martes, 30 de mayo de 2023

EXITO DA V FEIRA "DANZANDO CO MUNDO QUE QUEREMOS"

 Non podemos estar máis que satisfeitos da xornada de onte na que se reflectiu o traballo colaborativo realizado no noso cole durante este curso e que deu como resultado a V Feira “Danzando co mundo que queremos”.

Parabéns a toda a comunidade educativa: a todos os profes de infantil, primaria e secundaria, a todo o alumnado do centro desde os máis pequerrechos ata os máis maiores, que traballaron e colaboraron dunha maneira impecable realizando unha gran labor en cada un dos stands representados; aos alumn@s  da materia de tecnoloxía pola realización dese estupendo piano de chan que tanto gustou aos nenos e nenas; ao grupiño de músicos da mini Big Band que nos acompañou durante toda a xornada- xodes uns cracks-, a Tino Fernández e os seus alumnos do CIFP Ferrolterra por eses obradoiros de robótica- unha delicia para os nenos e nenas, e que ben o pasaron-,  aos profes e alumnado de infantil e primaria que prepararon esa actuación de baile tan chula e por suposto á dirección e profesorado do CPI As Mirandas por promover e apoiar todas as iniciativas que se están a levar a termo no noso centro e a todas as familias e veciñanza que nos acompañaron nesta xornada.

Grazas a todos por facer que resultase todo un éxito



martes, 23 de mayo de 2023

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NO DEPARTAMENTO DE TECNOLOXÍA

 Ao longo do curso, o Departamento de Tecnoloxía levou a cabo distintas actividades extraescolares co alumnado do centro.

Os alumnos e alumnas de Educación Dixital de 3º ESO participaron, no mes de novembro, nun concurso de robótica organizado polo concello da Coruña. Tiveron que resolver distintos retos relacionados coa programación dun robot Lego Mindstorms EV3. Aínda que o nivel das probas foi bastante esixente, a experiencia resultou ser moi enriquecedora.

Pola súa parte, o alumnado de 4º ESO visitou, no mes de maio, as instalacións de Sotavento, na que recibiron unha pequena charla sobre os distintos tipos de fontes de enerxía que se empregan para obter electricidade. Tamén realizaron un obradoiro no que tiveron que acender un díodo LED e unha lámpada con placas fotovoltaicas. E puideron comprobar como aproveitar os recursos naturais para construír unha vivenda bioclimática, contribuíndo ao aforro enerxético e á redución da contaminación atmosférica. E que mellor que rematar a xornada que cunha andaina, organizada polo Departamento de Educación Física, pola beira do río Trimaz (Cabreiros), permitíndolles observar as impresionantes paisaxes de campeiros e fragas.

 

Os rapaces e rapazas de 2º ESO visitaron, tamén no mes de maio, o MUNCYT da Coruña. Alí realizaron a montaxe de distintos circuítos eléctricos e electrónicos e explicáronlles a evolución da tecnoloxía dende principios do século XX ata a actualidade.


E para rematar, os máis pequenos de Educación Secundaria, 1º ESO, que visitaron as instalacións de Navantia (Fene), nas que  puideron comprobar, de primeira man, as dimensións da ponte grúa e ver os distintos jackets que se empregan para instalar os aeroxeneradores no medio dos mares e océanos.


PROXECTOS DE TECNOLOXÍA

Construír produtos tecnolóxicos para resolver problemas e satisfacer as necesidades dos seres humanos. Esa é a función da tecnoloxía e a iso se dedicou o alumnado dos distintos grupos do noso centro escolar nas materias de Tecnoloxía e Educación Dixital.

Estruturas de papel capaces de soportar o peso dunha persoa, xogos e maquetas de distintos medios de transporte empregando material de refugallo, reloxos solares, tangrams, bailarinas movidas mediante mecanismos de transmisión de movemento, montaxe de circuítos electrónicos soldando os seus compoñentes en placas perforadas, prácticas de instalacións eléctricas, deseño de obxectos en 3D, prácticas de programación da placa Arduíno, programación de distintos videoxogos realizados con Scratch,... son algúns exemplos das distintas tarefas e proxectos realizados polo alumnado de 1º a 4º de ESO.

