martes, 13 de octubre de 2026

UN ENCONTRO CON BALBINO: A LITERATURA GALEGA COBRA VIDA NO ESCENARIO

Hai historias que saen das páxinas dun libro para falarnos directamente desde un escenario. Así aconteceu coa saída do alumnado de 4º de ESO do CPI As Mirandas de Ares, que asistiu o Pazo da Cultura de Narón á representación teatral de Memorias dun neno labrego, unha das obras máis emblemáticas da literatura galega, escrita por Xosé Neira Vilas.

Esta actividade permitiu achegar a literatura ao alumnado dunha maneira diferente: a través da palabra dita, dos xestos e da emoción do teatro. Foi unha oportunidade para ampliar o traballo da aula e descubrir como unha historia escrita pode adquirir unha nova dimensión cando se representa diante de nós.


O público no Auditorio de Ares, nun momento da saída ao teatro.

Balbino, unha voz que segue tendo moito que contar

Memorias dun neno labrego preséntanos a Balbino, un rapaz dunha familia humilde que relata en primeira persoa as súas vivencias, os seus pensamentos e as súas inquedanzas. A través da súa mirada, coñecemos unha Galicia rural marcada polo traballo no campo, as dificultades económicas e as diferenzas sociais, pero tamén polos afectos, a amizade e os pequenos descubrimentos da infancia.

Balbino observa o mundo que o rodea e faise preguntas sobre aquilo que os adultos, ás veces, parecen aceptar sen máis. Sente o peso das inxustizas, busca comprensión e soña cunha vida con máis oportunidades. A súa historia axúdanos a entender unha realidade distinta da actual e, ao mesmo tempo, achéganos a sentimentos que seguen sendo próximos: o desexo de ser escoitados, a necesidade de pertencer a un grupo e a esperanza de poder escoller o propio camiño.

Por iso, a obra ofrece moito máis ca un retrato da vida no rural. Invítanos a poñernos no lugar doutras persoas, a reflexionar sobre as desigualdades e a valorar a dignidade de quen, malia as dificultades, conserva a capacidade de pensar, de sentir e de soñar. A voz de Balbino segue a tender pontes entre xeracións e a lembrarnos que todas as vidas merecen ser contadas.


Unha das escenas da adaptación teatral de Memorias dun neno labrego


O mundo rural, presente tamén na posta en escena.

Unha primeira achega ás Letras Galegas de 2027

Esta visita ao teatro ten, ademais, un significado especial: Xosé Neira Vilas será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027. A representación constitúe así unha boa oportunidade para comezar a coñecer a súa obra e achegarnos ao seu legado literario.

Neira Vilas soubo converter as experiencias da infancia e a memoria do mundo rural en historias capaces de chegar a lectores e lectoras de distintas épocas. Achegar o alumnado á súa escrita permite recoñecer a riqueza da nosa literatura e descubrir que a lingua galega é tamén unha lingua de creación, de emoción e de reflexión sobre o mundo.

A proxección de Xosé Neira Vilas durante a representación.

Un comportamento para destacar

Cómpre salientar o bo comportamento dos rapaces e das rapazas durante a actividade. O alumnado amosou unha actitude respectuosa no auditorio e durante a representación, contribuíndo a que a saída se desenvolvese de maneira positiva.

As actividades fóra do centro son tamén ocasións para aprender a convivir, compartir espazos e respectar o traballo doutras persoas. Neste sentido, queremos felicitar o alumnado pola súa actitude e pola súa contribución ao bo desenvolvemento desta experiencia.

A saída ao Auditorio de Ares deixounos unha nova ocasión para unir aprendizaxe, cultura e convivencia. Balbino acompañounos por unhas horas e a súa historia abre agora a porta a novas lecturas, preguntas e conversas na aula.


A memoria das aldeas, evocada na proxección da obra.


Porque a literatura tamén se escoita, se comparte e se vive. E o teatro é un magnífico lugar para descubrilo.

viernes, 9 de octubre de 2026

jueves, 8 de octubre de 2026

XA ESTÁ AQUÍ A X EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES

 

 


 Xa temos aquí a X Edición do Concurso de Fotografía Xuvenil que o Concello de Ares organiza cada ano. Como sabedes, deste concurso sairán as fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do ano 2027 e que se distribúe entre toda a veciñanza e comarca.

