sábado, 2 de febrero de 2013

VIDEOCONFERENCIA DA BAC "GABRIEL DE CASTILLA" CO NOSO CENTRO

De novo, este curso, tivemos a oportunidade de conectarnos vía Skype coa base española Gabriel de Castilla, situada na Illa Decepción, na Antártida. Entre os científicos que traballan nesta estación española atópase Xavier Cristobo, un aresán que á parte de mergullarse nas xélidas augas polares, leva anos inmerso no mundo da investigación biolóxica, sendo na actualidade o director do Centro Oceanográfico de Xixón. Veciño e amigo aceptou, outro ano máis, a nosa petición para transportar a nosa lingua alén dos mares, e con grande simpatía e coñecemento, contestou cada unha das preguntas formuladas polos rapaces e rapazas do noso centro. Xavier Cristobo recibiu os parabéns de todos os asistentes a esta videoconferencia, e esperemos que esta colaboración siga sendo duradeira. 
Recorda Xavier que estás convidado a visitar outra vez o noso centro cando voltes a Ares. Deixamos pendurado no blogue o vídeo da videoconferencia e un dossier con máis datos sobre este interesante proxecto da Antártida e os fermosos debuxos do caderno de bitácora de Xavier Cristovo, que tanto evocan o diario do afamado Charles Darwin na súa travesía a bordo do Beagle...

      

No hay comentarios:

Publicar un comentario