viernes, 31 de marzo de 2023

XII CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE. CPI AS MIRANDAS

 Un ano máis, e xa van doce , o noso colexio como Centro Embaixador de Save  The Children   organizou a XII Carreira Quilómetros de Solidariedade.

O alumnado de infantil e 1º e 2º ciclo de primaria realizaron a carreira no parque Rosalía de Castro e o alumnado da ESO e 5º e 6º de primaria fixeron unha etapa que saíndo do colexio percorreu o paseo marítimo e varias rúas da nosa vila.

Desde o noso centro agradecemos a todo o alumnado e profesorado a participación na carreira solidaria e por suposto, á nosa atleta Paula Mayobre, madriña da carreira, por apoiar esta causa e acompañarnos durante todos estes anos.

Grazas tamén as familias por patrocinar coas súas aportacións esta causa, a deportes MARVI pola doazón das medallas, á policía local de Ares e a protección civil.

Calzar as nosas zapatillas e correr por unha causa solidaria merece a pena, porque moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas pode cambiar a vida das nenas e nenos máis vulnerables.

 

 

 

miércoles, 29 de marzo de 2023

PROXECTO “O CORPO HUMANO”

 Hoxe 29 de marzo con motivo do proxecto levado a termo polo alumnado de educación primaria sobre “O corpo humano”, tivemos a visita de Adrián e Iria, dietistas-nutricionistas dos centros de saúde de Pontedeume e Fene, así como de dúas enfermeiras de pediatría.

Pasamos unha xornada moi agradable facendo fincapé na importancia de manter unha dieta equilibrada e saudable para poder gozar de boa saúde e ter moita enerxía ( máis se cabe da que temos).

 



 

 

GOZAMOS CON PACO PAKOLAS

 O luns 29 de marzo visitounos no noso cole Paco Cerdeiras “Pakolas”.  Os nenos e nenas de infantil e dos cursos de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria gozaron do seu espectáculo escoitando as súas historias, as súas cancións e movendo o esqueleto ao ritmo do seu rock and roll.

Grazas Pakolas por facernos pasar unha mañá tan alegre!

 

 




 

jueves, 23 de marzo de 2023

OS PEQUERRECHOS DE INFANTIL VISITAN A CASA DO MEL

Os pequerrechos do noso cole foron de excursión a visitar a  "Casa do mel" en Goente, As Pontes.

Aprenderon moitas cousas sobre as abellas, probaron diferentes tipos de mel, fabricaron as súas  propias velas, e convertéronse en apicultores por un día...

Pasárono xenial!!! Seguro que están desexando volver.

ENTREGA DO I PREMIO LAZOS CORUÑESES CON AMÉRICA LATINA AO NOSO CENTRO

▶️ O luns 20 de marzo cumpríronse 119 anos da Alianza Aresana de Instrucción, mais tamén se entregou o “I Premio Lazos Coruñeses con América Latina ao CPI As Mirandas”, o galardón da Deputación da Coruña que recoñece a calidade do traballo “Ares e Cuba, unha historia compartida. A súa pegada indeleble na nosa vila”, que realizou o noso alumnado o curso pasado.

▶️ O acto abriuse coas intervencións do alcalde da localidade, Julio Iglesias Redondo, e da concelleira de Cultura, Alma Barrón, e continuou coa entrega do propio premio académico ao profesorado coordinador e as alumnas e alumnos que o elaboraron: Geovanna Carvalho de Medeiros Correia, Luís Alejandro Crespo Oltra, Hugo Martínez Cortizas, Fabio Polo Leira, David Vila Villares, Iván Pena Dovale e Gonzalo Martínez Couce. Recibíronno, amais das mans dos representantes municipais, tamén de José Ramón Rioboo Castro, deputado de Desenvolvemento Territorial, convocante do premio.

▶️  Os alumos/as e profesoras premiados/as foron os encargados de ler a acta fundacional da Alianza Aresana de Instrucción, o documento que axuda a entender a vocación de progreso do grupo de emigrantes aresáns que a constituíron: persoas que loitaron pola mellora das clases populares e a democratización da educación na vila aresá.

▶️ O evento pechouse coa actuación teatral de A Cova do Trasno e o espectáculo musical dos Trasnochadores do Eume. Ata houbo tempo para aproveitar a iuca que se empregou no teatro de A Cova do Trasno Teatro da vila de Ares. e plantala no xardín da Alianza, homenaxeando o Día da Árbore que se celebra o 21 de marzo!