A que che gustaría que a túa fotografía formase parte do calendario deste ano?. Pois xa sabes o que tes que facer, colle o teu móbil ou cámara de fotos e anímate a fotografar espazos, lugares, obxectos, actos ou situacións da nosa contorna que consideres parte da túa, da nosa identidade.

 ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!!!

 Aquí tedes as bases que tamén estarán expostas nos taboleiros das vosas clases.


 

UNHA MALETA MISTERIOSA E UN GRAN RETO: COMEZA A VIAXE DO 1º CICLO



Xa se respira a maxia da aventura no corredor do 1º ciclo! Hoxe, o alumnado do primeiro ciclo de primaria atopouse cunha sorpresa que deixou a máis dun coa boca aberta: unha misteriosa maleta aparcada no corredor.

Ao abrila con toda a ilusión do mundo, os nenos e nenas descubriron o marabilloso libro de "A volta ao mundo en 80 días". Esta brillante estratexia de motivación serviu de chispa para achegar aos máis pequenos á figura do célebre escritor francés Julio Verne e mergullalos no universo das súas fascinantes historias.

Este sorprendente descubrimento abre a porta a un proxecto fascinante para este primeiro trimestre. Lanzamos unha pregunta que xa nos fai soar: Seremos quen de dar a volta ao mundo en 80 días?

A imaxinación do noso alumnado xa está en marcha e a curiosidade a tope! Comenza a viaxe do 1º ciclo!



lunes, 21 de septiembre de 2026

MISIÓN CUMPRIDA: OS GARDIÁNS DA PAZ SALVAN A MENSAXE UNIVERSAL

Este ano, o día 21 de setembro,  celebramos o Día Internacional da paz converténdonos en axentes especiais dunha misión crítica. A través dun emocionante Escape Room titulado "Os Gardiáns da Paz", faremos fronte a unha ameaza silenciosa que pretende sementar o caos e o illamento no mundo.

🕵️ O Desafío: 50 minutos para salvar o mundo

Cun cronómetro marcando unha conta atrás de 50 minutos, os alumnos e alumnas dividirédesvos en equipos de elite para abortar o "Protocolo de Desconexión Global". A misión non é doada: o Axente do Caos fragmentou a Mensaxe Universal da Paz, e os seus anacos están espallados e ocultos.

Para superar a proba, os equipos seguiredes estas Regras de Ouro:

·         Traballo en equipo: A colaboración será a vosa mellor arma, compartindo ideas e escoitando aos compañeiros.

·         Observación e Enxeño: Teredes que mirar con atención cada detalle e resolver enigmas usando a mente, sen forza bruta.

·         Xestión do tempo: O reloxo non se deterá, e cada pista solicitada suporá un pequeno sacrificio de tempo no contador.

🕊️ Unha metáfora de convivencia

O obxectivo final é a reconstrución da Mensaxe Universal da Paz. Esta actividade servirá para que o alumnado entenda que a paz non se constrúe en solitario, senón que require do esforzo colectivo e da comunicación para romper as barreiras do illamento.







Construíndo a Paz día a día no CPI As Mirandas: «Somos arquitectos da Paz»


Hoxe, no
CPI As Mirandas unímonos para conmemorar o Día Internacional da Paz, lembrando a importancia de cultivar valores fundamentais para a convivencia no noso día a día.

Unha casa con cimentos de valores

Para esta data tan especial, o alumnado dos diferentes cursos realizou un mural no que a metáfora dunha casa serviu para reflexionar sobre como se edifica a concordia. Baixo o lema «Somos arquitectos da Paz», cada neno e nena deseñou e coloreou un ladrillo no que escribiu unha palabra ou valor esencial: amor, empatía, respecto, igualdade, escoitar, perdón, unión, educación, axuda, agarimo, confianza, tolerancia e moitas máis.

Esta actividade serviu para recordar que a paz non é algo afastado, senón unha estrutura que construímos entre todos e todas con pequenos xestos cotiáns.

