domingo, 22 de diciembre de 2019

CPI AS MIRANDAS. CENTRO EMBAIXADOR DE SAVE THE CHILDREN. CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE


Este xoves, 19 de decembro, tivo lugar a IX Carreira Quilómetros de Solidariedade que, como todos sabedes, realizamos en colaboración coa ONG Save The Children. Resultou un día estupendo no que todo o alumnado do centro gozou dunha lúdica e deportiva xornada. Ata o tempo deunos unha tregua  para que o alumnado da ESO puidese saír pola nosa vila.
Pero este ano, a nosa carreira solidaria tivo un matiz especial e nos sentimos enormemente contentos xa que recibimos de mans de Ana, a delegada de Save the Children (que vixou expresamente dende Madrid), o recoñecemento de Centro Embaixador  Save the Children polo noso compromiso e labor a prol da solidariedade cos nenos e nenas máis desfavorecidos. Nun acto no que estiveron presentes ademais da representante de Save the children, o inspector de educación Rubén Ponte, a concelleira de educación Noelia Montero e a atleta Paula Mayobre, recibimos a placa que nos nomea como centro Embaixador.

Queremos agradecer:

·   A toda a comunidade educativa: alumnado, país e nais, familias en xeral, e profesorado a vosa solidariedade e colaboración. Sodes estupendos!
·   Á nosa atleta e madriña de oficio Paula Mayobre por colaborar con nós durante estes 9 anos... e esperamos que moitos máis.
·     Ao Concello de Ares, policía local e protección civil pola súa inestimable axuda no desenvolvemento da carreira.
·     A Supermercados GADIS pola doación de auga, caramelos, globos, pulseiras...e o empréstito do arco de Meta.
·     A Froitería Bacelo y López que nos aporta a froita como reconstituínte.
·     A trofeos MARVI pola doación dos trofeos para os rapaces e rapazas.
·     A  Luís de Floristería Real que sempre pon ese toque de cor cos seus ramos de flores

En nome do CPI As Mirandas grazas a tod@s.

Este recoñecemento é posible grazas a vós


Nos seguintes vídeos podedes ver o resumo da xornada.

CARREIRA ESO



CARREIRA INFANTIL



CARREIRA PRIMARIA



Acto de recoñecemento como Centro Embaixador de Save the Children



Os selfies do noso profe Carlos

sábado, 21 de diciembre de 2019

ESTREA DA CURTA "CAMIÑO DAS MIRANDAS" REALIZADA DENTRO DO PROXECTO VIDAS MARIÑEIRAS


Este xoves 19 de decembro estreouse no Jofre o documental "Camiño das Mirandas", ideado e rodado polo alumnado de 3º de ESO do noso centro, dentro do programa Vidas Mariñeiras do GALP Golfo Artabro. 
Transcribo aquí as palabras do equipo de alumnos que levou a termo o proyecto:




·        A NOSA CURTA:
A nosa curtametraxe titúlase “Camiño das Mirandas”. O argumento do noso audiovisual  lévanos a coñecer as inquedanzas dunha moza que busca na tradición mariñeira da súa vila natal, a inspiración e os  recursos para imprimir identidade a un proxecto empresarial.
A través das paisaxes, das lendas e das historias do mar de Ares, a nosa protagonista rematará nun lugar que lle servirá para explicar o seu propio nome.

·        POR QUE ESCOLLEMOS ESTE TEMA
 Escollemos este tema porque pareceunos moi interesante dar a coñecer  a paisaxe da nosa costa, o traballo da pesca ou as nosas lendas a través do relato dunha moza  emprendedora e actual. En Ares temos unha paisaxe costeira fermosa e As Mirandas, conforman  un enclave marabilloso que nos mergulla na vida dos mariñeiros, na beleza da súa praia, na bravura do mar cando rompe nas Illas Mirandas e que é capaz de facer encallar ata os barcos máis grandes.  Ademais nas  Mirandas  vive unha serea namorada que inspira á nosa protagonista Miranda a través dos rapaces do cole das Mirandas.
·        QUE APRENDEMOS COA EXPERIENCIA
Temos que dicir que a  experiencia de facer este traballo levounos a aprender moitas cousas. A traballar en equipo, a improvisar,  a coñecer como se fai un audiovisual desde a idea que temos ao comezo na nosa cabeza, ata o produto final que é o que veremos a continuación.  Aprendemos que os mellores protagonistas para crear unha  película ou un documental os temos ao noso redor, veciños que teñen tras de si un montón de historias e de experiencias de vida relacionadas co mar e que  merecen ser contadas e tamén aprendemos que por difícil que nos pareza un proxecto, se queremos, sempre sae adiante.
·        AGRADECEMENTOS
Xa por último queremos agradecer:
-A  Golfo Ártabro a oportunidade que nos brindou para aprender e achegarnos ao mundo do audiovisual a través do Programa Vidas Mariñeiras.
-A Cristina de la Torre, coordinadora do proxecto  que nos guiou nesta aventura e a quen lle agradecemos que nos iniciara nos nosos primeiros pasos no mundo audiovisual. Grazas pola túa axuda  e por ensinarnos tanto.
-A todos os participantes, nomeados nos créditos, que amablemente prestáronse para contar as súas historias e que, sen a súa colaboración,  esta curta non sería posible.
-Á nosa profe Yoli por prestarnos a súas horas e o seu tempo
-Ao resto de profesores por facilitarnos a labor.
- E finalmente ao noso colexio, o CPI As Mirandas  por darnos a oportunidade de facer actividades que van máis aló das aulas.

