miércoles, 2 de diciembre de 2015

OPERACION QUILO DE NADAL

Estimadas familias: Como xa é toda unha tradición no noso centro, un ano máis solicitamos a vosa colaboración para levar a termo a OPERACIÓN QUILO DE NADAL. Esta actividade centrada na educación en valores e educación para o desenvolvemento, ten como obxectivo fundamental sensibilizar ao alumnado e en xeral a toda a comunidade educativa. Estamos ante unha época na que diversas institucións como Cáritas ou a Cociña Económica seguen demandando a colaboración de toda a sociedade, e estamos ante unha ocasión marabillosa para aportar o noso gran de area.
 Así pois, alumnado, profesorado e familias poderán contribuír de maneira voluntaria aportando calquera alimento non perecedeiro, dende novembro ata o 11 de decembro. A partir desta data os alimentos serán levados á Cáritas de Ares e á Cociña Económica de Ferrol. Agradecemos unha vez máis o voso compromiso e participación.

 GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN


sábado, 28 de noviembre de 2015

NEIRA VILAS: SEMPRE NA MEMORIA

Morreu no día de onte, o último dos chamados "renovadores da prosa galega" (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e el), don Xosé Neira Vilas. Sempre entristece a morte, dolorosa lei de vida, dos bos e xenerosos, coma este autodefinido "xornaleiro da palabra e traballador das Letras". Reconforta, porén, a súa traxectoria vital e o seu legado. Afortunado foi o noso pobo con tódolos que no seu seo naceron, viviron, traballaron con dilixencia e dedicación e, finalmente, morreron merecedores do cariño e amor da terra.

"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén” que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas.


Neira Vilas, sempre na memoria, e inmortalizado por Balbino, representante da súa obra por antonomasia.





              


lunes, 16 de noviembre de 2015

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Dí o refraneiro popular que "A castaña ten unha maña que se vai con quen a apaña" e aínda que no noso cole non fumos a apañar as castañas, comímolas no magosto celebrado este pasado venres no noso cole. Con moita alegría, xogos e cantos, os nenos e nenas gozaron no recreo desta festa popular.

Aqui tedes o resultado da xornada!!!

                              






jueves, 5 de noviembre de 2015

Novembro: mes da CIENCIA en GALEGO nas BIBLIOTECAS

Aquí vos deixamos un enlace a través do cal poderedes acceder a unha interesante recompilación de materiais de ciencia en galego.


PREMEDE NA IMAXE PARA ACCEDER A EL

miércoles, 4 de noviembre de 2015

ANTOLOXÍA POÉTICA MULTIMEDIA

Premendo na imaxe accédese a unha selección de poemas musicados, cantados o recitados, para o traballo na aula. Atopamos poemas de Rosalía de Castro, Bécquer, Antonio Machado, Dámaso Alonso, Gloria Fuertes...En fin... un verdadeiro tesouro da nosa poesía.


sábado, 31 de octubre de 2015

CHEGA O SAMAIN

Chega o Samain e  con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús, os cogumelos, os froitos de inverno; chegan as augas e mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: son os tempos do Samaín. A que isto escribe pasou esta semana a facer unha visitiña por infantil e primaria e a verdade que quedei abraiada por todas as cousas que @s profes xunto cos seus alumn@s estiveron a facer.
No seguintes vídeo podedes ver as cousiñas que os nenose nenas do noso cole, fixeron neste outono para celebrar o samaín.

              
    

                           


E  Para que teñades unha idea acerca desta festa, a continuación poderedes ler un texto sobre a Santa Compaña. Que disfrutedes TERRORIFICAMENTE!!! 

A SANTA COMPAÑA


Segundo a tradición galega, a procesión da Sta. Compaña está composta por espectros de mortos ou almas en pena.
Os espíritus dos mortos saen cada noite sobre as doce partindo dunha igrexa e marchan en dúas ringleiras portando fachos.
A procesión vai encabezada por unha persoa viva portando unha cruz.
O portador da cruz non pode en ningún momento volver a vista nin renunciar ao seu posto durante toda a súa vida. Só quedará liberado cando cruce no seu camiño con outra persoa a quen lle entregar a cruz.
Para evitar reemprazar ao portador da cruz, as persoas que se atopen coa Santa Compaña deben trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou botarse boca abaixo.
Tamén deben permanecer en silencio para que os espíritus non se percaten da súa presenza.

Xa sabedes. Se vos atopades coa Santa Compaña... SILENCIO!  non vaia ser que vos vexan.

lunes, 26 de octubre de 2015

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

























Con motivo da celebración do VI Día da Ciencia en Galego o vindeiro mércores 4 de novembro, a Coordinadora Galega de ENDL convida a todos os centros educativos non universitarios a participar nunha videoconferencia vía web, na que un investigador galego da Universidade de Santiago de Compostela achegará temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolve na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual de fácil manexo.