sábado, 16 de noviembre de 2024

PENSAR O TURISMO DESDE A ÓPTICA DA INFANCIA

🔷O xoves 14 de novembro unha delegación de 70 nenos e nenas do 1º ciclo de primaria visitaron as instalacións do Concello para coñecelo, aprender como se desenvolve a institución no día a día e falar coa concelleira de Turismo, Lucía Blanco, que os atendeu e lles fixo unha petición particular.

 🔷 Blanco convidou aos pequenos a resolver unha cuestión: que espazos de Ares son importantes para eles? Como podemos contarlle a un amigo que nunca estivo na vila o seu valor, os lugares que ten que visitar? Esas dúas preguntas son as que traballarán na aula co seu profesorado, de cara a crear un tríptico no que se incorporen as súas ideas, dando unha visión do municipio dende a óptica da infancia. Os parques, as praias, a Praza da Constitución co seu palco… son algúns dos espazos que xa resoaron na visita da rapazada.

 🔷 A expedición do CPI As Mirandas levounos até o salón de plenos da casa consistorial, onde a edila de Turismo explicoulles que decisións se toman neste epicentro de representación da vila de Ares e que fai cada concellaría coa súa área de traballo. 

 🔷 Houbo tempo tamén para formular dúbidas dende os máis pequenos, como o porqué dos nomes das rúas, continuando co proxecto que xa desenvolveron previamente de percorrer o casco urbano de Ares para identificar certas vías ou lugares de interese, aproveitando o rueiro municipal que lles entregaron na Oficina de Información Turística do Concello.

 🔷 Foi no propio salón de plenos onde Blanco lles achegou a súa petición para que entre todos poidan elaborar os trípticos e presentarlle ese abano de ideas sobre os sitios con maior interese turístico da vila. Un xeito de fomentar a participación dos pequenos e pequenas en Ares!






No hay comentarios:

Publicar un comentario