jueves, 21 de marzo de 2013

EXCURSIÓN DOS DE 5º EP Á CORUÑA

O día 13 de marzo os alumnos de 5º de EP fomos de excursión a Coruña e pasámolo moi ben. Xa de camiño, na autoestrada, vimos un pouco de neve pero logo tivemos un día moi bo. No centro cultural ÁGORA escoitamos un concerto didáctico: "As formas do noso folclore", a cargo da Banda Municipal de Coruña. Logo xantamos e visitamos a Domus. Pola tarde fomos a Casa das Ciencias, onde estivemos nunha sesión no Planetario e aprendemos o nome dalgunhas estrelas e constelacións.Gustounos moito.
Alumnado de 5º de EP.

jueves, 21 de febrero de 2013

Día de Rosalía de Castro 2013

O 24 de febreiro (data de nacemento de Rosalía) está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no seu Calendario do Libro e da Lectura.
Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas, pois asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
Dado que este ano o Día de Rosalía de Castro ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta,a Asociación  de Escritores en Lingua Galega propón que, alén doutras actividades propias que cada centro impulse para conmemorar esta data, os colexios participen da iniciativa consistente en facer gravacións en vídeo de lecturas por parte do alumnado de poemas de Cantares Gallegos. Estas gravacións, unha vez recibidas na AELG, serán subidas á web www.aelg.org de forma que poidamos conseguir con todas as achegas unha lectura colectiva íntegra dos Cantares.
No noso centro os alumnos e alumnas da clase de 2ºA, dirixidos pola súa profe de lingua galega Luísa Corredoira e en colaboración co EDL do centro, participaron nesta proposta. Aquí tedes ao alumnado de 2º recitando o poema “Un repoludo gaiteiro” do poemario “Cantares Gallegos”.

              

Tamén os nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria quixeron homenaxear a figura de Rosalía neste aniversario da súa obra e fixeron un mural con versos da poetisa copiados e ilustrados por eles mesmos. Completaron o mural co seu retrato feito con anaquiños de papel de revista. E... como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí tedes o magnífivo resultado.



ENTROIDO 2013

Colorido, desfiles, bailes e moita alegría é o que se vivíu no noso cole na celebración do Entroido 2013 para compensar o frío invernal que nos acompañou o venres 8 de febreiro. Polo cole pasaron os personaxes máis emblemáticos do comic e dos debuxos animados como Zipi e Zape, Mortadelo e Filemón, Bop Sponxa, os Picapedra, entre outros...
Tamén o alumnado de secundaria amenizou este día con unha morea de bailes e coreografías cada cal mellor. Mención especial a Xacobo e Belén que formaron parte das coreografías dos alumnos/as de 2º e 3º da ESO e que o fixeron moi ben. O remate a Anpa convidounos a orellas de Antroido e refrescos. Pasámolo xenial.
Aqui tedes unha mostra do noso Entroido.

martes, 12 de febrero de 2013

O NACEMENTO DO DRAGÓN

Antano hai xa moito tempo nos días en que non existían os dragóns... Así comeza “O nacemento do dragón”, como esas historias que dan calor. Un conto que os rapaces e rapazas de 2º ESO B xunto cos de 4º ESO de plástica e música, lles contaron aos pequerrechos de infantil para conmemorar o Día da Paz e a non Violencia. A historia baséase nos animais sagrados que protexían aos habitantes da China, e que provocaban as guerras entres eles, pero entón, os seres máis intelixentes á vez que inocentes do planeta, os nenos e as nenas, crearon o dragón, unha unión entre todos os outros animais e que xerou que todo o mundo estivese de acordo por unha vez e reinase a paz entre eles. Por iso o DRAGÓN simboliza en China a paz. Aos pequerrechos gustoulles moito e gozaron coa representación dos maiores, que estivo adornada pola estupenda recreación dos animais que foron feitos no taller de plástica polos alumnos de 4º e a súa profe Marisa. Para rematar a representación, os alumnos e alumnas de 4º de música, dirixidos pola súa profesora Teresa, interpretaron “O inverno”, unha peza de Vivaldi
Unha vez máis damos as grazas aos nenos e nenas de infantil e as súas profes por seren un público tan agradecido. Queremos tamén dar a en hora boa ao alumnado de 2º e 4º  da ESO e as súas  profesoras Teresa, Marisa e Luisa por este traballo tan ben feito.
Aquí deixámosvos unha reportaxe gráfica do evento. 