Nas seguintes imaxes aparece parte do alumnado de 2º de ESO amosando os seus produtos finais.

PARABÉNS a todos e todas polo gran traballo realizado!

 





jueves, 18 de mayo de 2023

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: O GALEGO DA MOITO XOGO

Este  xoves, 18 de maio, celebramos unha carreira de relevos pola nosa vila para festexar co deporte e coa lingua o Día das Letras Galegas 2023.

A actividade consistiu nunha “Carreira de relevos pola lingua” na que participou o alumnado do noso centro.  A carreira contou cuns relevos cooperativos e ao remate montouse un  crebacabezas coas pezas que se foron recollendo,  con frases motivadoras para fomentar o uso do galego e a práctica do deporte. Para isto desenvolveuse un traballo previo sobre citas e sobre deporte en relación co Día das Letras.

CARREIRA DE RELEVOS POLA LINGUA 

Tamén o alumnado de infantil e primaria uniuse a esta celebración  cunha actividade que consistía en buscar pistas e retos agochados por todo o patio. Unha vez atopados tiñan que resolver ditos retos para ir completando un panel con contidos relacionados co noso idioma baixo o lema "O galego da moito xogo". 

Esta actividade foi proposta polo Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade e a Concellaría de Cultura de Ares en colaboración cos departamentos de Educación Física e o EDLG do noso centro. 


 

 

 

lunes, 15 de mayo de 2023

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023 POR AFUNDACIÓN

Para homenaxear o Día das Letras Galegas 2023, desde Afundación convidámosvos a coñecer e participar nas seguintes actividades dixitais. 

Un conto para que visualicen os máis pequen@s e un xogo para participar e comprobar os coñecementos sobre Francisco Fernández del Riego. EDUCACIÓN INFANTIL: Conto "O misterioso salouco de Don Paco"



sábado, 13 de mayo de 2023

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023 NO CPI AS MIRANDAS

 A Real Academia Galega escolleu este ano ao escritor en intelectual Francisco Fernández del Riego como persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023 .

 

En Vilanova de Lourenzá nace Francisco Fernández del Riego, o 7 de xaneiro de 1913, primeiro fillo dunha extensa familia. Tras formarse no seu pobo natal e en Mondoñedo, en 1930 iniciou a carreira de Dereito en Madrid, pero ao ano seguinte instalouse coa súa familia en Santiago de Compostela, onde a acabou en 1934 e empezou a exercer como profesor axudante de Dereito Civil. Ao estalar a guerra en 1936 alistouse para evitar ser represaliado polas súas actividades políticas, pois non só era secretario das Mocidades Galeguistas, senón que fixera unha intensa campaña en apoio do estatuto de autonomía de Galicia plebiscitado en 1936, e era coñecido como un destacado membro da xeración de mozos intelectuais do Seminario de Estudos Galegos. Tras a guerra instalouse en Vigo, contraeu matrimonio e comezou a traballar primeiro como profesor no ensino privado e despois como avogado.


En 1943 empezou a reorganizar o Partido Galeguista na clandestinidade. En 1950 fundou, xunto con outros galeguistas, a emblemática Editorial Galaxia, na que se ocupou da xerencia. En 1960 ingresou na Real Academia Galega, conseguindo que a partir de 1963 a institución escollese anualmente unha figura da cultura galega que protagonizase o Día dás Letras Galegas, que desde entón celébrase o 17 de maio. En 1963 comezou a súa andaina a revista galega de cultura Graal, que Fernández del Riego codirixiu con Ramón Piñeiro durante os seus cen primeiros números, ata 1988; tamén en 1963 implicouse activamente na creación da Fundación Penzol, cuxa biblioteca —de consulta imprescindible para temas galegos— dirixiu. En 1964 participou na fundación do Partido Socialista Galego (PSG), no que militou ata 1978. En 1997 foi elixido presidente da Real Academia Galega, e imprimiu a esta un aire máis dinámico durante os catro anos en que, por limitación estatutaria, estivo á fronte da institución.
Á narrativa chegou tardíamente, ao publicar en 1992 Ou cego de Pumardedón, onde fai ficción da súa vivencia da Guerra Civil.

 Posiblemente é a figura máis premiada da historia da cultura galega, pois recibiu, entre moitos outros, os seguintes galardóns: Premio de Ensaio do Centro Galego de Buenos Aires (1948), Premio Pedrón de Ouro (1979), Medalla Castelao (1985), Premio Trasalba (1988), Premio de Creación Cultural da Xunta de Galicia (1992), doutor honoris causa da Universidade de Vigo (1992), Galego Egrexio (1993), Premio Fernández Latorre de Xornalismo (1994), Premio Otero Pedrayo (1995), Insignia de Ouro da Universidade de Santiago (1996), e o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1997).


As nenas e nenos de infantil celebran o Día das Letras galegas co recitado de poemas en galego.








Alumnado da ESO traballando na exposición de cartaces sobre a vida e obra de Florencio Delgado que está exposta nos corredores do centro.




jueves, 11 de mayo de 2023

ENCONTRO INTERXENERACIONAL

 Como en anos anteriores, tamén este curso viñeron compartir con nós as súas vivencias catro persoas que pasaron pola experiencia da emigración. Carmen, María José , Lito e Manuel narráronnos como foi a peripecia das súas vidas. A emigración de Lito, sendo un neno, a Arxentina e máis adiante, xa adulto, a Santo Domingo. A marcha de Manuel a New Jersey moi novo e os seus complicados comezos. Con Carmen coñecimos a emigración a Europa, concretamente a Holanda e o contraste que senten os emigrantes en lugares moi diferentes ós da súa orixe. E con María José vimos outra cara da emigración, o exilio; vimos a inxustiza da ditadura franquista sobre tantas españolas e españois retratada na fuxida da súa familia.

Os nosos alumnos e alumnas de 2º de ESO fixeron un traballo de investigación sobre a existencia de emigrantes entre a súa familia ou amigos e elaboraron uns magníficos traballos sobre eles. Amosaron varios deses traballos ós nosos visitantes e foi unha experiencia moi enriquecedora, sorprendémonos con algunha historia, choramos con outras e con todas aprendemos o duro que resulta abandonar o propio fogar pola incertidume dun futuro nun lugar descoñecido.

Moitas grazas a todos e todas as persoas que co seu esforzo axudaron a facer un mundo mellor e ademais veñen a compartilo con nós.

miércoles, 10 de mayo de 2023

AS ABELLAS, PROXECTO EN EDUCACIÓN INFANTIL

 Ao longo deste curso 2022-2023, nas aulas de Educación Infantil estivemos a traballar nun proxecto sobre as abellas. En torno a tres preguntas -que sabemos, que queremos saber, que temos aprendido- levamos a cabo unha serie de actividades que nos permitiron pescudar que son as abellas, como é o seu corpo, como nacen, onde viven, que comen, por que son tan importantes, etc.

👉As nenas e os nenos, en colaboración coas súas familias, aportaron diversos materiais que nos axudaron moito nas nosas pescudas.

 👉Para saber máis, visitamos a Casa do Mel en Goente, onde puidemos coñecer de preto a vida das abellas, o que nos aportan e cal é o traballo dos apicultores.

 👉Creamos na horta escolar un xardín con flores de diferentes variedades para colaborar na alimentación das abellas e facilitar a súa observación no medio natural. Instalamos ademais un refuxio para insectos.

 👉Agora que coñecemos as abellas e a súa importancia, seremos moito máis respectuosos coa natureza que nos rodea e da que formamos parte.

 



VISITA Á CASA DO MEL EN GOENTE

martes, 2 de mayo de 2023

VISITA DO ALUMNADO DE 2º ESO A COMPOSTELA

 Os alumnos de 2º de ESO  fomos de excursión a visitar Compostela coas profes Yoli e Rocío. O programa incluía unha visita aos museos da catedral e ao Pórtico da Gloria restaurado fai uns cantos anos. A verdade é que é espectacular. Despois  da restauración resalta máis a súa policromía e os detalles.

Aprendemos cousas que non sabiamos da man da guía da catedral e da nosa profe de historia Rocío. Logo puidemos ver polo miúdo o interior. Queriamos visitar as reliquias que uns pensaban de Santiago e outros de Prisciliano. Percorremos o interior, sobre todo vendo as capelas da ábsida e a Capela da Corticela. Con isto e a visita polas fachadas exteriores, rematamos a parte da Catedral e comezou a actividade sorpresa: unha carreira na procura de lugares polo casco histórico da cidade.

Divididos en grupos aleatorios, tiñamos que buscar diferentes sitios no casco antigo de Compostela. Axudados pola tecnoloxía e cunha aplicación de móbil onde, nun plano da cidade, se marcaban os diferentes puntos coa información e pistas sobre o que tiñamos que atopar, partimos  cara a aventura. Tiñamos que localizar 13 puntos da cidade e, en cada un, facer un selfi onde saíran todos os integrantes do grupo.

A verdade e que o pasamos xenial e nos pareceu un xeito divertido de aprender un montón sobre Compostela, de cooperar en grupo e tamén un bo exercicio de orientación sobre o plano.  Rematamos cansos e chegou a hora de xantar. Tiñamos diferentes opcións para comer aínda que a maioría optou polo equilibrado menú do Burguer King ou o McDonalds.

Chegamos cansos pero contentos!. Un día xenial.






VIAXAMOS DE EXCURSIÓN A LUGO Por Ariadna e Lara

 O luns pola mañá collemos o bus para ir a Lugo dende o colexio. Durante a ida, paramos en urxencias porque a Alejandro Mahía doíalle o peito. Unha vez chegamos ao noso destino, visitamos o Vello Cárcere, que hoxe en día é un museo, ademais dun lugar de exposicións.

O cárcere era un lugar grande, con moita historia que contar. Por exemplo, alí contáronnos que nela había un corredor principal que conectaba a zona dos homes coa das mulleres, e a porta que unía esas zonas tíñase que pechar cada vez que un preso pasaba. Tamén nos contaron que algunhas celas tiñan vistas ao exterior para poder falar coa xente de fora. Principalmente as celas eran para moi poucas persoas, pero finalmente, debido a cantidade excesiva de presos que habían, as celas que ao mellor eran para dez persoas, terminaron sendo para cincuenta. Na visita, tamén nos deixaron ler algunhas das cartas que os presos escribían ás súas familias cando sabían que os ían matar.

Como xa dixemos antes, actualmente é un museo e un lugar de exposicións, e aquel día coincidimos cunha exposición de arte que algúns visitamos con máis detalle cando nos deixaron visitar o cárcere por libre.

Ao rematar a visita, sacámonos unha fotos todos xuntos na muralla de Lugo e logo marchamos en grupos a comer onde quixéramos.

Mentres algún ían ao Goiko a comer unhas hamburguesas grandes e moi ricas, Oscar Bañobre perdeuse, e Cristian tivo que ir a buscalo.

Máis tarde, visitamos o Castro de Viladonga; primeiro entramos ao museo, onde observamos algúns restos de cousas que utilizaban naquela época, como xogos cos que xogaban. Despois, visitamos a zona do Castro, onde observamos como evolucionou o longo dos anos , xa que a base das construcións cambiaba. E tamén observamos que no pozo onde gardaban o auga, aínda había auga, feito que lle fixo moita ilusión á profesora.

E por último, marchamos cara Ares ao redor das seis da tarde. Ao día seguinte vimos o vídeo do Castro en clase, xa que aquel día chegáramos tarde e non o puidemos velo alí.