A nosa curta: "O camiño das Mirandas"

 




lunes, 16 de diciembre de 2019

IX CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE EN COLABORACIÓN COA ONG SAVE THE CHILDREN




Un ano máis, e xa van nove, o noso centro organiza a Carreira Quilómetros de Solidariedade para colaborar coa ONG “Save the Children”, que este ano vai dedicada ás nenas/os do pobo Rohingya, pequenos/as que teñen nome e unha horrible historia ás súas costas. 

Este é un proxecto educativo, deportivo e solidario multidisciplinar no que se traballan valores con materiais e apoio didáctico facilitado pola ONG “Save the Children” quen traballa para salvagardar os dereitos da infancia no mundo e que cada ano se centra nun país en concreto. 

 Por outra banda comprácenos comunicar que a ONG Save the Children recoñece cada curso o labor e o compromiso destacado dos centros e comunidades educativas que participan de forma activa e continuada en campañas e iniciativas solidarias e por iso, o día da carreira, representantes da ONG achegaranse ata o noso centro para facernos entrega dunha placa que nos acredita e nomea como Centro Embaixador de Save The Children. 

Dicir que esta distinción non sería posible sen a colaboración e solidariedade de toda a comunidade educativa: alumnado, familias, profesorado e colaboradores. Así que grazas a todos/as. 

Como en anos anteriores, nesta actividade, o alumnado aboará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, o que “voluntariamente” queira buscar patrocinadores entre os seus familiares ou achegados, poderá facelo recollendo as súas aportacións a través do carné de corredor. 

Un ano mais, a atleta aresán Paula Mayobre estará connosco e apoiará esta causa coa súa presenza, participando na xornada con todos os rapaces e rapazas do noso centro.

 O alumnado de infantil e primaria realizarán a carreira ás 11:15 horas no pabellón do colexio e o alumnado da ESO comezará a carreira saíndo do colexio as 12:00 horas e percorrerá o paseo marítimo.

 Agradecemos a toda a comunidade educativa a súa participación e solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que veñan a apoiar aos nosos corredores solidarios.

 CPI As Mirandas: construíndo un mundo mellor

viernes, 13 de diciembre de 2019

XA ESTÁ AQUÍ O NADAL


Xa chegou o Nadal e con el a revolución ao noso centro!!!.
Pouco a pouco irémosvos contando todas as cosuiñas que estamos a realizar neste mes pero mentres... queremos desexarvos, con todo o agarimo da nosa pequena gran familia, unhas moi
Felices Festas!!!

Aquí deixamos algúns enlaces de RECURSOS PARA O NADAL. Se premedes nas imaxes podedes acceder a eles.








POSTAIS PARA PERSONALIZAR E ENVIAR

PANXOLIÑAS


LIM CELEBRAMOS O NADAL


O APALPADOR
http://coordinadoraendl.org/nadal/index.php?pax=pax5.phphttp://coordinadoraendl.org/nadal/index.php?pax=pax5.php






miércoles, 4 de diciembre de 2019

PROXECTO ERASMUS XORDANIA CON Ticket2Europe




O mes pasado Jaime, María e Salma viaxaron a Xordania con Romy, a nosa auxiliar de conversa, a través dun dos proxectos de  Ticket2Europe. Unha experiencia única e irrepetible que tiveron a sorte de vivir os nosos alumn@s. Gracias Romy e gracias Ticket2Europe.
Aquí están algunhas das súas reflexións.