Representación de "O nacemento do dragón"
                
          

Interpretación de "O inverno" de Vivaldi


 

            



jueves, 7 de febrero de 2013

XA ESTÁ AQUI O ENTROIDO

Ola amig@s xa está aquí o entroido e xa sei que estades a preparar como todos os anos os vosos disfraces que,seguro, serán superchulis. 
Se premedes no debuxo que tedes abaixo encontraredes materiais e recursos relacionados coa celebración do mesmo.

sábado, 2 de febrero de 2013

VIDEOCONFERENCIA DA BAC "GABRIEL DE CASTILLA" CO NOSO CENTRO

De novo, este curso, tivemos a oportunidade de conectarnos vía Skype coa base española Gabriel de Castilla, situada na Illa Decepción, na Antártida. Entre os científicos que traballan nesta estación española atópase Xavier Cristobo, un aresán que á parte de mergullarse nas xélidas augas polares, leva anos inmerso no mundo da investigación biolóxica, sendo na actualidade o director do Centro Oceanográfico de Xixón. Veciño e amigo aceptou, outro ano máis, a nosa petición para transportar a nosa lingua alén dos mares, e con grande simpatía e coñecemento, contestou cada unha das preguntas formuladas polos rapaces e rapazas do noso centro. Xavier Cristobo recibiu os parabéns de todos os asistentes a esta videoconferencia, e esperemos que esta colaboración siga sendo duradeira. 
Recorda Xavier que estás convidado a visitar outra vez o noso centro cando voltes a Ares. Deixamos pendurado no blogue o vídeo da videoconferencia e un dossier con máis datos sobre este interesante proxecto da Antártida e os fermosos debuxos do caderno de bitácora de Xavier Cristovo, que tanto evocan o diario do afamado Charles Darwin na súa travesía a bordo do Beagle...

      

miércoles, 30 de enero de 2013

DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA. 30 XANEIRO DE 2013

Este mércores 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia. Neste día, ademais de conmemorar o aniversario da morte de Gandhi, trataremos de imaxinar un mundo sen violencia, sen guerra, sen odio, sen prexuízos, sen pobreza... un mundo no que todos poidamos vivir en harmonía e igualdade. O obxectivo deste día é resaltar a importancia da educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto polos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz. E destacar o papel dos centros educativos como instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión. No noso cole quixemos resaltar a importancia deste día realizando unha serie de actividades. Así os alumnos e alumnas de 1º da ESO fixeron un programa de radio sobre a Paz que foi emitido integramente en Radio Fene dentro do seu programa a Fenestra Solidaria. Se premedes no podcast que tedes debaixo podedes escoitalo. Non vos deixará indiferentes!. En hora boa ao alumnado de 1º.

                                              

Tamén o alumnado de secundaria, amosando os seus dotes artísticos, quixo poñer o seu gran de area realizando unha serie de debuxos alusivos á paz que, posteriormente, convertemos en pegatinas. Estas foron repartidas a toda a comunidade educativa. Aquí tedes unha presentación dos deseños. 

 Manifesto que os maiores de primaria leron nas clases co gallo do Día da Paz.

                   

lunes, 14 de enero de 2013

AGRADECEMENTO DA ONG "SAVE THE CHILDREN"

A Ong "Save the Children" agradece a nosa contribución para paliar a falta de recursos dos nenos e nenas da rexión da Sahel, a través da "Carreira Quilómetros de Solidariedade". Se picades na imaxe podedes acceder ao seu blogue .



martes, 8 de enero de 2013

RECADACIÓN CARREIRA "QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE"

Na recadación da carreira “Quilómetros de Solidariedade”, realizada no noso centro neste Nadal, conseguimos a cantidade de 479,05 euros. Estes cartos foron ingresados na conta bancaria da O.N.G. Save the Children.  Grazas a todos e todas pola vosa colaboración e solidariedade.


                          


jueves, 20 de diciembre de 2012

ACTIVIDADES SOLIDARIAS NO NOSO CENTRO


Xuntos por un obxectivo común: que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades. Este é o lema co que o alumnado de secundaria do CPI Conde de Fenosa de Ares afrontou a II Maratón Solidaria que se realizou no noso centro.
Cada rapaz e rapaza abonou 1 € por inscribirse na carreira. Tamén buscaron patrocinadores entre os seus familiares e os comercios e empresas do concello. A recadación que ascendeu a 450 euros foi a parar  a través da ONG “Save the Children” aos nenos e nenas da rexión do Sahel (zona entre o deserto do Sáhara no norte e a sabana sudanesa no sur).
Os rapaces estiveron apoiados pola atleta aresana Paula Mayobre que, como na anterior edición,  acompañou aos rapaces/as neste evento.
Por outra banda o centro realizou por cuarto ano consecutivo a “Operación Quilo de Nadal” na que se recolleron 500 quilos de alimentos que foron levados onte, a dúas institucións benéfico sociais, Cociña Económica de Ferrol e Cáritas de Ares.
Agradecemos ao Concello a súa colaboración transportando os alimentos ás institucións sinaladas así como no transcurso da Maratón Solidaria controlando o tráfico e a carreira.

Aqui deixámosvos un avance da reportaxe que proximamente poderedes ver neste blogue.



miércoles, 19 de diciembre de 2012

TESMOITALINGUA NAS ONDAS

Xa está aqui o Nadal e con él estreamos o primeiro programa do canle "Tesmoitalingua nas ondas".  O alumnado de 2º da ESO realizou en riguroso directo un programa especial Nadal. Podedes escoitalo premendo debaixo. Esperamos que vos guste.