Hoxe, 18 de abril, celebramos un emocionante evento. A ocasión foi a inauguración oficial
do Reloxo Solar que loce na fachada do edificio do noso centro o CPI As
Mirandas, un agasallo xeneroso da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa
Catalina.
Despois de pospoñer a inauguración por mor da climatoloxía, os
astros finalmente aliñáronse e o sol brillou con esplendor iluminando o reloxo.
Na inauguración estiveron presentes: o director Tino Seco,
Blanca Cortizas (anterior directora), alumnado e profesorado do centro, o
Alcalde, Julio Iglesias Redondo, a
concelleira de Urbanismo Olimpia Blanco, o concelleiro de educación Luís
Cendán , o presidente da ANPA e os integrantes da Asociación de Amigos do
Mosteiro de Santa Catalina, Celsa Formoso (presidenta), Rogelio Pérez Varela,
Lorenzo Capllonch (artista que realizou o reloxo) e Carlos Galindo.
Despois das palabras de presentación e de agradecemento do
director Tino Seco, tomaron a palabra Celsa Formoso (presidenta da Asociación do Mosteiro de Santa Catalina), Blanca Cortizas (profesora que realizou o proxecto co alumnado) e Lorenzo
Caplloch (artista que realizou o reloxo), así como o alumnado implicado neste proxecto que explicou con
entusiasmo como funciona o reloxo solar e a súa relevancia na medición do tempo así como fixeron para atopar as palabras latinas que conforman o lema que vai
gravado no reloxo: “ Sol lucet omnibus”,
precioso lema que significa “ O sol loce
para todos”.
O Reloxo Solar que agora preside unha das fachadas do noso
centro escolar lémbranos a conexión entre o tempo, a natureza e a nosa
humanidade, e a súa sombra proxectada sobre a pedra convídanos a reflexionar
sobre a fugacidade dos momentos e a eternidade do coñecemento.
Mil grazas a Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa
Catalina por este agasallo e pola súa dedicación incansable na preservación do
noso patrimonio cultural.
No hay comentarios:
Publicar un comentario