A ONU declarou o ano 2017 como o Ano Internacional do
Turismo Sostible , nós traducímolo a 2017-Viaxes pola Ciencia nas que vos
convidamos a participar:
-Celebrando a Viaxe do Beagle, a viaxe científica de Darwin
que cambiou a maneira de pensar sobre a orixe das especies, a evolución e o
papel da xenética neste proceso. A Bioloxía fíxose intelixible e adquiriu unha
historia de miles de millóns de anos de evolución, marcada tamén pola evolución
xeolóxica.
-Celebrando as Viaxes de Domingo Fontán para elaborar con
métodos modernos, matemáticos e exactos o primeiro mapa actual de Galicia. É un
dos referentes dos científicos galegos, e coa súa Carta Xeométrica coida e mima
co seu saber a nosa terra como poucos.
-Realizando actividades de Ciencia no Camiño de Santiago, unha
viaxe sostible onde as haxa.
-Actividades coa tecnoloxía viaxeira, como o GPS, SIX...
Saídas ao campo. Que tal un debuxo xigante, como os de Nazca, dun labirinto
galego de Mogor, ou un misterioso triskel nas leiras de millo ou prados, de
apariencia extraterrestre?
-Proxectando o Ano Internacional a outras ciencias: en
Xeografía os mapas- que nunca poden faltar nas viaxes-, en matemáticas as
proxeccións, en Tecnoloxía GPS e App inventor... Queremos facer convosco unha
base de datos latitude/lonxitude dos lugares da nosa cultura, románico,
igrexas, fervenzas, vexetación e flora, da fauna e pesca que coñezades.E non só
iso senón as festas, música, todo aquilo que queirades xeoreferenciar na vosa
zona: o voso queixo ou o voso pan...
Un traballo que merece todo un ano para el...
Un grande abano de posibilidades para ir preparando:
-Manexar o GPS, Entender o sistema de coordenadas GPS e os
sistemas de visualización xeográfica como GoogleMaps ou Openstreetmaps.
-Experiencias relacionadas coa orientación. Recrear os
primeiros compases cunha agulla imantada sobre unha cortiza flotando nun
recipiente con auga…
-Expoñer no centro
educativo a serie de carteis sobre Darwin e a Evolución.
-Enviar algunhas fotos a nova carta a través da app
novacarta (que está en novacarta.eu) ou enviando todas as do centro con
xeolocalización de cada unha ou grupo, cos enlaces correspondentes á galipedia,
ás páxinas do Concello ou a todas aquelas que consideredes relevantes para
describir o lugar do voso concello.
Como podedes ver no apartado de premios en
novacarta, solícitase que haxa un profesor responsable que canalice a
participación do alumnado e os motive para
que resalten aquilo que consideran un lugar único e mítico e digno de
ser coñecido en toda Galicia e p or todos os centros. Os dez mellores en
cantidade e calidade recibirán un premio en metálico e outros corenta recibirán
a revista de Igaciencia sobre a luz. Ver http://novacarta.eu/gl/node/7 (ao
final) e http://novacarta.eu/gl/node/8
-Buscar en novacarta.eu as paisaxes e os miradoiros do norte
de Galicia que os fan famosos. O modernismo de Ferrol. A poesía galega ligada á
posición xeográfica. Comparar as distintas versións en distintas linguas da
galipedia. Facer unha composición, por exemplo, sobre o cabo e faro Vilán
despois de buscalo en Novacarta e explicar porque a súa grandeza ben pode ser
símbolo de Galicia.
-Apuntarse en http://www.igaciencia.eu/?q=content/colabora-eou-participa para
colaborar en novacarta.eu ou en cienciaengalego.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario