non sería posible.

PARABÉNS!!!!

        

jueves, 6 de junio de 2019

PROXECTO LÓVA. ESTREO DA NOSA ÓPERA . RETO CONSEGUIDO!!!














Este curso os pequenos/as de 5 anos coa súa profe Maica converteron a súa aula nunha compañía de ópera e crearon, desde cero, unha breve peza de teatro musical. Cada un deles desempeñaron unha profesión dentro da compañía: escenógrafo, actor, maquillador, técnico de luces, escritor, compositor, director, relaciones públicas,documentalista...e para coñecer mellor algunhas desas profesións recibiron a visita dalgunhas persoas que saben moito delas .
 Deste xeito, os nenos e nenas (compañía), organizados en equipos como profesionais, inventaron a trama do libreto, deseñaron a escenografía, vestiario, realizaron a campaña de recadación de fondos para financiar a ópera, encargáronse da música...fixeron todo o que os profesionais dunha posta en escena deste tipo levan a termo. De feito o obxectivo de LÓVA coincide plenamente cos obxectivos educativos de aula: desenvolvemento cognitivo, social e emocional dos alumnos/as.
O máis salientable desta compañía, VOLCÁN, é a curta idade dos seus membros xa que só teñen 5 anos e iso dálle, se cadra, máis valor.
E este luns 3 de xuño, ás 6 da tarde, a compañía VOLCÁN presentou a súa obra "¿Quieres ser mi amigo?" diante das súas familias, profes e invitados.
Este era o reto máis importante e conseguírono, claro que si!. Con dúbidas, con erros, pero tamén con moitos acertos e, sobre todo, con moita ilusión.
PARABÉNS a todos estes pequerrechos de infantil 5 anos que, a pesares de ter tan curta idade, fixeron un traballo extraordinario e por suposto a súa profe Maica por implementar o proxecto LÓVA na súa aula.
Compañía de ópera Volcán. Proxecto LÓVA from Yolanda Castro on Vimeo.

LIBRETO DA ÓPERA (Preme nel para velo en grande)




miércoles, 29 de mayo de 2019

ENTREGA PREMIOS PORTADA DE LIBROS 2019


Hoxe fixemos entrega dos premios e diplomas aos gañadores e finalistas do Concurso de Portada de Libros 2018-2019.
Parabéns un ano máis, a todos e todas, pola vosa participación.





                                                                Gañadora da ESO (Sílvia Seoane)

jueves, 23 de mayo de 2019

XA TEMOS GAÑADORES DO CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS.



Hoxe reuniuse o xurado do Concurso de Portada de Libros para fallar os premios deste ano e, a verdade,  non o tivo nada fácil xa que a calidade dos traballos foi impresionante. Despois de moito deliberar os premiados son os seguintes:



INFANTIL: Pola calidade dos traballos e a creatividade plástica dos mesmos todas as aulas de  infantil levan un premio.

1º CICLO PRIMARIA:

              1º.- Gañadora: Valentina Costas Cortés de 2º A
              2º.- Finalista: Luna Becerra Ferreira de 2º A
              3º.- Finalista: Marcos Feal García de 2º A

2º CICLO PRIMARIA:

              1º.- Gañadora: Larraitz Aranaga Carrasco de 3º A
              2º.- Finalista: Lucas Seijo e Teo Martínez de 3º B
              3º.- Alejandra Iglesias e Aroa Amado de 4º B

3º CICLO PRIMARIA:

             1º.- Gañadora: Lucía Magariños de 5º B
             2º.- Finalista: Aketxa Aranaga Carrasco e Hugo Cartelle de 6º A
             3º.- Sara Sotelo Barrón de 5º B

O próximo mércores 29 de maio farase entrega dos premios no recreo de primaria.

                                                  PARABÉNS A TODOS E TODAS!!!!


martes, 21 de mayo de 2019

UN MAR DE MUIÑEIRAS. LETRAS GALEGAS 2019

Un mar de muiñeiras é unha accion educativa coa pretensión de reivindicar a danza galega na escola, e ao tempo homenaxear as letras galegas no 2019, adicadas ao mestre da etnografía galega Antón Fraguas. Cremos nun futuro cheo de barcos e muiñeiras. Sentímonos carpinteiros de ribeira laborando a escola do porvir a rítmo de seis por oito.

       

sábado, 11 de mayo de 2019

OLLOBOI 2019. CPI AS MIRANDAS

Onte o CPI  As Mirandas estivo representado na Gala dos Premios do Audiovisual Galego Olloboi. Suliñar que cada vez hai máis centros educativos que apostan polo audiovisual, non só como ferramenta educativa para transmitir información, senón como elemento de expresión e aprendizaxe do alumnado.
Cada ano preséntanse  máis traballos e cada ano supéranse en calidade. Noraboa aos centros gañadores e a todos os finalistas e, en especial, aos profes e alumn@s do noso cole que con gañas, motivación e ledicia utilizan e apostan polo audiovisual  nas nosas aulas.


Parabéns aos organizadores do certame porque grazas a el dan a coñecer o enorme traballo que se fai nas aulas: a canteira do cine Galego.

                                       Diploma Olloboi de “Eternas Finalistas ”😂😂