miércoles, 26 de marzo de 2025

VIDEOCONFERENCIA CON JAVIER CRISTOBO DESDE O BUQUE CIENTÍFICO FALKOR, DO SCHMIDT OCEAN INSTITUTE.


Onte tivemos o privilexio de realizar unha videoconferencia con Javier Cristobo, biólogo e investigador da nosa vila, quen está participando nunha emocionante expedición do proxecto Ocean Census a bordo do buque de investigación Falkor, do Schmidt Ocean Institute (EE.UU.). Esta campaña, que se desenvolve nas augas antárticas das illas Sandwich, conta coa presenza de 26 científicos de doce países, todos unidos co obxectivo de identificar a fascinante fauna de augas profundas, ata 4.500 metros de profundidade.

Durante a videoconferencia, Javier ofreceunos unha completa visita guiada de proa a popa a través do impresionante barco no que se atopa. Explicounos como funciona o ROV Subastian, un vehículo operado remotamente que ten a misión de capturar mostras e obter imaxes de alta resolución en montes submarinos, fontes hidrotermais e a fosa profunda das illas Sandwich. Que marabilla de tecnoloxía!

Tamén puidemos ver desde onde  manipulan o ROV, as dependencias do barco (ponte de mando, laboratorios, heliporto, camarotes, salas de reunións…),  un barco espectacular para unha misión espectacular.

Os alumnos e alumnas estaban entusiasmados e non perderon a oportunidade de facerlle preguntas sobre a misión científica,as súas campañas antárticas e o seu traballo diario. A curiosidade foi palpable, e ao final, non puideron resistir preguntarlle sobre o seu paso como remeiro no club de remo de Ares. Como moitos sabedes, hai un nutrido grupo de estudantes que están vinculados ao club, e foi un momento especial ver como Javier, cun sorriso, contestou a cada unha das preguntas, facendo un guiño á nosa vila e vestindo con orgullo a camiseta do club de remo de Ares.

Esperamos que, ao regreso da expedición, se o seu traballo o permite, acepte a nosa invitación e nos faga unha visita ao noso colexio. Sería unha honra recibilo e escoitar máis sobre as súas investigacións  e o seu traballo.

Grazas, Javier, polo teu tempo, o teu compromiso coa divulgación científica e por levar sempre a Ares alén das nosas fronteiras. Esperámoste cos brazos abertos!

Aquí podedes ver un resumo da videoconferencia.






No hay comentarios:

Publicar un comentario