miércoles, 27 de marzo de 2019

FALAMOS DA ESCOLA. O VALOR DA EXPERIENCIA


Por cuarto ano consecutivo o noso centro  está a participar  no programa interxeracional que Afundación (Fundación Galicia Obra Social) realiza nos centros educativos. Un encontro de diálogo e experiencias compartidas  entre maiores e estudantes.
Este ano baixo o título «Falamos da escola», os maiores e o alumnado dialogarán sobre as vivencias o longo da etapa escolar. 
A narración das experiencias escolares e circunstancias de vida das persoas maiores voluntarias nadas nas décadas dos anos 30, 40 e 50 do século pasado son o eixo principal do programa. Este encontro favorece que a xente nova fágase consciente e valore que o dereito á educación universal é un logro moi recente do que as persoas maiores non puideron gozar. Falar da escola vincula a maiores e novos, que dialogan desde a perspectiva histórica que ofrece a relación interxeracional e a tensión creativa de experiencias escolares e vitais tan dispares.

No encontro de hoxe tivemos con nós a un querido profesor  xa retirado que compartiu 36 anos da súa vida no noso cole de Ares, Manolo Martínez (o noso “Donma” como cariñosamente lle chamaba a rapazada). Tamén acompañounos a súa dona Teresa Baz e 3 voluntarios e voluntarias máis (de Pontedeune e Redes) Mari Cordal, Luisa Veiga e Agustín Álvarez, que están a participar neste programa contando como foron as súas vivenvias na escola dos anos 50. Unha experiencia enriquecedora que seguiremos a traballar nun segundo encontro no mes de maio e  no que debaterán, cos rapaces e rapazas, desde os seus puntos de vista acerca de cal debe ser o papel da educación contemporánea. As conclusións ás que cheguen conxuntamente serán recollidas para realizar unha achega orixinal e diferente que enriqueza o debate educativo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario