As flores, son o tema que escollemos para este entroido
domingo, 28 de febrero de 2010
TORNEO HOCKEY
Primeiro Torneo de Hockey "Conde de Fenosa".
No torneo de hockey realizado antes do Nadal participou perto do 85% do alumnado do noso centro, e se non fora polas lesións de última hora e as ausencias do último día de clase, esa porcentaxe estaría perto do 95%. ¡¡Esperamos que o pasárades moi bien, que de eso se trataba!!
Agradecer desde aquí a colaboración dos árbitros: Martín (1º B), Benjamín (4º) e Diego (3º A), que pasaron toda a mañá controlando os partidos; unha tarefa que non sempre resulta doada.
Aquí vos deixamos a clasificación, as fotos dos mellores momentos do torneo e un pequeno vídeo dos mesmos.
jueves, 25 de febrero de 2010
CONCURSO DE CALIGRAMAS
O grupo de biblioteca do IES Castro da uz –As Pontes-, convoca o 4º concurso de caligramas.
miércoles, 24 de febrero de 2010
Orgullos@s do noso, Orgullos@s do galego
Orgullosos/as do noso, Orgullosos/as do galego, é unha campaña posta en marcha pola CGENDL, que pretende transmitir no seo da comunidade educativa, e no conxunto da sociedade, un sentimento de orgullo pola lingua propia como sentimento común de todos os galegos á marxe da orixe, a ideoloxía, o credo ou a idade de cadaquén. A lingua galega é un elemento de unión e un rico patrimonio de futuro que nos dota de identidade e nos conecta con millóns de persoas en todo o mundo.
Como se pode participar dende os centros escolares?a. Envío de vídeos e textos “orgullosos”:
Ao igual que un grupo de personalidades da cultura galega expresan o seu orgullo e a utilidade do galego nos dous vídeos de lanzamento, animámosvos a gravar vídeos e redactar textos nos que se exprese ese orgullo de contarmos co galego. E animámosvos a enviárnolos para seren compartidos na web. Isto non é un concurso, isto é unha campaña colaborativa feita entre todos e todas, unha pequena gran obra colectiva, o importante é participar, traballar co alumnado e lanzar esa mensaxe orgullosa. A creatividade está na comunidade educativa e as dificultades técnicas están aí para lles facer fronte: cunha cámara, un móbil ou calquera dispositivo audiovisual podedes elaborar o voso traballo.
b. Difusión do material gráfico da campaña:
Na web da CGENDL ponse á disposición de todos os ENDL e do profesorado un material gráfico (camisetas, chapas, carteis, adhesivos, etc.) que se pode descargar de balde para a súa distribución.
DÍA DA LINGUA MATERNA
Que é o Día Internacional da Lingua Materna?. É unha conmemoración que se celebra o 21 de febreiro de cada ano, unha data significativa que estableceu a Conferencia Xeral da Unesco en 1999, co obxectivo de promover o pluralismo lingüístico e a diversidade cultural. Ademais, busca impulsar o recoñecemento e a práctica das linguas maternas de todo o mundo e, en especial, as das linguas con menos falantes.
Que son as linguas?. Segundo sinala a ONU, "as linguas son o instrumento de maior alcance para a preservación e o desenvolvemento da nosa herdanza cultural". Deste xeito, toda iniciativa para promover a difusión das linguas maternas servirá para incentivar a diversidade lingüística e "crear maior conciencia sobre as tradicións lingüísticas e culturais do mundo e mais inspirar a solidariedade baseada no entendemento, na tolerancia e no diálogo".
Que é unha lingua materna?. Por lingua materna adoita entenderse aquela na que un suxeito adquire a linguaxe; é dicir, aquela na que aprende a falar. Normalmente, o que caracteriza a lingua materna é a súa adquisición espóntanea, fronte á aprendizaxe dunha segunda que normalmente se aprende dunha maneira máis formal. Actualmente, na terminoloxía da sociolingüística óptase con maior frecuencia polo termo lingua inicial (lingua primeira- L1), pois este é máis neutro e evita certos nesgos como o de presupoñer a transmisión por vía materna (nai). As linguas que se adquiren con posterioridade á lingua primeira coñécense habitualmente como segunda lingua (L2).
Que determina a lingua materna?. O factor máis importante é a lingua que empregan os axentes de socialización do neno durante as etapas iniciais do seu desenvolvemento. Nas sociedades avanzadas, este papel compárteno a familia e outros axentes externos, como as escolas infantís e mesmo os medios de comunicación audiovisuais.
Que importancia futura ten para as persoas a lingua materna?
A lingua inicial ten unha grande importancia para as persoas por múltiples cuestións, entre outras, na adquisición como lingua primeira danse naturalmente os supostos da aprendizaxe precoz e da motivación comunicativa, favorecedoras do logro da aprendizaxe.
Propostas para o Día Internacional da Lingua Materna
1. Educa no respecto a todas as linguas
2. Transmite o valor da diversidade
3. Cultiva as linguas con menos falantes
4. Fomenta a aprendizaxe de linguas
5. Perde o medo a equivocarte
6. Déixalles aos teus fillos unha herdanza valiosa
7. Acolle as outras linguas que te rodean
8. Non lle peches a ninguén as portas da túa lingua
9. Practica o ecoturismo lingüístico
10. Fala tamén para os que están preto
CELEBRACIÓN DO ENTROIDO
O pasado venres celebramos o Entroido no noso colexio. Os alumnos de infantil e primaria sairon a percorrer as rúas de Ares cos seus fermosos disfraces feitos por eles na clase, mentres que os alumnos de secundaria fixeron un festival no centro. Logo deron boa conta das orellas de entroido que, por certo estaban moi boas, para finalizar coa queima do mesmo.
miércoles, 10 de febrero de 2010
XA NON FALTA NADA PARA O ENTROIDO
Pois si, aínda non acabamos de comer todos os turróns que temos na casa e xa está aquí o Entroido. Xa vos puxestes a revolver no faiado a ver que encontrades para vos disfrazar este ano. Lareto xa atopou algo por aí e está a facer as súas probas. Que vos parecen?.
Se queredes coñecer máis sobre as orixes do Entroido en Galicia podedes picar neste enlace "Galicia espallada".
martes, 9 de febrero de 2010
BEN FALADO
Acaba de chegar ao noso centro o DVD Ben Falado!, dirixido por Xesús Ferro Ruibal e emitido na Televisión de Galicia (antoloxía dos capítulos emitidos 21-7-2008 ao 6-7-2009). Estará á disposición da comunidade educativa na Biblioteca Escolar.
Ben falado! foi un microespazo creado e dirixido por Xesús Ferro Ruibal e realizado pola productora Pórtico para a Secretaría xeral de Política Lingüística. Emitiuse de luns a venres en horario de máxima audiencia a través de tódalas canles da TVG entre xullo 2008 e xullo 2009. Dos 250 capituliños os 50 primeiros tiveron unha duración de cinco minutos e os 200 restantes duraron tres minutos aproximadamente.
Ben falado! quixo ofrecer unha visión nova da lingua galega que se caracteriza por ofrecer sempre unha pinga de luz e outra pinga de mel. E moitos brevísimos textos levan a sinatura de expertos nesa especialidade lingüística.
lunes, 8 de febrero de 2010
A NOSA MASCOTA
Ola a tod@s. Xa temos mascota!. Entre todos os debuxos presentados, a mascota elexida no concurso foi o bichiño verde, como moitos de vós lle chamades. A súa creadora é Aldara Vilar de 4º da E.S.O. á que damos dende aquí as máis efusivas felicitacións polo seu magnífico traballo.
E aqui volo presentamos:
E aqui volo presentamos:
Ola, son o bichiño verde, Lareto, ou Lari para todos vós. O meu é “largar” e “largar” porque teño moita língua. E se a teño, quero usala. Ollo!, do particular e privado, nada de nada. Ti fai coma min, dalle á palleta!.
jueves, 28 de enero de 2010
CONTACONTOS INGLÉS-GALEGO
Nunca tan ben acaída houbo unha actividade! Mesmo parece que o conselleiro Vázquez nos encargou a escenificación do controvertido borrador do Decreto Plurilingüe. Este mércores 20 de xaneiro, gozamos dunha excelente actuación de contacontos. Unha parella de contistas, el inglés e ela galega, apamparon alumnos e profesores coa representación de contos tradicionais de variada procedencia.Co alumnado fraccionado en dúas quendas, presentaron un abano de historias tradicionais de base humorística unhas, intimista outras, sempre enxeñosas. A estrutura dos relatos formalizábase en reiteracións binarias ou ternarias, na dramatización dos diálogos e nos finais sorprendentes de interpretación didáctica.
A perfecta sincronización (a partir do inglés facíase unha tradución interpretativa, expresiva) aparecía reforzada pola precisa xestualidade que enriquecía as engaiolantes historias.
A atención, as risas e os aplausos foron a nosa recompensa por unha sesión tan agradable.
Por certo, o inglés, espléndido; o galego fantástico e imprescindible. Sigo a falar da actuación, claro está.
miércoles, 27 de enero de 2010
30 XANEIRO. DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ
Para que a paz sexa algo máis ca un conto
Moitas persoas diante da idea de escribir, investigar, educar ou traballar sobre a paz e os conflitos, exclaman, ah!, pero..., é que estamos en guerra?. Esta actitude, de certa incredulidade, ese sorriso condescendente cando falamos de Cultura de Paz, colócanos -de inmediato- sobre unha realidade da que, ás veces, non somos plenamente conscientes, xa que para un bo número de cidadáns e cidadás, para moitos alumnos e alumnas, a guerra e os conflitos son, por sorte, horizontes afastados, nada que teña que ver coas súas propias vidas cotiás, máis ou menos acomodadas, na sociedade da opulencia e o benestar, nos barrios ricos do planeta.
Para outras, a guerra, a violencia, son un recordo vago, unha historia que se perde entre brumas pretéritas, salvo para aquelas que tiveron a desgraza de vivir e de sobrevivir á “Victoria” e non á Paz, ao medo e ao espanto, aos silencios que aterrorizaron a alma e enmudeceron a memoria. Por iso resulta imprescindible falar, estudar, investigar, reflexionar, sobre a guerra, as guerras e a violencia, entre outras cousas, para espantar ós nosos propios demos, os únicos que existen, aqueles que aniñan no máis profundo do noso corazón, así de sinxelo o dicía Mahatma Gandhi.
Difundamos na escola, na vida e na sociedade, que a paz é moito máis que un fermoso conto infantil, de pombas e globos... para representar cada ano a finais do mes de xaneiro, no cabodano da morte do Mahatma Gandhi.
A cultura da paz tense que implantar nas nosas vidas potenciando a educación para a paz, a non-violencia e os dereitos humanos, a través da promoción da investigación para a paz, da eliminación da intolerancia, da promoción do diálogo e da non-violencia, dos valores, actitudes, prácticas, sentimentos e crenzas que acaban conformando a paz.
Traballemos tódolos días por unha cultura de paz
Os nosos alumnos tamén reflexionaron sobre o tema da paz e da non violencia elaborando murais, debuxos e textos alusivos a mesma.


Os alumnos de infantil tamén celebraron e traballaron o día da paz. Falaron sobre ela, o que era, como podían contribuir a que nas clases houbera Paz, e logo fixeron unhas fichas conmemorativas do DÍA DA PAZ. En 3 anos A e B fixeron unha pomba con vandal, en 4 anos A e 5 anos A unha poesía e os nenos de alternativa de 5 anos B fixeron un mural. Si queredes ver a reportaxe fotográfica do seu traballo pinchade aquí. Blogue Infantil
Suscribirse a:
Entradas (Atom)




