A Bandeira da Paz xa ondea no noso colexio

Ademais da creación do mural, vivimos un momento moi especial co izado da Bandeira da Paz. Trátase dun agasallo moi significativo co que nos honrou este ano D. Ángel Corbalán, Embaixador da Fundación Internacional Mil Milenios de Paz. Esta bandeira ondea xa no noso centro como símbolo permanente do noso compromiso co respecto, a concordia e a solidariedade.

Pola convivencia, polo respecto e polo futuro: por un mundo en paz, sigamos loitando e construíndo a paz xuntos!

sábado, 20 de junio de 2026

Un adeus emotivo: A promoción de 4º de ESO despidese do CPI As Mirandas

Hoxe vivimos un deses días que quedan gravados na nosas mentes. Celebramos a graduación do alumnado de 4º de ESO, unha promoción que hoxe remata a súa andaina polo CPI As Mirandas.

Para moitos deles e delas, este non é un adeus calquera. Foron moitos anos compartindo risas, aprendizaxes e medre persoal, xa que nos acompañan dende os seus inicios en Infantil, pasando por Primaria ata chegar a culminar a ESO. Vímolos medrar, formarse e converterse nas persoas que son hoxe.

O acto de graduación foi, sen dúbida,emotivo. Alumnado, familias, profesorado e amigos reunímonos para despedir a esta promoción. Houbo tempo para os recordos, os agradecementos, algunha que outra bágoa de nostalxia e, sobre todo, moitos sorrisos de orgullo polo camiño percorrido.

Agora comezan unha nova etapa fóra dos nosos muros, un novo horizonte cheo de retos, ilusións e grandes oportunidades.

Dende o CPI As Mirandas queremos desexarvos o mellor de corazón nesta nova viaxe que emprendedes. Non deixedes nunca de loitar polos vosos soños con enerxía e valores.

Lembrade que o colexio que vos viu medrar sempre será a vosa casa e que sempre teredes as portas abertas para regresar, contarnos os vosos éxitos ou, simplemente, lembrar vellos tempos.

Moita sorte a todos e todas!  🎓✨


 


jueves, 11 de junio de 2026

UN FÍO VERDE PARA UN PLANETA INTERCONECTADO. DÍA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE

Onte o alumnado da ESO cambiou as aulas por un escenario moi diferente: o areal e o paseo de Ares. Pero non foron de paseo, foron cunha misión clara: realizar una recollida de lixo e concienciar sobre o coidado da nosa contorna.

🧵 Remendando o mundo, fío a fío

Na escola entendemos que o noso planeta funciona como un gran tecido vivo. No ecosistema global, cada acción conta, por pequena que pareza. Por iso, nesta xornada, os nosos mozos e mozas convertéronse en auténticos "costureiros do planeta", traballando a pé de praia para remendar os danos causados polo lixo e a falta de conciencia social.

O resultado? Unha contorna máis limpa e, sobre todo, un alumnado máis comprometido co futuro do que é a súa casa: a Terra.

Unha mensaxe que recoller: Non se trata só de limpar o que outros tiran, senón de entender que o cambio empeza en cada un de nós.

Parabéns ao alumnado polo seu esforzo, o seu civismo e por demostrar que a mocidade está listísima para coidar do fío que nos sostén a todos! 👏🌱

 








lunes, 1 de junio de 2026

UNHA VIAXE POLAS ESTRELAS SEN SAÍR DA AULA: O 1º CICLO EXPLORA O UNIVERSO CON NICO SISTO!

O alumnado de 1º ciclo tivo hoxe unha visita moi especial que nos fixo mirar cara ao ceo con ollos cheos de curiosidade. O veciño aresán Nico Sisto achegouse ao noso colexio para compartir cos nenos e nenas a súa fascinante colección fotográfica sobre o universo.

Ensinoulles a observar o ceo a simple vista, no que atoparon estrelas, cometas, planetas e constelacións. Xa profundizando un pouco máis coa axuda das súas fotografías e o telescopio chegaron a galaxias como Andrómeda.

Por suposto, tamén xurdiron curiosidades sobre o eclipse  que nos acompañará o vindeiro agosto.

Moitísimas grazas, Nico! Grazas por compartir a túa sabedoría, o teu tempo e o teu amor pola astronomía con nós. De seguro que hoxe sementaches máis dunha vocación científica nas nosas aulas. 🚀🔭


 


 

martes, 26 de mayo de 2026

Tecendo Ideas: O CPI As Mirandas celebra con éxito a súa VIII Feira de Proxectos


O luns 25 de maio, o CPI As Mirandas volveu vestir as súas mellores galas para celebrar a VIII Feira de Proxectos, unha cita que este ano levou por título “Tecendo Ideas”. E nunca mellor dito, xa que a xornada converteuse no escaparate perfecto para amosar o gran tapiz de coñecementos que o alumnado e o profesorado foron tecendo, fío a fío, ao longo de todo o curso escolar.

Unha viaxe interdisciplinar e sen barreiras

A gran virtude da feira deste ano foi a interdisciplinariedade. Lonxe de entender as materias como compartimentos estancos, os proxectos presentáronse conectados por un fío condutor que unía os saberes igual que se fose a vida mesma.

Quen visitou a feira puido viaxar no tempo, no espazo e na nosa propia identidade a través dos diferentes stands:

  • Viaxes no tempo: Desde a maxia da Prehistoria e os misterios da Idade Media, ata a grandiosidade do Imperio Romano.
  • As nosas raíces e tradicións: Unha parada moi especial foi a protagonizada polo alumnado de 3º ciclo de Primaria, cun proxecto dedicado ás festas máis populares e emblemáticas da vila de Ares. A través do seu traballo puido gozarse da cor e historia do Ares Indiano, a maxia e arte das Alfombras Florais, e a tradición mariñeira coa Festa da Cabría en Redes.
  • Futuro e Innovación: As novas tecnoloxías tiveron un papel protagonista grazas ao fabuloso traballo desenvolvido polo equipo de Polos Creativos.
  • Máis alá das nubes: Unha viaxe fascinante cara ao espazo e o universo que nos circunda.
  • Reciclaxe na aula de música: O alumnado de Música da ESO demostrou que a arte non ten límites ao construír instrumentos con materiais de refugallo. Ver a ledicia dos máis pequenos do cole mentres os tocaban foi, sen dúbida, o mellor premio a este gran traballo en equipo. 

"Unha auténtica explosión de saberes conectados, onde a teoría se transformou en práctica e a aprendizaxe en pura experiencia."

O motor do éxito: Toda a comunidade unida

O éxito desta oitava edición non tería sido posible sen a implicación absoluta de toda a comunidade educativa e do tecido social do noso concello. Desde o centro queremos transmitir o noso máis sincero parabén e agradecemento a:

  • O profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria, pola súa guía e motivación.
  • Os nenos, nenas e rapazada de todas as idades, que foron os verdadeiros protagonistas e demostraron un entusiasmo e un nivel de implicación destacables.
  • As familias, que un ano máis nos acompañaron e animaron.

Ritmo, emoción, deporte e compromiso social

A feira tamén reservou un espazo moi especial para a saúde, a solidariedade e o deporte. Por unha banda, queremos facer unha mención de gratitude moi especial ao Club de Remo de Ares, por estar presente ano tras ano nesta cita, axudándonos a tecer o deporte como un fío de vida fundamental para o noso alumnado.

Por outra banda, o agradecemento esténdese a Bárbara e Nando, os profes de Educación Física que, ano tras ano, preparan con tanto agarimo o baile do colexio. Nesta ocasión, os nenos e nenas abraiaron a todos cunha coreografía preciosa que agochaba un lema solidario moi importante: “DOA SANGUE”.

Moitas grazas a todos e a todas por facer posible este día tan especial e por compartir connosco o orgullo de ver medrar as nosas ideas.

Para que poidades revivir os mellores momentos da xornada ou ver un anaquiño de todo o que alí se viviu, deixámosvos a continuación uns vídeos cunha pequena mostra do que deu de si esta VIII Feira de Proxectos. 


BAILE