 




 

MULLERES QUE FIXERON HISTORIA

Podcast de radio realizados polo alumnado de 2º de ESO no proxecto Mulleres que Fixeron Historia dentro das actividades do 8M.O alumnado investigou sobre a vida de mulleres que para eles foron referentes en distintos campos como literatura, ciencia, moda, deporte...

Aquí podedes escoitar os seus podcast.

Entrevista ao matrimonio Curie ( Por Adrián, Leo e Lucas)

 

 Sofía Casanova e Rosalía de Castro falan da súa vida (  Por Sofía e Malena)

 
 
Malala a activista pakistaní fala da súa vida (Por Antonio)
 
 

 

Coco Chanel e James Goodall coñécense tomado un café (Por Paula e Sara) 

 

Álvaro entrevista á poetísa Rosalía de Castro (Por Álvaro e Martina) 

 

Carlos entrevista a Alexia Putellas  (Por Carlos e Bega)

 

Hugo fala da vida de Vero Boquete (Por Hugo Sánchez)

lunes, 20 de marzo de 2023

OBRADOIRO CONTROL OFF

 O noso centro educativo  acolle durante estes últimos días as sesións do obradoiro “Control Off: Claves para previr a violencia de xénero”, unhas formacións que se poñen en relación co 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, e que achegan contidos básicos para traballar a igualdade de xénero entre o alumnado da ESO.

A iniciativa, promovida polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ares e o noso centro educativo no marco , afonda nas relacións afectivas saudables, define o concepto de violencia de xénero e divulga múltiples pautas para previla na contorna dixital.

👉 A primeira sesión realizouse o xoves pasado, mais haberá unha segunda esta mesma semana, ambas dirixidas por Rubén Villar Trenco, psicólogo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Axente de Igualdade de Oportunidades para a Muller.

 


 

miércoles, 15 de marzo de 2023

CONMEMORACIÓN DOS 119 ANOS DA ALIANZA ARESANA

 

Estes días estamos a celebrar na nosa  localidade  unha dobre celebración: a dos 119 anos da fundación da Alianza Aresana de Instrucción na Habana, a agrupación que foi chave na democratización da educación dentro da vila, e tamén o premio á investigación escolar da Deputación da Coruña que recibiu o noso alumnado e profesorado do CPI As Mirandas polo traballo “Ares e Cuba, unha historia compartida. A súa pegada indeleble na nosa vila”.

▶️ A programación proposta polo Concello dende a área de Cultura arranca o  venres, 17 de marzo, coa actuación de Isaura & Co “Claves de bolero” ás 20:00 horas no salón de actos da biblioteca municipal, o mesmo edificio que se construíu grazas ás achegas económicas dos emigrantes galegos do municipio en Cuba.

▶️ Continuará o luns 20 de marzo, ao ser o aniversario oficial da Alianza Aresana de Instrucción, unha sociedade que ten as súas fondas raíces no 1904 e que aínda no noso presente é lembrada e homenaxeada.

▶️ Abrirá a tarde de conmemoración (19:00 h.) o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e seguirá xa a entrega do I Premio Lazos Coruñeses con América Latina, con representantes da Deputación da Coruña, ao grupo de alumnos/as gañadores (Geovanna Carvalho de Medeiros Correia; Luís Alejandro Crespo Oltra; Hugo Martínez Cortizas; Fabio Polo Leira; David Vila Villares; Iván Pena Dovale e Gonzalo Martínez Cauce) e á profesora coordinadora, María do Rocío Pena Pena, xunto co equipo de Dinamización Lingüística do colexio.

▶️ Tamén haberá oco para ler a acta fundacional da Alianza Aresana (19:15 h.), a que permite entender o espírito da sociedade, marcada polo seu desexo de contribuír á mellora de Ares sufragando a construción da primeira escola da emigración galega, un espazo á vangarda educativa da súa época en toda Galicia.

▶️ Pechará o programa dese día unha dobre actuación. Por unha banda, o grupo de teatro A Cova do Trasno interpretará unha peza sobre a propia fundación da Alianza (19:30 h.) e, pola outra, realizarase o espectáculo musical dos Trasnochadores do Eume (20:00 h.).

#ConcellodeAres #AlianzaAresana #AresIndiano #ConcellariaCulturaAres #119aniversarioAlianzaAresana #ANosaHistoria #CPIAsMirandas