jueves, 21 de febrero de 2013

Día de Rosalía de Castro 2013

O 24 de febreiro (data de nacemento de Rosalía) está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no seu Calendario do Libro e da Lectura.
Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas, pois asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
Dado que este ano o Día de Rosalía de Castro ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta,a Asociación  de Escritores en Lingua Galega propón que, alén doutras actividades propias que cada centro impulse para conmemorar esta data, os colexios participen da iniciativa consistente en facer gravacións en vídeo de lecturas por parte do alumnado de poemas de Cantares Gallegos. Estas gravacións, unha vez recibidas na AELG, serán subidas á web www.aelg.org de forma que poidamos conseguir con todas as achegas unha lectura colectiva íntegra dos Cantares.
No noso centro os alumnos e alumnas da clase de 2ºA, dirixidos pola súa profe de lingua galega Luísa Corredoira e en colaboración co EDL do centro, participaron nesta proposta. Aquí tedes ao alumnado de 2º recitando o poema “Un repoludo gaiteiro” do poemario “Cantares Gallegos”.

              

Tamén os nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria quixeron homenaxear a figura de Rosalía neste aniversario da súa obra e fixeron un mural con versos da poetisa copiados e ilustrados por eles mesmos. Completaron o mural co seu retrato feito con anaquiños de papel de revista. E... como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí tedes o magnífivo resultado.



No hay comentarios:

Publicar un comentario