Aquí quedan algunhas das reflexións dos nosos alumn@s

REFLEXIÓN SOBRE XORDANIA                       por Jaime Sánchez  Muiños

Durante a última semana de outubro tiven unha gran viaxe a Xordania onde me acompañaron as miñas compañeiras María e  Salma, a miña profesora de inglés,  Romy, e por último, tamén viñeron dúas mozas ás que aínda non coñecía chamadas Sara e Lara.
Esta experiencia durou 10 días e cualificándoa rapidamente diría que foi a mellor experiencia da miña vida. Alí aprendemos unha chea sobre valores culturais, prexuízos, traballo en grupo, información sobre as outras culturas e moitas cousas máis. Nesta viaxe,  desde o meu punto de vista, mellorei moito o meu inglés, que era un dos obxectivos ou metas que tiña  ao ir a Xordania.
Coñecín a xente incrible coa que  aínda sigo mantendo  contacto a través das redes sociais e creamos entre todos unha atmosfera moi agradable . Na miña opinión o mellor foi o achegamento a outras culturas case descoñecidas para min, pero a segunda cousa que máis me gustou foi ver sitios de Xordania. Alí visitamos  Petra,  Dead Sea, o deserto de  Wadi  Rum, mergullamos polo Mar  Rojo e moitas máis cousas.
Eses lugares impresionáronme moito, non só polo bonitos que eran senón tamén polo shock cultural que había entre Europa, onde vivo, e Asia.
En resumo, esta experiencia ,como comentei antes, foi a mellor da miña vida e espero repetir máis experiencias como esta.



REFLEXIÓN SOBRE O ERASMUS EN XORDANIA     por  María Veiga

Sempre me gustou iso de viaxar, coñecer culturas, xente, facer amigos e o inglés sempre se me  deu bastante ben… O que nunca na miña vida pensei  é que sería elixida entre tantas persoas para un proxecto tan incrible como este.
Un día de principios de outubro chegou  Romy a clase e contounos que tiñamos  a oportunidade de realizar un Erasmus en Xordania e que, entre todos os que se quixesen apuntar de cuarto da ESO, escollerían a tres para ir dez días. Obviamente non o dubidei dous segundos, tiña que apuntarme. Faleille a  Romy e ela mandoume un cuestionario, fíxeno, e só quedaba esperar, pero en ningún momento se me pasou pola cabeza poder ser elixida.
Unhas dúas semanas despois,  cando estaba a rematar de comer, recibín unha mensaxe que dicía:
-Congratulations,  you  are  going  to Jordan!
Non mo podía crer!!!! Nuns doce días máis ou menos, estaría a viaxar a outro continente, en épocas de clase, con dous dos meus mellores amigos, para aprender inglés, para coñecer xente e lugares distintos. Nunca o imaxinei....
Por fin chegou o día, 26 de novembro, levantámonos temperán para ir a Coruña, coller un bus ao Porto, desde alí un avión a Turquía, un par de horas en Turquía e o noso voo saía cara ao destino final, Xordania.
Comezaba unha experiencia incrible!!!

3 DECEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DA DIVERSIDADE FUNCIONAL. POÑÉNDONOS NO SEU LUGAR


O día 3 de decembro, celébrase o Día Internacional da concienciación da Diversidade Funcional, un día para reivindicar e esixir o respecto dos dereitos das persoas con diversidade funcional, empezando polo dereito a unha inclusión social plena e a práctica dunha vida independente. No noso centro o celebramos poñéndonos no seu lugar e realizaremos durante toda a semana diversos obradoiros:

 • Obradoiro de pintura sen mans
 • Obradoiro de LSD (Lingua de signos)
 • Xincana en cadeira de rodas
 • Baloncesto dende outra perspectiva






Murais do obdradoiro de pintura sen mans




lunes, 2 de diciembre de 2019

MICROMACHISMOS. 25 N

Coa excusa do día mundial contra a violencia de xénero, alumnado de 2º e 3º de ESO elaborou un vídeo poñendo de manifesto a presenza de micromachismos en filmes de Disney e en cancións comerciais. Primeiro identificamos onde radicaban os distintos tipos de machismo e despois, algúns dos alumnos/as, saíun diante da cámara falando. 

        

sábado, 30 de noviembre de 2019

FESTA DE DESPEDIDA ERASMUS +

O venres 29 de novembro o noso centro despediu aos integrantes do grupo Erasmus + que estiveron a acompañarnos durante toda a semana. Unha festa rachada na que non faltaron as nosas tradicións: magosto, castañas, bailes tradicionais, xogos, cancións…. e ata chiculate con churros.
Parabéns a toda a comunidade educativa  que traballou a esgallo para que todo resultase marabillosamente ben.


