viernes, 28 de febrero de 2020

EXPOSICIÓN #ErrantesPoloMundo_rdc_20

Unha das actividades realizadas polo alumnado no Día de Rosalía foi a proposta pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega). 

Para expandir o poder da  palabra e obra de Rosalía, o alumnado traballou con fotos da súa propia familia, con debuxos ou  imaxes, poñendo nelas versos de Rosalía que tratan sobre as migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos...).
 Con todos os traballos realizamos a exposición #ErrantesPoloMundo_rdc_20, que está a encher os corredores do noso cole.
A exposición tamén poderá ser visitada na Feira de fin de curso do cole.

Aquí deixamos algúns dos traballos.




















DÍA DE ROSALÍA. CPI AS MIRANDAS. CONCELLO DE ARES

Hoxe o noso centro realizou xunto co Concello de Ares un fermoso acto para lembrar a Rosalía de Castro, dentro da semana dedicada a nosa escritora máis universal. Nenos e nenas de primaria e rapaces e rapazas de ESO interpretaron e cantaron os poemas e a obra de Rosalía acompañados da música da xove banda do noso cole e de  Mónica, a profe de música. 
Tamén realizaron a lectura continuada representantes de entidades culturais de Ares, Cervás ou Redes, persoas do mundo do deporte como Paula Mayobre ou Álvaro Yllobre, representantes municipais, profesores e veciñanza. 
                               
 Grazas a todos pola vosa participación neste acto. 

 Rosalía…sempre Rosalía… 

Aquí vos deixamos uns vídeos da xornada

Lectura do alumnado do CPI As Mirandas

 

Lectura continuada da obra de Rosalía a cargo da veciñanza, representantes de entidades culturais  e deportivas, representantes municipais e profesores.



Galería fotográfica

Interpretacións musicais. Xove banda do CPI As Mirandas

sábado, 22 de febrero de 2020

ENTROIDO 2020. CPI AS MIRANDAS

Este ano o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro, “ARES DE CONTO”
Un percorrido polos personaxes dos contos, lendas e literatura universal. Os trasniños da nosa Cova do Trasno de Ares, Carapuchiña Vermella, Branca Neves, príncipes, ananos,  Moby Dick, Harry Potter, Shrek, Piratas, Wallys, o Gato con botas, o Flautista de Hamelin e os seus ratiños, os dálmatas e Cruela de Vil e un sen fin máis de personaxes de conto desfilaron polas nosas rúas nun día de sol radiante.
 Logo degustamos lambetadas de Entroido e un rico chiculate para endulzar o bandullo.
Grazas infinitas á banda de gaitas de Ares por colaborar con nós e poñer a nota musical ao noso desfile e por suposto, a tod@s polo voso esforzo á hora de preparar esta xornada de Entroido que é máis que unha simple xornada, son días de preparativos fora incluso das horas lectivas para confeccionar os disfraces e todo o que rodea o Entroido.
Agora a gozar destas mini vacacións.

Aquí deixamos a reportaxe da xornada.







domingo, 16 de febrero de 2020

ARES DE CONTO, CON VERO RILO E SONSOLES PENADIQUE

Este venres contamos unha vez máis coa visita de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Contáronnos contos, aprendemos cancións, falamos do entroido , agasalláronnos cun libriño para traballar na aula no que estaban todos os persoeiros e as figuras do entroido que hai por toda Galicia: pantallas, peliqueiros, máscaras, boteiros, folións… Que ben o pasamos!!! Moitísimas grazas Vero e Sonsoles pola vosa visita e por compartir con nós e achegar a tradición oral aos nenos e nenas do noso cole. 
Esperamos que volvades a visitarnos!

 Sodes as mellores!!!!

 

VISITA Á COVA DO TRASNO

Con motivo da visita de Javier Vilasánchez o pasado mércores, decidimos ir visitar a Cova do Trasno. Ademais, cunha incrible sorpresa! O trasno Simón anda a facer trasnadas e tiña escondida a chave da seguinte busca do tesouro.


miércoles, 12 de febrero de 2020

O TRASNO SIMÓN E A SEREA MIRANDA . "ARES DE CONTO"


Hoxe tivemos o pracer de contar coa visita de Javier Vilasánchez,  historiador local, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, director do grupo de teatro A Cova do Trasno e avó.  Aínda que xa veu varias veces ao noso centro para colaborar con nós,  hoxe a súa aportación foi especial xa que o seu público eran os pequenos/as do 1º ciclo de primaria,  que este curso están a traballar as lendas e a tradición oral dentro do proxecto interdisciplinar “Ares de Conto”.
Javier faloulles dalgunhas lendas da nosa vila coma a da Cova do Trasno ou a da Serea das Mirandas,  misturando a historia coa fantasía.  Os nenos coñeceron ao  trasno Simón e a serea Miranda, personaxes de conto creados por Javier e  inspirados nestas lendas.
A verdade é que os nenos e nenas gozaron cos seus contos e coa súa caracterización, rematando cunha morea de preguntas ao final da sesión.

Grazas  Javier por aceptar a nosa invitación e por achegar as lendas de Ares aos nenos e nenas do noso cole. Esperemos que volvas a visitarnos!



             


VIDAS, TORRENTE E MENINAS NUNHA MESMA XORNADA. SAÍDA DE 1º DA ESO A FERROL


Hoxe o alumnado de 1º da ESO realizou unha marabillosa e moi produtiva saída cultural a Ferrol.  Primeiro achegáronse ao  Centro Cultural Torrente Ballester onde puideron ver a estupenda exposición do fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón titulada “Vidas”. Unha mostra fotográfica na que partindo sempre da sensibilidade e o respecto, plasmou  todas esas almas que tiveron que abandonar a súa terra  e cruzar fronteiras na procura dun novo lugar onde asentarse. A través de máis de setenta imaxes capturadas en más de trinta países de América, África, Europa e Asia durante os últimos vinte años, Gabriel Tizón amosa realidades duras, moitas veces descoñecidas, pero tamén instantáneas nas que a felicidade e a esperanza ábrense camiño a pesares da adversidade.


Tamén no torrente Ballester percorreron a exposición “Imaxe de cen anos”, unha mostra coa que o Concello de Ferrol abre o ano dedicado ao profesor Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano se lle dedica  o Día das Letras Galegas. Nela puideron percorrer a vida e a obra do autor ademais dunha serie de artigos cedidos pola súa familia, como as medallas da RAG e de Cátedra, os reloxos de man e bolsillo, ou o seu bastón.


E para finalizar o percorrido que mellor que unha visita guiada ás Meninas de Canido, un exemplo de como a arte urbana pode mudar por completo no só o aspecto exterior e a fisionomía dun barrio, senón tamén a alma e a vida do mesmo.

Desde unha das localizacións máis privilexiada, o can do cadro das Meninas mira cara ao infinito, botella en man,  pasando de papel secundario a protagonista, caracterizado coa indumentaria do pintor. 


martes, 11 de febrero de 2020

11 DE FEBRERO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA


O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.

"Para facer fronte aos inmensos desafíos do século  XXI –desde o cambio climático ata os trastornos tecnolóxicos– fainos falta a ciencia e toda a enerxía necesaria e, por iso, o mundo non pode privarse do potencial, a intelixencia e a creatividade dos miles de mulleres que son vítimas de desigualdades ou prexuízos tan arraigados. Neste Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a UNESCO fai un chamamento á comunidade internacional, aos Estados e a cada persoa para que se mobilicen a fin de facer realidade a igualdade, tanto no ámbito das ciencias como noutros campos. A humanidade só pode saír gañando, igual que a ciencia. "
  Mensaxe de Audrey  Azoulay,   Directora Xeral da UNESCO,
 no Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia 2020


Compartimos un traballo estupendo do IES de Brión con xogos e vídeos sobre as mulleres na ciencia.