jueves, 28 de septiembre de 2023

SOMOS UN POBO DE ARTISTAS. DÍA DO ORGULLO NEOFALANTE


Con motivo do Día do Orgullo Neofalante, hoxe xoves 28, o alumnado de 1º de ESO levou a termo  un obradoiro baixo o título “ Somos un pobo de artistas”. Esta actividade que se vai a desenvolver en varias fases ten como obxectivos:

·         Reflexionar sobre a importancia da diversidade lingüística, as falantes e neofalantes de linguas minorizadas e os seus propios usos lingüísticos.

·         Dar a coñecer referentes da riqueza e diversidade da música galega contemporánea.

·         Fomentar a curiosidade e o aprecio pola escena musical en galego.

·   Elaborar un pódcast onde recoller e espallar a experiencia e as aprendizaxes da actividade.

Andrea Rico Adega, que pertence a asociación Rexenerando S. Coop. Galega, foi a persoa encargada de impartir a formación.

Tras este primeiro obradoiro cada grupo, partindo dos coñecementos previos e da unidade didáctica Cantámola en galego, realizará un traballo de investigación onde afondará e visibilizará a enorme variedade da escena musical galega, ofrecendo referentes actuais de diferentes estilos.

Cada grupo rematará o guión iniciado na primeira sesión e escollerá unha ou varias representantes para locutalo rematando a actividade coa gravación de pódcast.

Esta actividade foi coordinada dende o noso centro polo Equipo de Dinamización Lingüística e o departamento de Lingua Galega e impulsada pola Concellería de Cultura de Ares, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade.

 Proximamente penduraremos os pódcast realizados polo alumnado.



 

jueves, 21 de septiembre de 2023

DEPORTE NA NATUREZA. SPORURAL

 ➡️ A Concellería de Deportes do Concello de Ares, en colaboración co CPI As Mirandas, o Club Marítimo de Redes (sección kaiak) e a empresa de turismo activo Kapitrek, desenvolveu onte dunha actividade deportiva na natureza deseñada especificamente para os estudantes de 3º de ESO.

➡️ Esta iniciativa inscríbese no proxecto Erasmus deportivo coñecido como SPORURAL, que está baixo o liderado do Concello de Ares. SPORURAL é un proxecto que ten como obxectivo fusionar tres elementos fundamentais: o deporte ao aire libre, a conciencia ambiental e a innovación tecnolóxica en contextos rurais en toda Europa.

▶️ Ademais do Concello de Ares, SPORURAL conta coa colaboración de tres entidades internacionais destacadas: a asociación cultural INNOdxt, tamén con sede na provincia da Coruña; o club húngaro de actividades na natureza centrado no BTT, Crosskovacsi Sport; e a entidade de atletismo de Mykonos, en Grecia, EAS CYCLADES.

▶️ A misión principal de SPORURAL é promover prácticas deportivas sostibles en contornas naturais rurais en toda Europa. Este proxecto  apoiado pola Unión Europea, busca democratizar e difundir actividades deportivas que combinen a paixón polo deporte ao aire libre, a conservación do medio ambiente e a aplicación de tecnoloxías accesibles.

▶️ O alumnado de 3º de ESO participou en dúas actividades diferenciadas. Por unha banda, na actividade de kaiak e contribución ambiental, os estudantes embarcáronse en kaiaks xunto ao monitor do Club Marítimo de Redes Kayak Redes e navegaron ata a praia de Area Morta. Durante este traxecto o alumnado involucrouse activamente na conservación da contorna mariña, recollendo plásticos e outros residuos flotantes na auga. Ademais, levaron a cabo unha exhaustiva inspección visual da praia de Area Morta, identificando e rexistrando os residuos presentes na zona.

▶️ Doutra banda, a outra metade do grupo participou nunha actividade de orientación individual e preservación ambiental, organizada por Kapitrek. Utilizando aplicacións móbiles previamente descargadas,  embarcáronse na procura de letras ocultas no plano de Redes, co propósito de formar a palabra "SPORURAL". Ademais da súa tarefa de orientación, recolleron residuos durante o seu percorrido, promovendo activamente a conciencia ambiental.

lunes, 11 de septiembre de 2023