Desde aquí queremos dar as grazas tamén ao Grupo de Gaitas de Ares e a Miguel, o seu director, así como ao grupo Areas do Mar de Ares con Teresa Muiños á cabeza. Mil grazas por colaborar con nós nesta xornada.

Desexamos aos nosos amigos Erasmus+, que gozaran da súa estancia en Ares e que teñan unha boa viaxe de volta aos seus respectivos países. 
Esta despedida é so un ata logo xa que pronto lles devolveremos a visita.

Como unha imaxe, as veces, vale máis que mil palabras, aquí tedes a reportaxe gráfica da xornada.



Os compañeiros de Turquía agasalláronnos cunha danza típica do seu país.




Tamén as nosas profesoras puxeron a nota musical coa canción  "Ahí ven o maio" de Curros Enríquez
Grazas mil pola vosa profesionalidade!!!

jueves, 28 de noviembre de 2019

ENTREGA DE PREMIOS DA III EDICIÓN DO CONCURSO ESCOLAR “CANTAMOS COAS MANS”


Este xoves 28 de novembro celebrouse a entrega de premios da III Edición do Concurso Escolar de Cancións en Lingua de Signos Española “Cantamos coas mans”, nun evento moi especial que tivo lugar no centro sociocultural de Fontiñas, en Santiago de Compostela.
Neste acto recibimos a Mención de Honra  desta edición na que os nosos  alumn@ s puideron interpretar e actuar coa cantante  MJ Pérez que subiu ao escenario cos nenos e nenas que  signaron a súa canción “O fío  do que pendo”.
Foi unha xornada festiva, totalmente accesible en lingua de signos e na que tanto, persoas xordas como oíntes, puidemos gozar da música.
Queremos aproveitar a ocasión para, unha vez máis, agradecer o esforzo e a implicación de Luisa Lombardero, a nosa intérprete de lingua de signos, que non poido estar no evento e que é a alma mater do proxecto e, por suposto, tamén agradecer a  MJ Pérez  a súa colaboración para facer un ano máis, deste acto, unha gran celebración da música inclusiva.

Vídeo da gala



https://www.facebook.com/MJPerezmusic/videos/561889414649622/UzpfSTEwMDAwMDc0NjMxNDg5MzoyOTY0NDA1MjQwMjYwOTkx/

Videoclip oficial realizado no noso centro

lunes, 25 de noviembre de 2019

ACTOS NO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO CPI AS MIRANDAS


Hoxe, 25 de novembro, no CPI As Mirandas, lembramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero cunha actividade en colaboración con CIM do Concello de Ares. 
As 13:00 horas o director do CIM e a directora do centro tomaron a palabra para condenar esta lacra e recordar que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos. 
A nosa profe de inglés, Amparo, realizou a tradución simultánea do manifesto xa que neste acto acompañáronnos os alumnos/as e profesores do intercambio Erasmus +.
Trala lectura dos manifestos soltáronse varios globos cargados de mensaxes realizadas por todo o alumnado do centro (E.I, E.P, ESO). Mensaxes que voarán cheos de esperanza concretados en desexos do alumnado do CPI As Mirandas.


Xa pola tarde tivo lugar unha charla para o alumnado de 4º curso de ESO sobre a violencia sexual impartida por Angélica Mercado Torres  especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de igualdade a través da Secretaría Xeral de Igualdade.
Mañá martes 26 de novembro, o alumnado de 5º e 6º de infantil asistirán á  sesión de contacontos “As cores” coa temática da Igualdade e impartido pola artista local Lidia Pena.


Os nenos e profes de infantil tamén conmemoraron esta data cun mural realizado por eles.





BENVIDA. #ERASMUS+.AS MIRANDAS.2019

Dende o 24 e  ata o 29 de novembro no noso centro, o CPI As Mirandas, compartiremos experiencias con 20 alumnos/as e 12 profesores/as de 5 países (Turquía, Polonia, Romanía, Grecia e Italia) cos que estamos levando a termo un proxecto europeo,KA229: Manifestacións artísticas desde as festividades e tradicións europeas”.
Este  domingo foron recibidos por unha representación do centro e realizaron unha etapa do Camiño de Santiago así como unha visita guiada polo casco histórico.
Hoxe luns realizaron unha visita ao Concello onde foron recibidos polo alcalde e representantes do Concello. Seguidamente fixémoslles unha benvida no noso centro. O alumnado de primaria así como un grupiño de alumnos da ESO agasalláronos  cun mini concerto e bailes típicos. Logo percorreron as aulas de primaria e infantil e departiron con profes e nen@s.  Tamén participaron no acto que realizamos no centro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no que estiveron tamén representantes do concello e do CIM (Centro de atención  á muller).

Desexámoslle unha estupenda estadía na nosa vila xunto a todos nós e ás familias acolledoras.

Seguiremos informando desde tesmoitalingua e a páxina web do noso cole.







martes, 19 de noviembre de 2019

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Parece que todos os días semellan iguais, máis este luns, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, queremos
dun xeito especial, denunciar e levantar á nosa voz contra esta lacra. A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos Dereitos Humanos e continúa progresando no ámbito global.
Algo estamos a construír mal nesta sociedade cando non somos capaces de resolver os conflitos coa palabra. Vivimos nun mundo no que cada vez se vai máis rápido e no que o individualismo e o poder é o que conta. Debemos espertar as nosas conciencias ante as inxustizas e o sufrimento. Debemos pararnos e sentir que cada morte, cada acto violento fainos a todos e a todas vulnerables.
É por iso polo que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos.
No noso centro o alumnado de 4º ESO tomou a iniciativa de visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral a través de varios audiovisuais que podedes ver máis abaixo.
No primeiro gravaron un programa onde entrevistaron ás responsables do CIM (Centro de Información á Muller) do concello de Ares e a varios profesores do noso centro que respostaron amablemente ás súas preguntas.
Nos segundos, María, Valentina, Andrea e Marcela poñen as súas voces para narrar como sinte unha muller a indiferenza, a humillación ou a dor polo simple feito de ser muller.
Parabéns ao alumnado de 4º de ESO polo traballo e por suposto a todas e todos os que colaboraron dalgún xeito na súa realización.











Así mesmo en colaboración co CPI Virxe da Cela de Monfero, realizouse unha exposición de carteis creados  polos alumnos/as de ESO de ámbolos dous centros na que mostran, a través da imaxe, a súa visión sobre esta data. (Podedes premer na imaxe para velos en grande).













Por último dicir que, a todos os que formamos parte do CPI  As Mirandas, encantaríanos que moi pronto, o 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, non haxa nada que celebrar. Porque celebrar este día, deste xeito, non é unha festa, é un toque de atención para que nos demos conta e nos levantemos en defensa dos nosos dereitos e liberdades, porque as mulleres somos iguais aos homes e nada nin ninguén debe someternos. Mentres tanto, desde o noso colexio, seguiremos educándonos na igualdade e loitando pola dignidade de todos e todas.

Finalizamos coas verbas dunha excepcional muller, Clara Campoamor quen dixo: 

“ACUSEI AS INXUSTIZAS PORQUE NON QUERO 
QUE O MEU SILENCIO AS ABSOLVA”

A pesar das nosas diferenzas, compartimos a mesma realidade e estamos unidos na loita para conseguir que o mundo sexa un lugar mellor para todas e todos.
Porque queremos outro mundo, e sabemos que é posible....

CONSTRUÁMOLO ENTRE TODOS!

domingo, 17 de noviembre de 2019

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S. "MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA". UN CONTO POLO DEREITO Á EDUCACIÓN UNIVERSAL.

"A cadeira vermella" é a campaña que a ONG Entreculturas lanza para concienciar á poboación do Dereito á Educación de máis de 61 millóns de nen@s en todo o mundo que están sen escolarizar.
 Un grupiño de alumnos/as de 1º e 4º da ESO axudaron a presentar esta campaña reivindicando a escolarización universal para todos os nenos e nenas do mundo. Así, realizaron diversas sesións de contacontos para o alumnado de infantil e primaria. Nas sesións os rapaces da ESO narraron o conto “Mahán e a cadeira vermella”, un conto creado polo alumnado do cole Virxe da Cela de Monfero, e que fala sobre o Dereito á Educación Universal. Logo como parte da dinámica, realizaron o xogo de “ A cadeira vermella” así como un pasapalabra sobre o conto. Ao remate da sesión todos os nenos e nenas foron agasallados cunha pegatina alusiva a esta data e levaron unha pequena “cadeiriña vermella” para a súa clase, como símbolo do Dereito á Educación de todos os nen@s do mundo.



Por outra banda, na entrada de secundaria temos un mural realizado polo alumnado da ESO acompañado dunha cadeira pintada de cor vermella. Animamos a todos e todas os que o desexen, a tomar unha foto no mural coa cadeira vermella para realizar unha montaxe fotográfica como apoio á Educación Universal. 



Esta actividade está organizada polo EDLG, a Biblioteca escolar e o Departamento de Reli e valores. Queremos  a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e ofrecernos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias.